Juan Lado Formoso, máis coñecido no fútbol autonómico coma Juan de Dora, repasa con nós a súa traxectoria. O referente ofensivo do Betanzos nos últimos tres cursos quere olvidar as malditas lesións e estar dispoñible para tódolos encontros posibles. Dende FutbolinGalicia falamos con el!
Nas categorías do fútbol base xa destacabas no apartado goleador. Esta etapa de formación foi determinante para converterte no futbolista que eres hoxe en día?
«Foi unha etapa moi bonita. A maior parte paseina en Dumbría e gardo grandes recordos desa época.«
Unha vez rematada a etapa no fútbol base sempre estiveches en Preferente e Terceira. Algún momento a destacar neste anos de sénior?
«Para mal, cando estaba no Sofán e xogamos a final da Copa da Costa contra o Xallas e perdémola a penaltis. Teño esa final moi presente e gustaríame volver a xogala para sacar a espiña que teño cravada.«
«Por outra banda, o ascenso a Terceira RFEF co Betanzos é un momento especial no bo sentido. Aínda que me tocou pasalo tras unha operación, vivino en Rianxo contra o CD Unión con muletas. Foi o día que máis desfrutei pero tamén o que peor pasei. Caíanme as bágoas mais non sabía se eran de tristeza ou alegría. Lograr o ansiado ascenso, tras dous anos no Betanzos, malia que ninguén crera en nós e vivilo dende a bancada, foi duro pero cun final feliz.«
Como se fraguou a chegada ao Betanzos dende o Fisterra?
«En Fisterra baixamos de categoría. Ir dende Coruña a Fisterra para xogar en Preferente traía consigo unha baixada nos cartos. Apareceron o Betanzos e o Arteixo. Cando Noé quedou comigo foi capaz de convencerme dende o primeiro momento. Eu fíxenme un pouco de rogar mais vin que quería confiar en min e que non lle importaba o meu traballo a quendas.
Aseguroume que podería meter moitos goles e todo isto foi o que me levou a marchar ao Betanzos. En Fisterra cobraba máis que en Betanzos pero saber que o adestrador tiña tanta confianza depositada en min decantou a balanza a favor do Betanzos.«
Como recordas a tempada do ascenso a Terceira co Betanzos?
«Co traballo do día a día fomos sacando puntos e acabamos ascendendo sen ser favoritos. Tiñamos equipazos por diante coma a Sarriana, o Boiro ou o Noia, que triplicaban o noso orzamento.»
«A Sarriana subiu gañando a liga e nós acabamos segundos, por diante de Boiro e Noia e sacándolle 20 puntos ao quinto. Pasámolo mal durante a primeira volta por encadear cinco partidos sen gañar e, por tanto, non contabamos con chegar arriba. O obxectivo era ter opcións de ascenso, mais despois desta mala xeira e a fortaleza que nese tramo de tempada tiñan Boiro, Noia e Sarriana viamolo moi lonxe.«
«Fixemos unha segunda volta espectacular. Falábase de que bateramos un récord na Preferente Norte posto que unicamente perdemos un partido e empatamos outro nesa segunda volta. E aínda con estes números de escándalo acabamos ascendendo na última xornada. Para que se vexa que os perseguidores que tiñamos non eran calquera. Traballo, constancia e logramos o ascenso.«
Nesta última tempada houbo moitos equipos na loita pola permanencia. As últimas semanas deberon ser complicadas, non?
«Si, foi difícil. De feito no penúltimo partido xogamos contra o Rápido de Bouzas. Eran ou eles ou nós pola salvación. Gañamos e fomos á última xornada sabendo que tiña que darse unha «carambola», perder nós por 5 a 0 e gañar eles polo mesmo resultado, para descender nós e eles permenecer en Terceira RFEF, mais non se deu. Esperamos non sufrir tanto este ano.«
A nivel individual Juan de Dora leva anotados 50 goles nestes tres cursos no Betanzos. A que cres que son debidas estas estadísticas?
«O primeiro grazas ao equipo. Non teño dúbidas de que se non fose polo equipo non levaría tantos goles. En segundo lugar teño que dar as grazas ao míster Noé, que foi o adestrador nestas tres tempadas exceptuando as catro últimas xornadas do curso pasado. A confianza que tiña depositada en min creo que nunca a vivín con ningún outro técnico. A maneira de xogar que tiñamos, basada no contraataque e buscando balóns aos puntas permitiume anotar moitos goles.«
Sufriches un pequeno percance a semana pasada. En que quedou a doenza e como vai a recuperación?
«Finalmente quedou todo nun susto. A ver se para a semana xa podo adestrar ao ritmo dos compañeiros, que xa me está tardando. Esta semana tocou traballo de fortalecemento do adutor xa que o fisio viume débil de pernas. O ano pasado opereime dúas veces e facía mini-pretempadas para estar a un nivel óptimo o antes posible.«
«Parar un mes e medio agora en verán para as miñas pernas foi coma parar medio ano. Nótome débil, as pernas non teñen moito músculo. Facer pretempada despois de dous anos sen poder realizala custa. Ademais de no abdutor teño molestias no isquio e no calcáneo ao pisar. Hai que levalo e a ver se imos aguantando.«
Desexamos que pouco a pouco esas molestias vaian desaparecendo. E para rematar, cal é o obxectivo xeral do Betanzos e o particular de Juan de Dora nesta tempada?
«O obxectivo do Betanzos é lograr a permanencia canto antes e se é posible pensar en máis. Pero sen virnos arriba ata non ter lograda a salvación.«
«Juan de Dora quere facer unha campaña completa sen ter lesións e estar dispoñible para o míster en tódolos partidos. En resumo, rematar ben a tempada e axudar no que poida ao equipo.«