O Vizoño SD non puido ter un mellor inicio de tempada. O conxunto de Abegondo chegou ao minuto 79 perdendo por 0-1 ante o Racing San Lorenzo, pero protagonizou unha remontada espectacular para acabar impoñéndose por 5-1. O gran protagonista foi Koukilouty Diatta, que entrou no descanso e asinou os catro goles do equipo na segunda metade.
O dianteiro senegalés, que leva xa seis anos defendendo a camisola do Vizoño, afronta unha nova tempada coa intención de seguir sendo decisivo para o equipo. «O Vizoño é a miña segunda casa», recoñece un Diatta que non oculta a ambición do vestiario: «O principal obxectivo é quedar o máis arriba posible e, por que non, pelexar polo ascenso».
Futbolingalicia: O Vizoño SD protagonizou a primeira exhibición da tempada cunha gran remontada ante o Racing San Lorenzo. Como se viviu ese partido?
Koukilouty Diatta: «Foi un partido no que estivemos a maior parte do tempo por debaixo no marcador, pero soubemos seguir crendo no que queriamos facer e conseguimos un resultado moi bo para unha primeira xornada».
FIG: Entraches no descanso e anotaches catro goles na segunda parte. Cales foron as túas sensacións durante o partido?
KD: «Encontreime moi ben e saín coa idea de axudar o equipo a remontar, ben fose con goles ou doutra maneira».

FIG: No minuto 79 perdíades 0-1 e acabastes gañando por 5-1. Como se explican eses dez minutos máxicos?
KD: «Foron dez minutos increíbles nos que soubemos que, ao marcar o gol do empate, estabamos moi preto do segundo. Nese momento tiñamos mellores sensacións ca o rival e soubemos aproveitalo».
FIG: Que aspiracións ten o Vizoño esta tempada?

KD: «Creo que o principal obxectivo é quedar o máis arriba posible e, por que non, pelexar polo ascenso».

FIG: E cales son os teus obxectivos a nivel persoal?
KD: «O meu obxectivo persoal é tratar de axudar o equipo a conseguir os obxectivos colectivos, ben sexa con goles, asistencias ou doutras maneiras».
FIG: Levas seis anos no club e sempre marcando moitos goles. Que significa o Vizoño para ti?
KD: «O Vizoño é a miña segunda casa e síntome moi a gusto tanto dentro do campo como fóra del».

FIG: Como recordas os teus inicios en Abegondo?
KD: «Todo comezou cando coñecín o presidente do Vizoño, que me falou da posibilidade de fichar sen nin sequera verme xogar, coa intención de axudarme. Aquilo acabou converténdose nunha das mellores decisións que tomei».
FIG: Superaches os 20 goles na tempada 2022/23, nun ano no que o Vizoño acabou descendendo. Como viviches ese ano de contrastes?
KD: «Foi un ano difícil para o grupo, xa que as cousas non nos saíron ben e tivemos varias lesións que nos dificultaron moito a tempada. Por outra banda, a nivel persoal, no apartado goleador foi un dos meus mellores anos».
FIG: A pesar diso, quedaches no club e conseguistes ascender de novo a Primeira Galicia. Que recordos gardas daquel ascenso?
KD: «Naquela tempada conseguimos situarnos arriba desde o primeiro momento e tiñamos unha gran plantilla para a categoría. Ao ano seguinte conseguimos manter a categoría cunha marxe bastante ampla de puntos».
FIG: Que esperas do teu futuro no fútbol a longo prazo?
KD: «Espero poder seguir axudando o equipo no que se me pida e conseguir alcanzar cada ano obxectivos maiores».

















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































