David Pérez é o adestrador do Cedeira, equipo coruñés que milita no grupo 1 da Primeira Futgal. Falamos con el, entre outros temas, sobre o desempeño dos seus pupilos na primeira volta. O obxectivo dos do Municipal O Beco é a salvación.
O Cedeira é actualmente décimo quinto e conta con 17 puntos, un máis que o Numancia de Ares, primeiro equipo en descenso a Segunda Futgal.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Como valoras os primeiros meses da tempada 24-25?
David Pérez (en adiante DP): «O máis destacable da primeira volta é que estamos nun grupo moi igualado en comparación a outras tempadas e cos outros grupos da Primeira Futgal. Os primeiros clasificados levan menos puntos do que se acostumaba en campañas pasadas e os que estamos na parte baixa da clasificación levamos máis puntos do que era habitual a estas alturas.»
«Equipos da zona baixa están gañando a equipos da zona alta, o que non é habitual. Considero que hai moitísima igualdade en tódolos equipos. Calquera equipo pode gañar a outro e así o dicen os resultados.»
FIG: Que esperas da segunda volta?
DP: «Na segunda volta será algo parecido. Seguramente que todo siga moi igualado ata o final e que sexa complicado conseguir a salvación. Se todo continúa así, requeriranse máis puntos do que é normal. O que nos interesa é a salvación, é o noso obxectivo.»
«Somos un equipo moi xove, con moita xente que debuta este ano na categoría. A falta de experiencia custounos en moitos partidos non facernos cos tres puntos. Temos un grupo de xogadores moi traballador e sacrificado. Son xogadores que veñen de liga local xuvenil ou de segundo autonómica. Custounos a adaptación á categoría, mais aínda así creo que temos bastantes puntos para o que é a salvación. Se fose un ano distinto ou un grupo diferente, sería un gran número de puntos faltando unha xornada para acabar a primeira volta.»
FIG: Tedes ao máximo goleador do grupo 1 da Primeira Futgal. Que aporta Diego ao Cedeira?
DP: «Diego é un chaval que debuta na categoría e que procede da liga local xuvenil. Ten unhas cualidades, especialmente físicas, moi determinantes para o que é a categoría. Somos un equipo aos que os contrarios habitualmente nos dominan. El con espazos é moi determinante dada a súa potencia.»
«Está tendo sorte na faceta goleadora. A pesar dos goles que leva esta tempada, non é un xogador que en cursos anteriores en cadetes ou xuvenís fixese grandes números. Está a darnos moito. É capaz de sacar perigo en accións aisladas e en transicións. É anecdótico que o pichichi sexa un xogador dun equipo da parte baixa da clasificación, mais é así polo traballo e a ilusión que ten.»