# Hashtag

O dobrete, último obxectivo dunha tempada inesquecible para o Villalonga

A Copa Diputación, na que se atopa en semifinais tras derrotar ao Céltiga, será o último escollo do club presidido por Marcelo Muñiz, que en xullo dará paso á directiva encabezada por Pablo Estévez

O Villalonga foi un dos equipos máis fortes de todo o panorama futbolístico galego durante esta tempada. O club de Sanxenxo logrou ascender a Terceira RFEF, logo de cinco campañas en Preferente, no mes de abril, aínda con cinco xornadas por disputarse. A pesar de non lograr ningunha vitoria nesas cinco últimas datas, o equipo dirixido por Luciano González avantaxou en seis puntos a Valladares e Choco.

Este dato reflicte a gran tempada do conxunto de San Pedro, que, ao finalizar a primeira volta, contaba con dez puntos de vantaxe sobre o seu máis inmediato perseguidor, o Portonovo. Unha vez conseguido o salto de categoría, o Villalonga fixou a súa mirada na Copa Deputación-Rías Baixas, onde xa se atopa en semifinais tras vencer a Zacande, EFB Terra de Montes, Xuventú Sanxenxo e Céltiga.

Copa Deputación

O cadro adestrado por Luciano González enfrontarase agora ao SDC San Adrián, equipo de Primeira Galicia. Na outra semifinal cruzaranse o Atlético Cuntis, tamén de Primeira Galicia, e o CD Soutomaior, recentemente ascendido a esta categoría desde a Segunda Galicia. O camiño parece cómodo, xa que os principais favoritos como Portonovo, Cambados, Lalín ou o propio Céltiga, caeron polo camiño, pero en San Pedro non se queren fiar.



Alex Abal ‘Cavani’ (2002), un dos xogadores máis novos do equipo, recoñece que “cando comezou a Copa, a prioridade seguía sendo o ascenso en liga, pero, unha vez conseguido, fainos moita ilusión gañala”. “Toca seguir unha semana máis con este gran grupo e oxalá poidamos clasificarnos á final, afirma o extremo, que desexa “conseguir a Copa tras un ano tan bonito como este co ascenso e o campionato ligueiro.

Claves da tempada

‘Cavani’, autor de catro goles durante este curso, pensa que as claves principais para mostrar este gran nivel estiveron “na gran familia que formamos e en ser capaces de non baixar o ritmo. “Luciano apertábanos moito para que non nos relaxásemos a pesar de que non pensabamos no ascenso en si ata que nos faltaban seis ou sete partidos”, admite o novo futbolista.

Outro dos aspectos fundamentais atópase no gran traballo semanal, xa que “xogase quen xogase, todos adestrabamos moi duro para loitar por un posto. ‘Cavani’, que acumula tres tempadas como sénior no Villalonga, cinco participando no primeiro equipo, recoñece que melloreu «moito este ano pero aínda queda moito por mellorar”. “Con compañeiros como os que tiven este ano, é moito máis fácil mellorar porque che axudan en todo e corríxenche a cada intre”, manifesta o extremo.



Momento da entrega do trofeo de campións da Preferente Sur. Imaxe: Martín González

A importancia do ambiente e do adestrador

‘Cavani’ insiste na importancia do grupo para “conseguir o que logramos” e lembra os seus inicios no primeiro equipo. “Eu viña dun equipo xuvenil, onde adoita haber grupos de amigos xa formados e aquí ao principio pois non coñecía a ninguén. Co paso do tempo fun notando que era moi fácil levarse ben con todos porque ao final fan que che integres moi ben e fanse moitas actividades para formar un gran grupo, reflexiona o atacante sobre “o aspecto primordial da tempada”.

O novo futbolista comenta tamén o transcendental papel do seu técnico, Luciano González, ao que define como “un tío serio. “O adestrador sabía que eramos un cadro de xogadores con moita calidade e pediunos durante todo o ano que fósemos un equipo que tivese o balón, asegura ‘Cavani’, que recoñece que o preparador tamén lles pedía que o pasasen «ben independentemente do resultado, sobre todo coa posesión de balón.

Cambio de directiva

O club vivirá un verán de transformacións, xa que a actual directiva decidiu en maio, tras conseguir o ascenso, deixar o cargo despois de seis tempadas. O pasado domingo celebrouse a asemblea de socios que designou a Pablo Estévez como novo presidente, en substitución de Marcelo Muñiz, ao ser a única candidatura presentada. A nova directiva estará formada por, aproximadamente, unhas quince persoas, algunhas con vinculacións anteriores ao club.



O reto do novo consello é formar un bo proxecto en Terceira RFEF e, para iso, poderán contar co gran traballo económico que deixa o equipo directivo encabezado por Muñiz. As contas do club de Sanxenxo están saneadas e, unha vez acabe a Copa Diputación-Rías Baixas, comezará a planificación do próximo curso.

O dobrete, último obxectivo dunha tempada inesquecible para o Villalonga

O San Tirso asina unha gran tempada

O dobrete, último obxectivo dunha tempada inesquecible para o Villalonga

As leoas do Atlético San Pedro chegan

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *