Luciano Urán foi o gran protagonista da goleada do Monterrei ante o Maside. O dianteiro uruguaio asinou os catro goles do conxunto ourensán no 4-0 e xa suma cinco tantos nas tres primeiras xornadas de Primeira Futgal, converténdose nunha das referencias ofensivas do equipo neste inicio de competición.
A súa chegada a Galicia supuxo unha nova etapa nunha carreira que o levou desde Uruguai ata España, pasando por Nacional de Montevideo, co que chegou a asinar un contrato profesional, e polo fútbol de Albania. Agora, instalado no Monterrei, goza do seu novo reto e non renuncia a seguir soñando: «As miñas metas sempre son chegar o máis lonxe posible».
Futbolingalicia: O Monterrei protagonizou unha das goleadas da xornada en Primeira Futgal tras derrotar por 4-0 o Maside. Que valoración fas do partido?
Luciano Urán: «A valoración do partido é moi boa porque o equipo gañou, puidemos marcar catro goles e conseguimos manter a portería a cero, algo que non pasara nos dous partidos anteriores, nos que tivemos que gañar sobre a hora. É bonito gañar nos últimos minutos, pero é mellor gañar e estar tranquilos. Entón, por ese lado, estou moi contento».
FIG: Anotaches os catro goles e xa sumas cinco tantos no que vai de liga. Cales son as túas sensacións neste inicio de competición?
LU: «Estou contento polos catro goles. Ao final, un dianteiro sempre quere marcar e hai que traballar para iso. Agora que estou nunha boa xeira, estou desfrutando do momento e contento por poder axudar o equipo».

FIG: Cal é o obxectivo do Monterrei?
LU: «O obxectivo do club é ir paso a paso. Logramos un bo arranque de liga e tampouco hai que mirar máis alá. Hai que ir partido a partido porque é unha liga longa. Obviamente, está a ilusión da Copa tamén, onde o ano pasado xogaron a final, e trataremos este ano de gañala e de ascender de categoría. Pero a idea é ir partido a partido».
FIG: Como recalaches este verán no club?

LU: «Cheguei ao club por medio dun axente que contactou comigo e me dixo que no Monterrei necesitaban un dianteiro. Eu quería cambiar un pouco de aires, saír de Cataluña e probar noutros lugares. Pareceume unha boa idea. O ano pasado fora a Albania e, no futbolístico, foi moi ben, pero o día a día fíxoseme un pouco pesado. Custoume moito o cambio de idioma e de cultura e adaptarme ao país. Decidín volver, pero quería saír de Cataluña e probar noutro lugar. Non dubidei en vir aquí, ao Monterrei».

FIG: Como estás notando o nivel do fútbol galego neste primeiro mes?
LU: «O nivel aquí é moi bo. Quizais en Cataluña sexa un pouco máis intenso, pero aquí hai moi bo nivel e xógase moito ao choque. A min gústame ese estilo de xogo porque estou afeito a iso. Sorprendeume o nivel dos meus compañeiros, porque hai rapaces que merecen estar dúas ou tres categorías por riba da que estamos hoxe. A verdade é que estou contento co nivel de aquí».
FIG: Anteriormente pasaches polo fútbol catalán, cunha etapa destacada na Juventus-Lloret. Que significou para ti esa experiencia?
LU: «A experiencia en Cataluña foi moi boa. Conseguimos dous ascensos e fun o máximo goleador do equipo en dúas tempadas. Estou contento polo meu paso por alí porque non todos os días se gaña unha liga, é algo difícil. Son moitos equipos e todos queren gañala, polo que, ao final, conseguilo é moi bo. A experiencia foi moi positiva».

FIG: Por que decides tomar a decisión de vir a España para xogar ao fútbol?
LU: «Decidín vir a España porque quería probar noutro lugar e saír de Uruguai. Tiven a sorte de xogar en equipos grandes do meu país e de asinar un contrato profesional co Nacional de Montevideo. Cando rematou o contrato, quería probar outras cousas e xurdiu a oportunidade de vir a España. Quería vivir esa experiencia».
FIG: Xogaches nun dos grandes do teu país, Nacional. Como se sente un ao estar nun club así?
LU: «Xoguei alí e cheguei a asinar un contrato profesional. Tamén saín cedido e xoguei na Segunda División de Uruguai co Albion. Nese momento non era case consciente do que conseguira porque cheguei con 18 anos a Nacional. Fun facer unha proba na que me dixeron que era case imposible que me quedase pola idade e, ao final, acabei quedando. Xoguei dous anos no equipo reserva e, no segundo ano, marquei o gol da vitoria que nos deu o campionato e asinei o contrato profesional. Fun cedido á Segunda División, pero a experiencia en Nacional foi moi boa e moi positiva. Nese momento non era consciente do que estaba a vivir e quizais non o tomei coa responsabilidade que debía».
FIG: Pasaches tamén polo fútbol de Albania. Como describirías esa experiencia?
LU: «Estiven cinco meses no fútbol de Albania, ao que cheguei tras asinar un contrato de dous anos. Non me puiden adaptar ao idioma e á cultura porque o cambio desde España ata Albania era demasiado grande. No futbolístico sorprendeume o nivel, que é moi bo. No campo estaba moi ben, pero o día a día facíase moi pesado. Non fun capaz de aguantar e por iso decidín volver a España».
FIG: Cales son as túas metas a longo prazo no mundo do fútbol?
LU: «As miñas metas sempre son chegar o máis lonxe posible. Tiven a sorte de asinar dous contratos profesionais, un con Nacional en Uruguai e outro en Albania. Pero hoxe en día estou aquí no Monterrei, estou desfrutando moito da experiencia e, por sorte, tiven un bo arranque de liga, ao igual que o equipo. Agora estou coa cabeza aquí, pero tampouco me pecho ás portas de nada. Vou traballar para poder chegar e cumprir os soños que aínda me quedan por cumprir».































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































