Ramón Labrada, Ribadeo: «Desde o corpo técnico somos ambiciosos»
O Ribadeo leva anos consolidando un proxecto forte na Preferente Galicia. A entidade celeste tocou a Terceira División hai menos de dez anos, e no Pepe Barrera téñeno claro: o obxectivo é voltar á categoría nacional. Porén, a empresa non é doada. A Preferente sempre aglutina equipos con altos presupostos, moita tradición, afeccións moi comprometidas…
De feito, os mariñáns entraban en todas as quinielas como candidatos ao ascenso o pasado curso, pero a competición e a dificultade da liga puxeron ao Ribadeo nunha situación delicada, coqueteando co descenso boa parte da temporada. Dani Moirón dimitiu e ‘Pichi’ chegou ao banco para dar tranquilidade. Unha vez rematada a competición regular, Dani Moirón volveu ao club en calidade de director deportivo para reforzar o proxecto na ría do Eo.
Novo adestrador en Ribadeo
Unha das primeiras fichaxes de Moirón foi o novo técnico: Ramón Labrada deu o salto desde o Meira da Primeira Galicia cara un conxunto máis que consolidado na Preferente. O novo preparador é consciente da responsabilidade que ten á fronte dos mariñáns, pero tamén se mostrou ilusionado co reto, no que estará acompañado no banco por Juamma García.
Futbolingalicia: Como se produce a túa chegada ao club?
Ramón Labrada: En Ribadeo entrou unha nova directiva, cun proxecto que abrangía a Dani Moirón como Director Deportivo. En canto se oficializou a chegada desta nova dirección, Moirón falou conmigo e todo foi moi rápido e doado. Apetecíame a chamada dun equipo como este e dunha categoría como a Preferente.
Fig: Que agardas da temporada no Pepe Barrera?
RL: O obxectivo que marca a directiva é manter a categoría. A medio prazo, a idea é ter un equipo competitivo da xente da base. Actualmente hai sobre 250 cativos no fútbol base, están cambiando cousas tamén aí… Dani coordinará o Fútbol 11 e os esforzos irán da man. Desde o corpo técnico somos ambiciosos, queremos chegar en boas condicións ao primeiro partido de liga para competir cada domingo contra calquer rival e, a partires de aí, ver a onde nos leva a competición.
Fig: Apostarás entón pola canteira?
RL: É un proceso que leva tempo, pero que cheguen rapaces de Ribadeo ao primeiro equipo e combinalo con xogadores que estean contrastados na categoría. Hai que aunar todo iso, manter a categoría e que o día de mañá a vila teña un equipo en Preferente no que xogue a xente da casa.
Fig: Que fútbol van ver os seareiros do Ribadeo este curso?
RL: Renovamos seis xogadores importantes, pero o equipo sufriu unha renovación. Estamos pechando o equipo aínda, quedan 3-4 pezas por traer… e iso vai condicionar a forma do equipo e o estilo que se lle dea ao xogo. Como adestrador, hai que adaptarse aos xogadores que ten o cadro.
Fig: Como están as instalacións antes de comezar a pretemporada?
RL: No Pepe Barrera están facendo labores para que chegue ben ao Emma Cuervo, e seguramente estea ben na temporada. No campo da Devesa xa remataron de traballar e ten moi boa pinta, está en moi bo estado. Hai algún campo máis pola zona, artificiais… non creo que teñamos problema no plano das instalacións este curso.
Diario dun Mercado Preferente Futgal Norte. Episodio 4 - FutbolinGalicia
26th Jul 2024[…] Ramón Labrada, Ribadeo: «Desde o corpo técnico somos […]