Xa se albisca o once de novembro e arrecende a castaña polas aldeas, vilas e cidades galegas. De feito, algún magosto chegou con algo de anticipo e xa se celebrou nesta fin de semana. Pero as enchentas non lle quitaron protagonismo ao fútbol. A Primeira Futgal non se viu interrompida e amenizou a tarde daqueles seareiros que, previamente, xantaran empanada, bolos con chourizo e outras viandas deliciosas. Porque sempre hai gañas de castañas, fútbol e, sobre todo, ver aos Diferenciais!
A importancia dunha boa dinámica
Cando as cousas saen, os resultados chegan sós. Tal e como acontece no grupo 4.
Sen ir máis lonxe, o Sporting Carballiño endosoulle un 1 a 4 ao Lemos B e prolonga así a súa boa xeira. Os pupilos de Aitor Neira saíron co coitelo entre os dentes e non tardaron en coller vantaxe. Pouco lles durou a ledicia, pois os monfortinos devolveron o golpe nada máis saír da caseta. Foi entón cando apareceu Quique Giráldez para darlle a volta á tortilla cun dobrete. Grazas ao seu labor na percela ofensiva, os carballiñeses conseguiron asaltar a Pinguela e levar os tres puntos.

Sorrín no Bañadoiro cun novo triunfo do Córgomo, nesta ocasión ante o Atlético Vilariño (8-2). A Syilla bastáronlle dez minutos para abrir a lata e poñer en vantaxe ao cadro de Valdeorras. Unha vez por diante, os de branco e verde comezaron a chegar sobre a meta rival con máis frecuencia. Boa parte de culpa tivo o propio Sylla quen, non conforme con inaugurar o electrónico, aínda tivo tempo para asinar un hat trick e deixar sentenciado o choque. A zaga ourensá terá pesadelos co mediocentro de orixe senegalés.
Máis axustado foi o Muíños – A Peroxa, resolto en favor dos da Moreira por dous goles a cero. A pesar da igualdade inicial, os homes de Varandela conseguiron adiantarse antes de chegar ao tempo de lecer. O guion non se viu modificado no reinicio e Grego ampliou a renda para os seus, poñendo terra de por medio. Trátase da terceira diana para o killer ourensán, un auténtico seguro de vida cando toca meter goles. Con estes tres puntos, o Muíños consolídase na zona media da táboas clasificatoria.
Troco na cabeza
Se falamos de competitividade, o grupo 5 pode levar a palma na Primeira Futgal. E é que cada xornada cambian de líder.

Nestes momentos, a cabeza ocúpaa o Cidade de Ribeira logo de superar ao Abanqueiro por catro goles a cero. Os derbis son sempre igualados, e este duelo entre equipos do Barbanza non ía ser menos. Tras o intercambio de golpes dos primeiros vinte e cinco minutos, Felipe Blanco fixo gala das súas habilidades ofensivas acabando coas esperanzas dos visitantes, Un dobrete seu permitiulle ao combinado da Fieiteira recuperar o liderado a costa dun San Martín que non acadou o +3 nesta fin demana.
A escuadra de Vilaxoán de Arousa caeu precisamente por 1 a 0 no feudo do Campo Lameiro. Sen goles na primeira metade, A Chaciña viviu un duelo trabado e con poucas ocasións claras. Por iso era necesario aproveitar calquera despiste na defensa rival, cousa que os locais fixeron á perfección. Nico foi o autor do primeiro e único gol dun enfrontamento onde o San Martín perdeu a súa condición de líder. Pola contra, o Campo Lameiro sacou tallada con este +3, situándose moi preto dos play off
Custou, pero o Monteporreiro amañouse para gañarlle ao Sport Team Estrada (2-1). Apenas quedaba un minuto cando os xogadores de Tabeiróns fixeron o primeiro da tarde. Lonxe de tirar a toalla, sacaron de inicio e reequilibraron a balanza por mediación de Xosé. O atacante pontevedrés leva feito un gran inicio de campaña, recupernado a súa mellor versión goleadora. Co empate, o Monteporreiro lanzouse a polo partido e acadou finalmente o premio cun tanto na segunda parte.

Fortes e formais
No grupo 6 non toman as cousas á lixeira. Basta con ver as actuacións dos seguintes conxuntos…
Respira o Caselas despois de asaltar a Sangriña e impoñerse ao Sporting Guardés por tres goles a cero. Fíxoo, en parte, grazas a un inicio espectacular do seu killer, Hugo González. O ariete celeste furou as redes rivais ao pouco de ter comezado o duelo e, apenas cinco minutos despois, sumou outro tanto á súa conta particular desde os once metros. En total xa leva oito anotacións no que vai de campionato, revelándose como un dos xogadores a ter en conta na categoría.
Tamén houbo espazo para goleadas. Por exemplo, o Rápido de Bouzas acabou coa súa mala racha de resultados ao deixar na cuneta ao Domaio (7-1). Os olívicos tomaron a iniciativa mediado o primeiro tempo, nunha boa acción culminada por Novoa. Non quedou aí a cousa e o dianteiro venezolano volveu á carga para selar un fantástico dobrete, acabando coas esperanzas de remonta por parte do club do Morrazo. Aos seus trinta e cinco anos, Novoa segue a demostrar que ten o gol entre cella e cella.
Pese ao mal inicio de campaña, o Tyde sumou o seu cuarto triunfo consecutivo ao derrotar por 2 a 7 ao Erizana. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Álex García adiantou aos albivermellos. Que partido do ex atacante do Choco! O arousán foi un auténtico pesadelo para a zaga baionesa, incapaz de pórlle freo. Completou un hat trick en tan só unha hora, contribuíndo de maneira significativa á goleada dos tudenses, que xa teñen o play off a tiro.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.









































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































