# Hashtag

David López, Colegio Hogar: «O meu obxectivo no fútbol é sempre mellorar cada día»

O Colegio Hogar atravesa un dos seus mellores momentos no grupo 2 da Primeira Futgal. O conxunto vigués encadea catro vitorias consecutivas e alcanzou o liderado tras golear o Progresista, nun encontro no que David López asinou un triplete. O atacante, que xa suma nove tantos en nove xornadas e encabeza a clasificación de goleadores, está a ser unha das pezas destacadas dun equipo que, malia o bo inicio, mantén os pés no chan e sitúa a permanencia como primeiro obxectivo.

No seu primeiro curso como sénior, o atacante está a responder á confianza do corpo técnico e continúa medrando nun club no que se formou e co que logrou o ascenso a Primeira Futgal a pasada campaña, aínda sendo xuvenil. A pesar de recoñecer que recibiu ofertas de categorías superiores, ten clara a súa elección: seguir no equipo da súa infancia, onde asegura sentirse moi cómodo. «A día de hoxe quero estar no Colegio Hogar, que é o club da miña infancia e onde máis contento estou», afirma.

Futbolingalicia: O Colegio Hogar alcanzou esta fin de semana o primeiro posto tras golear o Progresista. Como se sente o equipo despois do encontro do domingo?



David López «Moi contentos, evidentemente. Levamos catro vitorias consecutivas e o equipo ten ganas de máis, pero temos os pés no chan. Somos conscientes de que aínda non hai nada feito, así que temos que seguir traballando con humildade para continuar conseguindo bos resultados».

FIG: Nese partido anotaches tres goles e xa sumas nove en nove xornadas de liga, o que te converte no máximo goleador do grupo. Como te estás a sentir neste inicio de tempada?

DL: «Estou moi feliz de estar conseguindo estes números e de saber responder no campo á confianza que me dan Álex, Kiko e Guerra, pero non é o que máis me importa. O verdadeiramente importante é que o equipo está a funcionar e que todos desfrutamos tanto nos adestramentos como nos partidos».



FIG: Que diferenzas atopas entre o fútbol xuvenil e o fútbol sénior neste primeiro ano cos maiores?

DL: «Non moitas, sinceramente. Quizais é un fútbol máis físico, xa que podes enfrontarte a persoas moito maiores ca ti. Nalgúns partidos pode haber momentos nos que se producen moitos duelos e disputas, pero non atopo unha gran diferenza co fútbol xuvenil».

FIG: Cal é o obxectivo do club?



DL: «Somos realistas: o obxectivo é a permanencia. Somos un equipo recén ascendido á categoría e o noso propósito é conseguir 35 puntos para asegurala. Unha vez que academos esa cifra, xa poderemos marcarnos outros obxectivos».

FIG: Como vedes o partido desta semana ante o Mosende?



DL: «Vai ser un partido moi difícil. O Mosende é un gran equipo e xogaremos nun campo moi pequeno. Se queremos conseguir a vitoria, temos que estar concentrados durante os 90 minutos, gañar o maior número de duelos posible e darlle moita importancia ás segundas xogadas».

FIG: Como recordas o ascenso do ano pasado ante o San Miguel, con remontada incluída?

DL: «Lémbroo con moito cariño. Ao final, conseguir un ascenso sempre é algo moi bonito, e máis aínda marcando dous goles na final. As cousas non se nos puxeron de cara, xa que perdemos o primeiro partido, pero o equipo soubo repoñerse ao resultado adverso e, na volta, conseguimos remontar a eliminatoria para lograr o ascenso a Primeira Rexional».

FIG: Que significou para ti formar parte dese logro aínda sendo xuvenil?

DL: «O primeiro que quero é lembrar e darlle as grazas a Eloy por darme a oportunidade de xogar o play-off, aínda sendo xuvenil. Por outra banda, significou moito para min, xa que practicamente non coñecía nin a metade dos xogadores, pero todos me recibiron con moito cariño. Conseguín adaptarme moi rápido ao equipo e, afortunadamente, tamén puiden achegar goles.». 

FIG: Que valoración fas das túas etapas nas categorías de base do Areosa, do Nieto e do propio Colegio Hogar?

DL: «Para comezar, quero dar as grazas a todos os adestradores cos que coincidín, xa que de todos aprendín algo. Fago unha valoración positiva porque, ao final, nos tres clubs vivín momentos bos e malos que me axudaron a comprender tanto as partes positivas como as negativas do fútbol. Quedo coa evolución que experimentei e coa xente que coñecín, que me achegou moito tanto no ámbito futbolístico como no persoal. Estou seguro de que, sen eles, non sería o xogador que son hoxe».

FIG: Cal é o teu obxectivo a longo prazo no fútbol?

DL: «O meu obxectivo no fútbol é sempre mellorar cada día. Gozo tanto dos adestramentos como dos días de partido, xa que todos eles me axudan a ser mellor xogador. O meu obxectivo, tanto a curto como a longo prazo, sempre vai ser desfrutar deste deporte».

FIG: Recibiches xa ofertas de equipos de categoría superior?

DL: «Si, pero é algo que non me importa. A día de hoxe quero estar no Colegio Hogar, que é o club da miña infancia e onde máis contento estou. Sei que o ambiente e o grupo que temos son moi difíciles de atopar noutro equipo, e valoro iso enormemente. Por iso quero estar aquí».

David López, Colegio Hogar: «O meu obxectivo no fútbol é sempre mellorar cada día»

Arousa e Santiago protagonizan un vídeo do

David López, Colegio Hogar: «O meu obxectivo no fútbol é sempre mellorar cada día»

David López, Colegio Hogar: «O meu obxectivo