Xa se albisca o once de novembro e arrecende a castaña polas aldeas, vilas e cidades galegas. De feito, algún magosto chegou con algo de anticipo e xa se celebrou nesta fin de semana. Pero as enchentas non lle quitaron protagonismo ao fútbol. A Primeira Futgal non se viu interrompida e amenizou a tarde daqueles seareiros que, previamente, xantaran empanada, bolos con chourizo e outras viandas deliciosas. Porque sempre hai gañas de castañas, fútbol e, sobre todo, ver aos Diferenciais!
Non hai quen os tombe
Na zona alta do grupo 1 aparecen varios equipos competitivos, mais só hai un capaz de dominar a categoría con puño de ferro…
E ese é o Victoria! As ‘cebras’ mantéñense imbatibles logo de golear con claridade e moita contundencia ao San Sadurniño (9-0). Aos vinte minutos xa tomaron a iniciativa con tres tantos, un deles anotado por Aarón. Que exhibición do extremo herculino! O cadro ferrolán foi incapaz de paralo e o killer branco e negro converteu un hat-trick na primeira metade para encarrilar as cousas a prol dos seus. Con esas tres anotacións sitúase á cabeza na loita polo pichichi da categoría.

Almeiras e Eume Deportivo repartiron os puntos ao empatar a dous tantos nos Loureiros. A pesar de contar cun inicio algo trabado, o partido volveuse completamente tolo no reinicio. Os de Pontedeume foron os primeiros en golpear e incluso tiveron a opción de pechar o encontro nunha boa acción culminada por Noel Caramés, Pero o combinado dirixido por Rubén Rivera non se rendeu e tirou de épica para igualar a contenda sobre a bucina, conseguindo un empate que deixa a ambos contrincantes entre os sete primeiros clasificados.
Por outra banda, o Relámpago amplía a súa boa xeira cunha nova vitoria por 4 a 0 ante o Imperator. Un gol antes do descanso declinou a balanza a favor do cadro de Elviña, que subiu as súas prestacións tras o entretempo. Aumentaron a súa contía nun abrir e pechar de ollos, sentenciando o derbi coruñés grazas ao bo facer de Joni. Desde a súa chegada á entidade amarela, o atacante paraguaio ten o gol entre cella e cella e encárgase de demostralo en cada xornada.
Os exiliados dan guerra
As mudanzas de cada verán obrigaron a algúns equipos a marchar ao grupo 2, onde seguen a dar guerra.

Por exemplo, o Sporting Meicende fixo os deberes ao gañarlle por tres goles a dous a un dos conxuntos en maior forma do grupo, o Bertamiráns. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando os homes de Jorge Colón lograron adiantarse no electrónico. Unha alegría efémera, pois o empate albivermello non tardou en chegar, así como tampouco o fixo o 1-2. Despois deste intercambio de golpes, o choque entrou nunha fase de calma ata a irrupción de Vituco. O ex deportivista asinou un fantástico dobrete para darlle os tres puntos aos arteixáns.
Tampouco lle foi mal ao Sporting Cambre. Apoiados pola bancada do Dani Mallo, superaron por 4 a 0 ao ata entón líder, o Queixas. Bruno González abriu a lata desde os once metros, xusto cando se cumpría o primeiro cuarto de hora do enfrontamento. Unha vez por diante, os cambreses non deixaron de pisar o acelerador e puxeron terra de por medio cunha nova diana do seu killer, Bruno. Polo momento xa leva sete, revelándose como un dos máximos artilleiros deste competido grupo 2.
E o Tordoia volve á boa senda ao impoñerse ao Racing San Lorenzo en Santa Isabel (0-2). Ninguén quixo conceder ocasións ao seu rival e o partido estivo marcada pola ausencia de oportunidades claras. Iso si, cando hai un clásico no campo, nótase. A vinte minutos para o final, Denís fixo o primeiro da tarde para os tordoieses, desatando a tolemia no banco amarelo e negro. Os de Nando Muíño apoiáronse no labor da súa principal referencia en ataque para acadar un importante triunfo lonxe da casa.

Un fortín na casa
Hai unha cousa clara no grupo 3. Para conseguir os obxectivos é preciso facerse fortes na casa e aproveitar as características do propio feudo!
Así fixo a Milagrosa, que aproveitou a a forza de Frigsa para endosarlle un 5 a 1 ao Lourenzá, poñendo fin a unha mala xeira de resultados. Pese a comenzar por diante, os pupilos de Madriles viron como o seu rival se lles achegaba no marcador. Foi entón cando apareceu Chris para sufoca a reacción laurentina e devolverlle a ledicia aos capitalinos. O mediocentro é un fixo na medular albivermella e demostra cada fin de semana por que é un xogador tan diferencial para a ‘Mila’.
No duelo de necesitados, o Folgueiro saíu vencedor ante o Becerreá (2-1). A escuadra de Boa Vista saíu ao campo coa intención de ver porta e vaia se o conseguiron. Fixeron o 1-0 á media hora e, á volta dos vestiarios, aumentaron a distancia respecto ao seu rival cun bo remate de Aarón García. Así e todo, o Becerreá non baixou os brazos e rediciu a fenda con tempo no luminoso para intentar a remonta. Non foi posible e os mariñáns amarraron o segundo +3 nesta tempada.
Finalmente, a Residencia consolídase nos postos de play off ao bater por tres goles a un ao Santaballés. Non lles foi doado, xa que os chairegos foron máis madrugadores á hora de ver porta. Rafa Casanova axustou aos seus no tempo de lecer e a ‘Resi’ saíu cunha faciana completamente nova. A reacción chegou nas botas dun Dani Renda que lle deu a volta á tortilla cun dobrete. Os seus goles deixaron ao Santaballés tombado sobre a lona, encaixando un terceiro tanto nos últimos dez minutos.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.








































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































