En FutbolinGalicia non nos olvidamos dos xogadores, adestradores, afeccionados, directivos, árbitros, equipos e demais membros do noso fútbol, é dicir, de todos aqueles que día a día aportaron o seu gran de area para que o fútbol galego sexa do mellor do fútbol español. O protagonista desta nova entrega de Os Vintage é a SD Guitiriz da tempada 2022/2023, que logrou o ascenso a Primera Rexional.
Os gardametas Jesús Pérez e Martiño Fraga; os defensas Iván Ansede, Adrián Novo, Jesús Lorenzo, Yordi López, Diego Ferreiro, Miguel Cantero, Yani Otero, Diego Cendán e Martín Pereira; os centrocampistas Antonio Prieto, Antón Castro, Brais Pita, José Manuel Lorenzo, Mauro Castelo, Miguel Ángel Losada, Óscar López, Paulo Lobeiras, Javi Ferreiro, David Sanmiguel, Asier Bao e Erik Villar; e os dianteiros Diego Castro, Iván Morado e Iñaki Junior Amezcua gozaron de minutos durante a fase regular da Segunda Galicia Lugo Grupo 1 Norte da tempada 2022/2023.
O conxunto do Suso Cruz rematou a competición ligueira en cuarta posición tras obter cincuenta e oito puntos nas trinta xornadas disputadas. Os xogadores do mozo adestrador Marcos Pereiro, acompañado no banco por José Ángel Morandeira e Alex Vasco, lograron dezaseis vitorias, dez empates e unicamente catro derrotas entre os meses de setembro e abril. Esta bagaxe permitiulles obter o dereito a participar na fase de ascenso.

Javi Ferreiro, máis coñecido nos nosos campos coma Tanketín, foi o pichichi da SD Guitiriz tras anotar once goles nos vinte e cinco partidos ligueiros nos que formou parte. Erik Villar, con oito, e Iván Morado ‘Labrada’, con seis, completan o top-3 goleador dos nosos Vintage.
Unha fase de ascenso chea de igualdade e decidida en penalties
O partido de ida celebrouse no Suso Cruz, acabando o partido sen goles. Na volta, no campo das Valgas, reinou de novo a igualdade, acabando o tempo regulamentario con 1-1. O clasificado para a final decidiuse dende os once metros, onde o Guitiriz impúxose ao Iberia por 1-3 grazas as anotacións de Tanketín, Labrada e Tanke.
Na eliminatoria final os nosos protagonistas terían o partido de volta na casa grazas a rematar en mellor posición a fase regular ca o Cospeito. Na Fonte, no encontro de ida, non houbo goles. No segundo partido, no Suso Cruz, houbo dous, un por equipo. No 11′ adiantáronse os visitantes, mentres que no 83′ empatou o Guitiriz. Os acertos de José Manuel Lorenzo, Tanketín e Tanke propiciaron a vitoria da SD Guitiriz nos penaltis, desatando a loucura na afección. O ascenso xa era unha realidade!

Foto portada: FutbolinLugo





























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































