# Hashtag

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira volta

Aló foi o primeiro cuarto da tempada! Hai nada estaban a comezar as competicións e agora xa nos atopamos no ecuador da primeira volta. Atrás quedan os dous meses iniciais, onde os diferentes equipos tiveron tempo de demostrar do que son capaces. Pero ollo, non está todo dito e pode haber moitas sorpresas ata o Nadal! Porque na Primeira Futgal todo pode pasar, máis aínda cando os seus xogadores máis Diferenciais se atopan no terreo de xogo…

Existe a terra de ninguén?

Un dos tópicos máis coñecidos no mundo do fútbol é o da terra de ninguén, ese espazo da clasificación no cal se atopan os equipos sen o obxectivo de ascender ou permanecer na categoría. Mais iso, no grupo 1, non existe.

O Val protagonizou a goleada da xornada ao endosarlle un contundente 1 a 6 ao Relámpago. Aos dez minutos, Hugo Guizán abriu a lata a prol dos naroneses. O seu gol motivou ao conxunto da franxa vermella e este non parou de atacar a meta herculina, incrementando a súa vantaxe en dúas ocasións. Logo do tempo de lecer volveron a carga e sentenciaron as cousas cun novo tanto de Guizán. Procedente do As Pontes, o ferrolán chegou agora á Sinde disposto a liderar a ofensiva do seu novo equipo. E vaia se o está a facer!



Lance de xogo no Relámpago-O Val. FOTO: SD O VAL

Máis axustado foi o Meirás-Cultural Maniños, resolto por un gol a cero a favor dos de Valdviño. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Tomás inaugurou o electrónico cun gol celebrado por todo o alto no Misael Prieto. Unha vez por diante, os homes de Mario López xestionaron a posesión do esférico e puideron defenderse co balón ata desesperar ao seu rival. O guion non mudou nos seguintes corenta e cinco minutos e o Meirás puido selar un triunfo importante para as súas aspiracións. Con eses tres puntos afástanse duns postos de descenso que ocupa precisamente o Maniños.

E pretiño dos play off atópase o Torre logo de gañar con claridade ao San Sadurniño (5-1). Os arlequinados saíron co coitelo entre os dentes e conseguiron tomar a iniciativa ao pouco de comezar o encontro. Un dobrete de Luís Gómez serviulles para encarrilar as cousas, tombando sobre a lona aos de Ferrolterra. Nada máis comezar a segunda metade lograron repoñerse, pero o seu gol foi contrarrestado inmediatamente polos coruñeses, que puxeron a sentenza no treito final. Polo momento, o Torre continúa como un dos poucos equipos imbatidos neste comezo de curso.

A festa do gol

Dá igual quen os anote, porque os goles sempre se celebran. E sempre se agradece un partido con múltiples celebracións, ao estilo do grupo 2.



Sorrí o Bertamiráns e non é para menos, pois sitúanse como terceiros clasificados despois de superar ao Racing San Lorenzo (0-4). A pesar de non ver porta nos primeiros compases do xogo, a entidade amarela e negra non tardou en derrubar o muro picheleiro. Boa parte de culpa tivo Ronquete, quen asinou unha dupla de anotacións en tan só media hora. O mediapunta da Pobra do Caramiñal leva xa seis dianas, reivindicándose como un dos xogadores a seguir neste grupo 2. No segundo tempo, o ‘Berta’ pechou o encontro con outros dous golpes, certificando así o seu terceiro +3 consecutivo.

Non foi un set de tenis, mais como se o fose. E é que o Vizoño impúxose ao Calo por un 6 a 4 máis propia da Philippe Chatrier que do Pinar! Apoiados nos seus seareiros, os de Abegondo saíron ao campo dispostos a dalo todo e, froito desa intensidade, conseguiron adiantarse por mediación de Louro. Iso si, manter a renda non lles foi nada doado e o partido volveuse un ida e volta constante co paso dos minutos. Foi Louro quen puxo terra de por medio entre os seus e os teenses, culminando a súa magnífica actuación cun dobrete.

Club do Mar e Queixas repartiron os puntos ao empatar a tres goles. Non foi un bo comezo para os de Caión, pois comezaron por baixo no electrónico. Dani Sánchez alentou aos seus xogadores e estes igualaron a contenda nun abrir e pechar de ollos. No reinicio, o Queixas retomou a iniciativa e, ao igual que na anterior ocasión, a ledicia duroulles ben pouco. Adrián Carballeira deulle a volta á tortilla en pouco máis de cinco minutos, demostrando as súas habilidades ofensivas malia a súa demarcación como lateral dereito. Con todo, o seu esforzo non foi suficiente e os branquiazuis devolveron o golpe para rescatar un punto do Municipal da Laracha.



A loita continúa

Mentres se manteña a esperanza, é unha obriga moral competir ata ao final. E diso saben moito no grupo 3.

A boa xeira do Ribadeo estenderase unha semana máis, xa que os celestes varreron ao Lourenzá no derbi mariñán (1-6). Pese a contar cun inicio ben igualado, o partido desnivelouse coa aparición de Castrín. Ao atacante de Riotorto bastoulle unha hora para furar as redes laurentinas ata en dúas ocasións. O combinado celeste non deixou de pisar o acelerado ata chegar á manciña, mais non se conformou con iso e volveu ampliar a diferenza nos últimos minutos. Neste último mes, os homes de Dani Moirón non coñeceron a derrota.



Por outra banda, o Guntín superou ao Brollón por un gol a dous e pon fin á súa mala racha. Os Medos acolleu un encontro igualado e con alternativas para ambos bandos desde o asubío inicial. Iso si, quen golpeu primeiro foron os laranxas, poñendo o 0 a 1 no luminoso aos dez minutos. De regreso da caseta, volveron ver porta nunha acción culminada por Dani Pérez. Dá igual se parte como titular ou entra desde o banco, porque o extremo lucense sempre rende. O colchón de dous tantos permitiulles aos Germán Campos respirar máis tranquilos e asegurar así o seu primeiro triunfo desde a xornada 1.

Finalmente, o Atlético Escairón deixou na cuneta ao Folgueiro tras derrotalos por 7 a 2. Logo do intercambio inicial, os do Saviñao fixéronse coa pelota e comezaron a chegar con perigo á meta vermella. Isma deixou a súa pegada antes do descanso e tamén o fixo no reinicio, deixando un dobrete para o recordo. Os pupilos de Óscar Moure mantiveron a intensidade e aproveitaron o baixón dos mariñáns para coller unha maior distancia. Mentre o Atlético Escairón continúa a súa escalada na táboa clasificatoria, o Folgueiro afúndese ata a penúltima posición.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira volta

O Arteixo frea a boa xeira do

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira volta

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira