Aínda queda moito por pelexar, pero xa hai equipos con intencións claras na Primeira Futgal. Para lograr os obxectivos débese pelexar por eles desde as primeiras xornadas de competición e así non deixar todo o traballo para a segunda volta. Trátase de ir facendo o camiño pouco a pouco e con axuda dos xogadores máis Diferenciais do plantel. Eses que son capaces de liderar proxectos, remontadas e, sobre todo, dar espectáculo aos seareiros máis incondicionais do fútbol galego.
Pasar o rolo
Poucos equipos gañaron con tanta claridade como estes do grupo 1.
Ao Marte non lle custou desfacerse do Numancia de Ares, goleándoo cun contundente 4 a 0. O conxunto de Monte Alto saíu con forza ao encontro e adiantouse aos dez minutos. Pouco despois, Hugo Rodríguez ampliou a renda para os herculinos, cuxa superioridade na primeira metade foi unha evidencia. Non quedou aí a cousa e o mediocentro volveu ver porta para completar un hat-trick na súa conta particular e darlle os tres primeiros puntos do ano ao Marte.
Máis avultado foi o triunfo do Victoria ante o Sada por oito goles a un. Un gran inicio das ‘cebras’ permitiulles coller vantaxe nos primeiros instantes e desde entón non pararon. Para os de Miguel Taibo era esencial repoñerse do empate da pasada xornada e por iso saíron ao campo dispostos a dalo todo. Co 6-0 no electrónico deu entrada a novos xogadores, pero reservouse a Manu Santiso para o final. Ao media punta bastoulle un cuarto de hora para selar un dobrete e pórlle o peche definitivo ao choque.
E O Val tirou de épica para derrotar ao Sporting Coruñés no treito final. A pesar de comezar por diante, os naroneses non puideron evitar a igualada do rival mediada a segunda parte. As idas e vidas foron unha constante ata que a balanza, finalmente, caeu do lado albivermello. Quillo fixo entrar a Keko e este respondeu á confianza do seu míster anotando unha diana no tempo engadido. Deste xeito, O Val lévase a primeira ledicia do ano fóra da casa.
Fóra da casa non fai tanto frío
Se se queren acadar os obxectivos no grupo 2 cómpre facerse fortes no propio feudo, si, pero tamén fóra del.

As andainas do Sporting Cambre por terras picheleiras non poden ir mellor polo momento, pois este fin de semana endosáronlle un 0 a 5 ao Racing San Lorenzo. Tras a igualdade propia dos primeiros compases de xogo, os brancos tomaron a iniciativa pouco antes de chegar ao tempo de lecer. Xa de volta, Bruno González deixou unha actuación para o recordo. O xogador cambrés marabillou aos afeccionados que se achegaron ata Santa Isabel cun póker de goles, deixando tocado e afundido ao Racing San Lorenzo.
Por outra banda, o Queixas venceu ao San Lorenzo nun partido moi axustado e con moita emoción no seu desenlace (1-2). Se ben os primeiros corenta e cinco minutos estiveron marcados pola gran actuación das defensas, as ofensivas puxeron toda a carne no asador no segundo tempo. Os de Verdillo foron os primeiros en golpear, pero o cadro visitante fixo efectivo o dito «Quen ri o último, ri mellor». Empataron na prolongación e, dous minutos despois, Samu Ríos deulles a vitoria co seu segundo gol neste inicio de curso.
Sorrí o Boimorto e non é para menos, xa que acadaron un importantísimo +3 ao derrotar por un gol a dous ao Bertamiráns. Boa parte de culpa tivo Ivalotelli, quen asinou o primeiro tanto da tarde para poñer por diante aos homes de Uxío Castro. Con todo, a ledicia duroulles pouco e o ‘Berta’ reequilibrou o resultado un cuarto de hora despois. Foi entón cando, novamente, Ivalotelli enviou o balón ao fondo das redes amarelas e negras para sentenciar o enfrontamento.


Xa carburan
Polo grupo 3 xa hai quen comeza a carburar o motor…
O Cire do Melide celebrou as festas do San Caralampio da mellor maneira posible ao impoñerse ao Brollón por tres goles a cero. Aos pupilos de Luigi bastáronlle vinte minutos para poñer en pé á bancada do Jesús Carlos Pampín. Non contentos con iso, volveron á carga no reinicio e aumentaron a súa vantaxe nun contragolpe culminado por David Pereiro. O ‘Furón’ volveu facer das súas e co seu gol puxo terra de por medio entre os seus e un Brollón que rematou encaixando outro tanto máis.
Para goleada a vivida na Magdalena, onde o Racing Vilalbés B deixou fóra de combate ao Taboada (4-0). O dominio dos chairegos fíxose notar desde os primeiros instantes, con varias chegadas de perigo por parte dos de Iván Lamas. Froito desa superioridade chegou o primeiro gol e, momentos antes de marchar para a caseta, o segundo, obra de Gegun. E ollo, porque non foi o único. No segundo tempo asinou outra diana para selar un magnífico dobrete. Logo dunha temporada na que alternou presenzas co filial e o primeiro equipo do Vilalbés, o mediocampista de Cospeito quere volver amosar a súa calidade.
Resiencia e Atlético Escairón firmaron táboas ao empatar a 2. A escuadra do Saviñao saíu máis enchufada que o seu rival e comezou mandando na Cheda. Pero os capitalinos demostraron a súa capacidade para sobrepoñerse aos reveses, dándolle a volta á tortilla. Xa nos últimos minutos, Asier apareceu para anotar o 2-2 e salvar un punto moi valioso para o Atlético Escairón. O monfortino leva un gran inicio de campaña, con dúas dianas en dous partidos.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.


















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































