Rematou o verán, si, pero os afeccionados ao fútbol estamos de sorte porque xa volveu a Primeira Futgal. A competición raíña do fútbol rexional regresou por todo o alto e estanos a agasallar con auténticas exhibicións en cada xornada. Xa é a hora de trocar o chiringuito e pasar a encher os estadios dos nosos arredores, onde poderemos desfrutar dunha boa ración dos Diferenciais. Eses futbolistas capaces de facernos esquecer o estío en tempo récord e, ademais, contaxiarnos a paixón polos domingos.
Sen perdón
Unha vez entras ao terreo de xogo, dá igual quen tes diante. Débese xogar como se fose o último partido, tal e como fan no grupo 4.
Ao Polígono San Cibrao non lle custou desfacerse do Velle, pois goleouno cun contundente 5-0. Nada máis iniciar o encontro, Kike fíxose cunha posición favorable para disparar e enviou o balón ao fondo das redes brancas. O seu gol motivou ao ‘submarino amarelo’ a seguir atacando e a renda ampliouse co paso do tempo. No reinicio volveu aparecer para completar o seu dobrete, certificando a vitoria dos homes de Cerezo, cuxo arranque lles permite situarse nos primeiros postos da clasificación.
Tampouco tivo problemas o Sporting Celanova. Alentados pola bancada de San Rosendo, derrotaron por catro goles a cero ao Atlético Vilariño. Mauro Mociño abriu a lata aos cinco minutos, demostrando que quere ser un xogador diferencial nesta campaña. Os branquiazuis aumentaron a distancia antes de chegar ao entretempo, así como despois deste, e deixaron tocado e case fundido ao seu rival. Xa na prolongación, chegou a sentenza do Celanova para asinar o seu 9/9 nestas tres primeiras xornadas.
Non foi sen esforzo, mais o Raio 21 logrou reverter a situación e rematou impoñéndose ao Sporting Carballiño (1-3). Os de Iván González comezaron por baixo no marcador, froito dun desaxuste inicial. A partir de entón meteron unha marcha máis e deron igualado o choque cun tanto ao bordo do descanso. Minutos despois, Rucho desequilibrou a balanza a favor da escuadra de Eiroas, que finalmente se levou o triunfo cun terceiro e definitivo tanto no tempo engadido.
Renderse non é unha opción
Se as cousas van mal, un non debe agocharse e esquecer o sucedido, senón pelexar ata o final por conseguir os seus obxectivos. O exemplo atópase no grupo 5.

Umia e Unión protagonizaron un enfrontamento vibrante e o cal se resolveu cun empate a dous tantos. Así e todo, os primeiros corenta e cinco minutos estiveron marcados pola igualdade, sen que ningún dos dous equipos fora quen de tomar a iniciativa. De volta da caseta, Joel forzou un penalti para os de Barrantes e, por se fora pouco, encargouse de anotar o segundo da tarde cun fantástico disparo. Pero quen ri o último, ri mellor e o combinado de Asados soubo reaccionar a tempo para salvar un punto na súa visita á Bouza.
Por outra banda, o Marcón Atlético fixo os deberes desta semana e venceu por 4 a 2 ao Amanecer. Pese e encaixar ao cuarto de hora, os pontevedreses non perderon a calma e atoparon a igualado nunha pena máxima transformada por Anxo Cabaleiro. Foi el quen asinou tamén o 2-1 e, non contento con iso, volveu ver porta para poñerlle o peche ao encontro e deixar tocado e case fundido ao Amanecer. O media punta quere dar un paso máis nesta campaña e superar os seus mellores rexistros en Primeira Futgal.
Aqueles afeccionados que se achegaron ata o Salgueirón puideron ver cos seus propios ollos un final de infarto no Arcade – Campo Lameiro. Apertado como poucos, o partido contou con varias idas e voltas. Ata chegar ao seu último treito, no cal Brais Sanromán inaugurou o electrónico desde os once metros. O cadro dos petróglifos replicou cunha xogada onde os locais non puideron evitar o autogol, devolvendo a igualdade ao terreo de xogo. Como se dun súper heroe se tratase, Brais Sanromán apareceu para rescatar aos seus e darlles finalmente o +3.

A forza da casa
Para estes representantes do grupo 6, a forza radica nos seus seareiros.
A goleada da fin de semana protagonizouna o Erizana ao endosarlle un 8 a 0 ao Mosende. En cuestión de vinte minutos xa puxeron terra de por medio con tres dianas, ás cales se uniu unha cuarta a piques de rematar a primeira metade. Os baioneses non baixaron as súas prestacións na seguinte manga e chegaron a anotar en catro ocasións máis, dúas delas baixo a sinatura de Lucas Moldes. Chegado desde o Val Miñor, o extremo debutou co seu novo equipo por todo o alto.
Sorrí o Vilaboa e non é para menos, pois os de Cobres sumaron os primeiros puntos da temporada ao gañarlle ao Sporting Guardés por dous goles a un. Nun abrir e pechar de ollos, Juanjo González puxo en pé á bancada do Cabalo grazas ao seu gol. Mediado o primeiro tempo, chegou o segundo da tarde, dándolle tranquilidade e seguridade aos pupilos de Jorge. Pola contra, os visitantes saíron con máis intensidade no descanso e por pouco remontan o duelo.

Mentres, o Rápido de Bouzas e o Gondomar deberon contentarse cun único punto (1-1). Aínda que os do Val Miñor foron os primeiros en tomar a iniciativa, os xogadores amarelos e negros devolveron o golpe por mediación de Nando. Vaia obra de arte! O killer vigués fíxose co rexeite dunha falta lateral e, tras deixar botar o esférico, enviou o balón á escuadra da meta rival. Deixámosvos por aquí este auténtico golazo que contribuíu a manter a boa xeira do equipo olívico.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.


























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































