A cociña da Primeira Futgal bota fume e non é para menos. Aquí só se serven pratos coa intención de deleitar o padar dos seareiros máis incondicionais do fútbol galego. Eses que botan a mañá ou a tarde do domingo agardando por un bo menú, mentres toman o vermú no caso da sesión matinal, ou o café na vespertina. Consumidores exquisitos das categorías rexionais, só poden contentarse coa mellor versión deses xogadores capaces de poñer en pé a unha bancada. Por iso piden sempre unha ración de Diferenciais para comezar a semana!
Delicias vidas do mar
Así como teñen bo marisco, as Rías Altas tamén contan con partidos espectaculares cada fin de semana. Porque todo o que vén do grupo 1 é unha delicia…
Sorrí o Almeiras logo de vencer por un axustado 2 a 1 ao Val. Ningún dos dous equipos estivo acertado de cara á porta rival e foi así como marcharon á caseta sen ter modificado o electrónico. Ao seu regreso, os de Culleredo conseguiron abrir a lata, aínda que a alegría foi efémera. Os homes de Álvaro Segura devolveron o golpe nun abrir e pechar de ollos, animando o ritmo do encontro para a fortuna dos afeccionados neutrais. Mais, a falta dun cuarto de hora para o asubío final, Dani Varela conseguiu furar as redes rivais para darlle o triunfo aos seus.
Ao outro conxunto do concello tampouco lle foi doado sacar os tres puntos. Con todo, o Olímpico soubo refacerse e remontou o tanto inicial do Eume Deportivo para vencelo por un gol a dous. Boa parte de culpa tivo Álex Pérez. O atacante herculino está a asinar un gran inicio de temporada e leva xa tres goles neste primeiro mes de competición. Grazas á súa diana, o combinado de Rutis puido reequilibrar a balanza e, finalmente, superar aos locais con outra anotación no treito final. A pesar dun comezo un tanto dubitativo, o Olímpico encadea dous partidos gañando e sitúase xa a tiro das posisións de play-off.
Iso si, quen lidera o grupo polo momento é o Cedeira. As ‘cebras’ gobernan a táboas clasificatoria en solitario, logo de deixar na cuneta ao Numancia de Ares (2-0). Dispostas a impoñer o seu ritmo de xogo, a escuadra de Ferrolterra saíu enchufada ao céspede artificial do Carmen Maseda e non lle custou tomar a iniciativa. Aos vinte minutos fixeron o primeiro da tarde e, pouco despois, Pep Caballé ampliou a renda branca e negra.

Co garfo na man e as cousas claras
Na mirada dos participantes do grupo 2 sempre hai a intención de cravar o coitelo no rival e devoralo con intensidade.

Por fin chegou a primeira ledicia do ano para un Tordoia que se impuxo por dous goles a un ao Bertamiráns. A pesar do desenlace positivo para os da terra do Dolmen de Cabaleiros, as cousas non comezaron moi ben para os seus intereses. O ‘Berta’ adiantouse ao cuarto de hora e comandou o electrónico ata a irrupción de Denís. Logo dunha campaña marcada por varios contratempos, o ariete tordoiés quere recuperar o seu mellor xogo e estao a facer con creces. O seu tanto espertou ao resto de compañeiros e estes reaccionaron ata lograr a remontada final.
Por outra banda, o Praíña deuse unha enchenta a costa do Luaña, endosándolle un claro e contundente 0 a 5. A quen madruga, Deus axúdalle e Rubén Ferreiro aplicou o refrán á perfección. Nada máis comezar o choque, o extremo do Pino cravou os seus caninos para abrir a lata a prol da entidade de Pontevea. A súa fame de gol non quedou aí e volveu ver porta antes do entretempo, encarrilando o enfrontamento para os xogadores adestrados por José Antonio Fernández.
Castriz e Bastavales asinaron táboas (2-2) nun duelo que os deixa en situacións completamente antagónicas. A escuadra de Brión chegou a San Pedro nunha boa dinámica, dominando o esféricos nos primeiros intres. Froito desa superioridade chegou a primeira anotación da tarde, obra de Julián. Quen se non? O home gol do Bastavales puxo en vantaxe aos seus, pero non contaron co rexurdir dos de vermello e negro. Cando todo parecía estar decidido, o Castriz igualou a contenda para salvar un punto e saír dos postos de descenso.

Sabor a disputa
Cando un enfrontamento do grupo 3 está igualado, aos afeccionados sábelle mellor o espectáculo…
Reparto de puntos en Santa Cruz, onde Lourenzá e Taboada protagonizaron un duelo brillante con varias idas e voltas (3-3). Pedro encargouse de facer o primeiro tanto da tarde, celebrado en gran medida pola bancada fabeira. Pese a comezar por baixo, os de Francis Sixto responderon axiña e, despois de facer a igualada, viron porta en dúas ocasións máis. O escenario era complexo para o Lourenzá, mais o cadro albivermello non tirou a toalla e puido salvar un punto grazas a un gol na prolongación, anotado novamente por Pedro.
A igualdade tamén estivo presente no empate a un gol entre a Milagrosa e o Guntín. Ninguén quixo ceder máis do previsto e isto trasladouse ao verde de Frigsa, onde se librou unha auténtica batalla en cada balón dividido. De aí que as oportunidades fosen máis ben poucas, desbaratadas a maior parte delas polo bo facer das defensas. Todo mudou ao entrar nos últimos dez minutos, cando os de Germán Campos conseguiron levarse o gato á auga. Co 0-1 e o encontro nos seus últimos suspiros, Christian apareceu en escena para rescatar aos seus e asegurar un punto no peto da ‘Mila’.
Menos igualado estivo o Residencia – Becerreá, resolto en favor dos capitalinos cun 6-0. Custoulle arrincar aos pupilos de Rafa Casanova, pero cando o fixeron non houbo quen puidese paralos. Boa parte de culpa tivo Dani Renda, quen puxo terra de por medio cun fantástico dobrete. Primeiramente converteu unha pena máxima e, pouco despois, volveu furar as redes ancaresas. A festa branquiazul continuou nos seguintes corenta e cinco minutos ata completar un ‘set en blanco’ que pechou Javi Calderón cun fantástico hat-trick.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































