O diario dun mercado non finaliza coa chegada dos primeiros adestramentos e amigables. As direccións deportivas dos equipos galegos da Terceira RFEF seguen puíndo os proxectos co obxectivo de ter un cadro de xogadores e un corpo técnico que lles permita acadar os obxectivos ao término do curso futbolístico. Comezamos a relatar as novas!
Javi Villar Rey reforza o medio do campo do Arosa. Chegou a debutar co primeiro equipo do Pontevedra sendo xuvenil, ademais formou parte do Lugo, do Celta B e do Racing Club de Ferrol. Fóra da comunidade vestiu a camisola de Guijuelo, Logroñés, Badajoz, UCAM Murcia, Real Avilés e Talavera de la Reina; club dende o que chega de novo a Galicia para aportar equilibrio e salida de balón na medular arlequinada. Cambiamos de provincia para seguir contando novas. O Iago Blanco futbolista despídese, mais seguirá ligado ao Arteixo coma segundo adestrador do equipo xuvenil, que milita en Liga Nacional. A zaga do conxunto dirixido por Juan Riveiro ten a Jorge Tomé coma novo integrante. O xove central procede do Bergantiños, co cal participou unicamente en tres partidos neste curso debido a unha grave lesión no xeonllo.
Preto de 200 kms ao sur, o Valladares segue confeccionando o seu cadro de xogadores. A portaría queda ben cuberta coas renovacións dos gardamallas Toni Comesaña, que destaca polo seu gran xogo cos pés, e Kevin Pereiro, cuxa calidade e reflexos son a súa seña de identidade. O gran desempeño sobre o céspede do polivalente Diego Fernández tradúcese na súa continuidade no conxunto da Gándara. Outro que seguirá un ano máis no primeiro equipo masculino do club é Carlos Alonso ´Totti´, que viviu unha dura campaña por mor dunha lesión de longa duración.
Neste diario dun mercado Cañi recala no Villalbés e Herrero volve as súas orixes
Jesús Cañizares ‘Cañi’ cambia o Arteixo polo RC Villalbés. Antes de militar no conxunto de Ponte dos Brozos, o centrocampista de As Pontes formou parte de clubs como a UD Somozas, CD El Álamo, Bergantiños, Silva, Cerceda, As Pontes ou Deportivo B. Con todos os equipos citados anteriormente competiu en Terceira, polo que a experiencia proporciónalle un coñecemento da categoría digno de resaltar. Non é a única alta semanal no cadro chairego. Volve ao club Noel Teixeiro tras unha campaña no CD Lugo xuvenil en División de Honra. Alternará o primeiro equipo e o filial, co que terá a ficha federativa e que acadou este ano o ascenso a Primeira Futgal. Dende o Burela chega Adrián Fernández, un talento con gran proxección que anotou 17 tantos en Primeira Rexional sendo xuvenil.
Na Magdalena foron tamén anunciados tres integrantes do corpo técnico do RC Villalbés para realizar funcións que carecían de dono tras a saída de Simón Lamas. Rubén Barrios será o segundo adestrador, Andrés Rodríguez encargarase do scouting e Antonio Lamas exercerá de preparador de porteiros.
A nova incorporación do Polvorín pódese definir coma un regreso a casa. Álvaro Herrero, que actúa como extremo dereito, é novo xogador do filial do CD Lugo, no que pasou polas súas categorías inferiores. Ao rematar a súa etapa xuvenil recalou no Pol. As dúas últimas campañas formou parte da Sarriana, conseguindo o ascenso de Preferente a Terceira RFEF na campaña 22-23 e sendo parte importante na faceta ofensiva con nove tantos. Este curso gozou de menos minutos mais foi partícipe en 24 partidos. Convértese na séptima fichaxe do proxecto comandado dende o banco por Dani Galán.
O Boiro ficha a un goleador contrastado, Cuadrado renova na Sarriana e moitas novas no Viveiro
Os do Municipal de Barraña dan un golpe sobre a mesa coa contratación de Alassane Sylla. O dianteiro senegalés chega procedente do Arosa, co que encadenou dous play-offs de ascenso a Segunda RFEF consecutivos. No conxunto arlequinado anotou trece goles nas últimas dúas campañas. Na súa primeira etapa cos da Lomba, entre 2015 e 2019, foi un dos atacantes máis letais da nosa Terceira. Destaca a súa tempada 2018-2019, na que conseguiu a friolera de 24 tantos. Ademais conta con pasado en categorías superiores nas filas do Coruxo e do Arenteiro. Obter o pase dun goleador contrastado para un equipo ascendido hai unhas poucas semanas di moito do sempre complicado traballo das direccións deportivas e, especialmente, axuda a crear ilusión na afección.
Hugo Losada xogará como local no Julio Mato tras chegar ao Noia dende o Gran Peña, no que anotou dous goles en vinte encontros na 23-24. Previamente formou parte do Arosa. No equipo arlequinado tamén dispuxo de minutos en Terceira RFEF cando aínda era xuvenil. Nando Queiruga, tras oitos cursos, tres títulos de campión de Preferente e a nada desdeñable cifra de máis de 60 goles anotados, deixa o Noia e ficha polo Cidade de Ribeira. Cambiamos agora de equipo e falamos de renovacións. Samu Pardo, Antón, Champi e Viti continuarán defendendo a camisola da UD Ourense.
O Viveiro anunciou nun reel en facebook as renovacións, moitas delas xa anunciadas en outros episodios do Diario dun Mercado de Terceira RFEF, dos seguintes xogadores: Arturo, Rolle, Juan, Cora, Ayoub, Lluc, Diogo, Diego, Adri e Carlos. Moitas son as altas por Cantarrana, xa que ata 11 futbolistas chegan ao conxunto celeste: Chucas, Xoel, Víctor, Álex Sander, Jorge, Lucas, Solomón, Kevin, Jairo, Obi, Xoel Ferro. Un proxecto con moitas pezas novas que deberán encaixar para poder optar a lograr unha nova permanencia. Noutro equipo da provincia de Lugo, concretamente na Sarriana, renova o destacado atacante Fernando Cuadrado, todo un seguro de cara a perforar a meta rival.
O Noia de Iván Carril apunta alto - FutbolinGalicia
04th Ago 2024[…] Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 10 […]