Nas competicións galegas xa vemos goleadoras que están marcando a diferenza e tomando posición no ránking de pichichis. Con gran capacidade para definir partidos, moitas destas xogadoras son pezas chave para os seus equipos, convertíndose en protagonistas xornada tras xornada e outras incluso, tempada tras tempada.
Neste artigo, repasamos o top 5 de máximas goleadoras da máxima categoría galega antes de chegar ao final desta primeira volta. Destacaremos os seus números anotadores, os seus estilos de xogo e a súa importancia na loita polos obxectivos dos seus equipos.
Top 5 goleadoras de Primeira Galega
- Daniela Macedo (Orzán SD): 17 goles
Liderando a táboa de goleadoras en Primeira Galega, Daniela con tan só 14 anos, está demostrando ser unha atacante imparable. A súa capacidade para atoparse co gol convértea nunha ameaza constante para as defensas rivais. Con 17 goles no que vai de ano, é unha das referencias ofensivas do equipo coruñés que loita por revalidar o título de campioas.
As de Coruña aínda non coñecen a derrota no que vai de curso e son o equipo máis resolutivo en ataque con 48 goles.
- Noemí García (SD O Val): 11 goles
A xogadora das valexas é de sobra coñecida na categoría e nos ránkings de goleadoras. Cun estilo de xogo baseado na súa habilidade no un contra un, non só a coloca como unha das favoritas para o pichichi senón tamén como unha referente na zona de Ferrolterra.
Os seus goles axudan ano tras ano a que o equipo loite na metade alta da táboa. A pasada campaña metéronse no playoff de ascenso a nacional e na actualidade están no posto 4 da clasificación.
- Tamara Custodio (Domaio CF): 10 goles
Unha xogadora con instinto goleador e con moita experiencia en distintos equipos. Estes factores son chave para un Domaio que busca seguir consolidándose na Primeira Autonómica. Tralo ascenso a Primeira, remataron sétimas e agora sitúanse na sexta posición.
O club moañés busca asentar o seu equipo sénior na máxima categoría galega para continuar co seu crecemento como entidade. Na actualidade, contan cunha estrutura que reúne promesas, alevíns, cadetes e fútbol 7.
- Antía González (EFM Concello de Boiro): 10 goles
O recente ascendido foi o equipo máis goleador o ano pasado en Segunda con 40 goles anotados pola dianteira Antía González. Convertiuse na máxima artilleira na división de prata galega e agora busca o seu recoñecemento tamén na máxima división galega.
As de Boiro están sendo o equipo revelación da tempada. Tras derrotar a equipos como As Celtas na Madroa, atópanse no segundo lugar da táboa a 3 puntos do Orzán.
5. Carla Pérez (Tomiño FCF): 9 goles
Pechando o top 5, outro dos nomes habituais no ránking de pichichis. Tomy encarrila a cuarta tempada no equipo da súa casa logo de moitos anos en categoría nacional. Cun disparo moi potente de media e longa distancia, é unha das xogadoras máis diferenciais da competición.
O Tomiño busca mellorar a xesta acadada o ano pasado ao chegar á final do playoff de ascenso tras rematar quintas na liga regular. Nesa quinta posición se atopan na actualidade empatadas a 21 puntos co Domaio.
Coa tempada pechando a primeira metade do ano, seguiremos atentas á evolución destas xogadoras e á posible incorporación de novos nomes.