# Hashtag
Campo Elviña Coruña. FOTO: AFAC

Polémica na Coruña polo estado dalgúns campos de fútbol

A semana estivo marcada na Coruña pola polémica xurdida polo mal estado dalgúns campos de fútbol da cidade. Nomeadamente, do complexo deportivo de Elviña (Elviña Grande e Elviña Pequeño), tras a lesión de gravidade dun xogador do Lóstrego SD.

O campo de Elviña é de titularidade autonómica, dependente da Fundación Deporte Galego, pero explotado, en réxime de concesión, por unha empresa privada. O recinto acolle cada semana un número elevado de adestramentos e partidos de diferentes clubs da Coruña. Todo isto nun contexto de carencia de instalacións deportivas na cidade herculina, que obriga a maximizar os usos para poder prestar o servizo necesario ao amplo tecido deportivo.

Segundo a Asociación do Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC), a pasada fin de semana Elviña acolleu 18 partidos. Por fortuna, din que non teñen constancia de ningún outro incidente dese carácter, «o que nos induce a pensar que a lesión de gravidade do xogador do Lóstrego SD é unha máis por desgraza entre as que se producen semanalmente nos diferentes campos de fútbol da cidade e fóra dela«, sinalan dende a AFAC.



Folga dos conserxes dos campos na Coruña

A pasada fin de semana coincidiu ademais coa folga dos conserxes dos campos da Coruña. Pararon para esixir un complemento salarial recollido no convenio colectivo. Así pois, a instalación de Elviña foi a única que puido albergar partidos, xa que a folga contou cun seguimento do 100%.

Só abriu Grela 1 e fíxoo en servizos mínimos para a disputa de tres partidos de ámbito nacional, entre eles o do Silva. Estiveron pechados Visma 1, Visma 2, Leyma, Lamadosa, CD Arsenio Iglesias – Torre 1, CD Arsenio Iglesias – Torre 2, CD Arsenio Iglesias – Torre 3, CD Arsenio Iglesias – Torre 4 e CD Arsenio Iglesias – Torre 5.

Polo tanto, o campo de Elviña espremeu ao máximo a súa capacidade para, segundo a AFAC, «evitar, polo menos, a suspensión de oito partidos que se celebraron no campo grande e de dez que tiveron lugar no campo pequeno. Foi unha decisión tomada de forma consensuada coa Real Federación Galega de Fútbol para tratar de manter a maior normalidade posible no desenvolvemento das competicións«, afirman fontes do colectivo do fútbol afeccionado herculino.



O 2025 traerá cambios nos campos da cidade

A AFAC lembrou nun comunicado que o 2025 será o ano da renovación de varios recintos deportivos: «se se cumpren os prazos, os cidadáns contarán co campo 1 da CD Arsenio Iglesias – Torre plenamente renovado, o campo de fútbol de Leyma plenamente renovado e os campos Grande e Pequeño do Complexo Deportivo de Elviña renovados. Con iso, conseguirase un salto de calidade, que, con todo, aínda non é suficiente para o desenvolvemento normal da actividade deportiva que existe na cidade«.

O colectivo aproveita para reflexionar sobre a carencia de campos na cidade. «Estas instalacións non son suficientes para acoller a totalidade de masa competicional«, lamentan. Como dato, sinalan que na fin de semana do 9 e 10 de novembro desenvolvéronse, entre as diferentes modalidades, 171 partidos. Na finde do 26 e 27 de outrubro foron 168.

Consulta aquí os Diferencias da Primeira Futgal da xornada 11, entre os que figuran xogadores do Victoria e do Marte, ambos os dous clubs da Coruña.



Polémica na Coruña polo estado dalgúns campos de fútbol

Os equipos que marcan o ritmo en

Polémica na Coruña polo estado dalgúns campos de fútbol

Un Santaballés que oposita á zona nobre

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *