O Atlético Combarro está a converterse nunha das sensacións do inicio de Primeira Futgal. O conxunto pontevedrés, recentemente ascendido, suma dez puntos nas catro primeiras xornadas e vén de asaltar o campo do CD Unión cun contundente 0-3. Un arranque no que tamén está a destacar Diego Fraga ‘Lucky’, autor de seis goles nos catro encontros disputados.
O extremo chegou ao Combarro este verán despois de pasar por Sanxenxo e Villalonga e coa intención de recuperar as boas sensacións tras unha tempada marcada por unha lesión. A pesar do gran inicio, pide prudencia e lembra que o obxectivo continúa sendo a permanencia, aínda que recoñece que no vestiario existe a ilusión de «chegar aos últimos meses con opcións de loitar por algo bonito».
Futbolingalicia: O Atlético Combarro é unha das grandes sorpresas do inicio de tempada na Primeira Futgal, con dez puntos en catro partidos. Como valoras este comezo?
Diego Fraga: «A verdade é que o comezo non podería ser mellor. Pero aínda non sabemos que nivel real teñen os demais equipos e, ademais, ata agora enfrontámonos a varios rivais que están na parte baixa da táboa. Por iso toca ser prudentes e ir partido a partido. Dito isto, non creo que o Combarro sexa unha sorpresa. O club leva dous ascensos seguidos froito dun traballo moi bo e confeccionou un cadro de xogadores serio e competitivo».
FIG: O club vén de ascender de categoría. Cal é realmente o obxectivo?
DF: «O obxectivo principal é a permanencia e, en certo modo, vai ligado ao que comentaba antes. Queremos facer a mellor tempada posible, pero iso pasa, primeiro, por asegurar a categoría. A partir de aí, segundo como vaiamos ao longo do ano, poderemos ter aspiracións maiores. Tanto o adestrador como os xogadores temos a ilusión de chegar aos últimos meses con opcións de loitar por algo bonito, e mesmo o presidente é moi ambicioso con esa idea».

FIG: Na última xornada vencestes na casa dun dos favoritos, o CD Unión, con moita solvencia (0-3). Cales están a ser as claves deste rendemento?
DF: «Contra o Unión fixemos un partido moi serio. Eles mesmos tiveron máis posesión, pero non foron tan efectivos de cara á portería coma nós. Ademais, fomos capaces de manternos moi sólidos en defensa, algo importante porque viñamos dunhas semanas bastante dubidosas nese aspecto. Para min, a clave do noso rendemento é ser humildes desde o principio, ter os pés na terra e ir pouco a pouco, sabendo que todos os partidos son moi difíciles».
FIG: No apartado persoal, levas seis goles en catro partidos. Como te estás a sentir neste inicio de curso?

DF: «Sorpréndeme un pouco, porque nunca empezara unha tempada marcando tantos goles. É certo que adoito chegar con frecuencia á portería, pero ao final nunca acabo con grandes cifras. Por iso teño que aproveitar o momento mentres dure. Estou moi a gusto e sinto moita confianza por parte dos compañeiros e do corpo técnico, algo que seguramente ten moito que ver nestes números. Quen sabe, se cadra esta é a miña tempada neste aspecto».

FIG: Que te levou a asinar polo Atlético Combarro no verán?
DF: «Principalmente, as ganas de volver desfrutar do fútbol e de recuperar sensacións. A tempada pasada tiven unha lesión e foi un ano atípico, que me deixou a dúbida de se volvería recuperar o meu nivel. Entón xurdiu a oportunidade do Atlético Combarro. Coñecía varios xogadores, como Mallo ou Diego, cos que falei moito antes de decidirme, e sobre todo o adestrador, Javier Nogueira, que foi a peza fundamental. Non foi unha decisión doada, porque a miña idea era seguir en Preferente. Como me di un amigo, hai que estar sempre o máis arriba posible e rodeado dos mellores para sacar o mellor dun mesmo. Por iso baixar unha categoría custoume, pero ao final pesou máis a ilusión polo proxecto e a confianza que me transmitiron».
FIG: Anteriormente pasaches por Villalonga e Sanxenxo. Que valoración fas deses dous anos?
DF: «A valoración é positiva, aínda que nos dous sitios o obxectivo quedou pendente. En Sanxenxo xogamos o playoff de ascenso, pero non subimos, e en Villalonga nin sequera chegamos a entrar. Ademais, alí estiven lesionado e case non participei, así que é difícil valoralo. Co que me quedo é coa xente. En Villalonga teño boa relación con todos os xogadores, especialmente con Rodri Iglesias e Héctor. De Sanxenxo levo amigos cos que aínda quedo hoxe en día, como Martín Rey, Piñe ou Segu, e tamén algúns dos compañeiros que teño agora no Combarro, ademais do propio Javier Nogueira, que xa me adestrou alí. Tampouco me podo esquecer de Alberto Veiga, que aínda hoxe me axuda en moitas cousas que necesito por aquí».

FIG: Antes de chegar ao fútbol pontevedrés, pasaches polo fútbol lucense, de onde es ti. Que diferenzas atopas entre as dúas provincias?
DF: «A nivel futbolístico non hai grandes diferenzas. Nos dous sitios hai moi bos xogadores e faise un traballo moi bo nos clubs. Quizais o que máis destaca é que aquí hai moitos máis equipos e moita máis poboación, e iso fai que haxa máis xogadores e máis nivel. Tamén se nota nas categorías. En Lugo, sobre todo na zona norte, hai equipos aos que lles custa máis facer un cadro de xogadores tan competitivo coma outros, e iso marca diferenzas dentro da mesma categoría».
FIG: Que destacarías dos teus pasos por equipos como Ribadeo, Friol, Viveiro ou As Pontes?
DF: «De Ribadeo destaco os seis anos que pasei alí, compartindo vestiario con xente espectacular, e sobre todo os adestradores que tiven, Fiz e Rafa. Friol é o meu pobo, e gústame ver que seguen loitando por manter o equipo. Con todos os rapaces de calidade que veñen por detrás, oxalá algún día volvan loitar por algo bonito. Co Viveiro xoguei contra grandes equipos, mesmo contra o Deportivo, e vivir iso como futbolista afeccionado é algo moi bonito. As Pontes foi a etapa máis breve, pero a máis intensa: desfrutei moito con xogadores como Dani Bellas e levo comigo moi bos recordos».
FIG: Que é o que máis lle recomendarías ao Diego de 21 anos coa experiencia que tes agora?
DF: «Recomendaríalle que mellorase a parte táctica e que fose aínda máis disciplinado do que xa era, coidándose no día a día para dar o máximo en cada semana e en cada partido».
FIG: Que esperas do partido deste domingo ante o Amanecer?
DF: «Creo que temos capacidade para facer un bo partido e conseguir o obxectivo, que son os tres puntos, pero non podemos confiarnos. Isto segue sendo fútbol, once contra once, e non podemos crernos superiores a ninguén por levar dez puntos. Ademais, non se gañan todos os partidos e, canto máis tempo pasa, máis preto está a primeira derrota. Espero un Amanecer moi motivado. Como dicías ti, somos unha sorpresa, e iso fai que xa nos miren doutra maneira: xa non somos o Atlético Combarro recén ascendido, senón un equipo que está arriba e nunha boa dinámica. Por iso temos que traballar moito durante a semana e competir o domingo como se fose unha final, porque é a única forma de dar o máximo e conseguir o obxectivo».






































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































