# Hashtag

Nin o frío fai tremer aos Diferenciais

Pasan os meses e cada vez fai máis frío nos campos de fútbol galegos. É normal. Atrás queda o verán, os partidos de pretemporada a máis de trinta graos e os primeiros tests serios do ano. A baixada das temperaturas nesta fin de semana foi unha evidencia, mais isto non repercutiu no xogo dos futbolistas. Houbo algúns, incluso, aos que lle sentou ben. Porque os Diferenciais da Primeira Futgal están preparados para realizar exhibicións sen importar as condicións meteorolóxicas…

Non hai marxe para tropezar

É imposible errar. Se un quere liderar a táboa do grupo 1 precisa sumar de tres en tres puntos. Sen ir máis lonxe, o Cedeira baixou dúas posicións logo de caer nesta fin de semana e foi superado por outro conxunto coa mesma vestimenta.

Así é, o Victoria faise co liderado da competición ao impoñerse con claridade ao Imperator (1-4). As cousas non comezaron ben para as ‘cebras’, pois encaixaron un gol desde os once metros aos 40 minutos de iniciar o encontro. Iso si, non tardaron en reaccionar e igualaron a contenda por mediación de Mandayo, quen puxo o 1-1 antes de chegar ao descanso. Xa no reinicio, Mario Seoane puxos aos de Miguel Taibo por diante e, non contento con iso, volveu ver porta para asegurar os tres puntos dos seus, que se sitúan á cabeza da clasificación.



Aos seus veciños de Monte Alto tampouco lles foi nada mal. E é que o Marte conseguiu os tres puntos logo de endosarlle un 5 a 1 ao Perlío. Boa parte de culpa tivo Mato, quen abriu a lata para o conxunto herculino. O dianteiro picheleiro aínda tivo tempo para asinar outros dous tantos e completar o seu hat-trick particular. Tombada sobre a lona, a escuadra de Fene foi incapaz de conter os continuos ataques do seu rival, cuxa superioriedade quedou reflectida con outras dúas dianas. Tan só puideron maquillar o resultado ao anotar unha pena máxima nos minutos finais.

Sorrín no Pote e non é para menos porque o Cultural Maniños logrou o seu primeiro triunfo da temporada ao superar ao Sada por un gol a cero. Apertado como poucos, o encontro mantívose co ‘resultado gafas’ ata que Chistian declinou a balanza a favor dos brancos. Co seu gol, o primeiro neste curso para o mediocentro, o Maniños racha coa súa mala xeira inicial e colle esperanzas para saír dos postos de descenso, onde tamén se atopa o Sada.

Sabor a derbi

Un bo derbi sempre abre o apetito dos seareiros máis incondicionais do noso fútbol e máis cando a rivalidade é tan próxima. Por unha banda, o Luaña derrotou ao Bastavales e gañou este primeiro asalto do enfrontamento brionés.



E por outra, o Xallas acadou a súa primeira vitoria do curso futbolístico no derbi ante o Castriz (0-3). A Fontenla acolleu un duelo que se lles puxo de cara aos verdes desde ben cedo. A Raúl Lado bastoulle un cuarto de hora para facer o primeiro e poñer en pé á bancada local. Os homes de Doriño seguiron o plan establecido polo seu míster e continuaron a atacar a portería dos de San Pedro ata aumentar a súa renda. Co paso dos minutos, o Castriz apagouse por completo e os xalleiros aproveitaron a situación para sentenciar ao seu máximo rival.

Continúa a boa racha do Calo -único equipo imbatido neste último mes de competición- ao vencer por cinco goles a dous ao Club do Mar. Os de Teo saltaron ao céspede cunha marcha máis e tomaron a iniciativa cun tanto de Dopazo. Unha vez por diante, o equipo de Rebordelo fíxose coa posesión do esférico e comezou a chegar con máis frecuencia á portería visitante. Foi entón cando Dopazo volveu furar as redes caionesas para marchar aos vestiarios cun 3-0 favorable aos seus. E non só iso, senón que o mediocentro aínda tivo tempo de anotar un terceiro desde o punto fatídico, selando unha actuación para o recordo.

Cun punto máis atópase un Boimorto que fixo os deberes ante o Sporting Cambre. Iso si, non lles foi nada doado e deberon agardar ata a segunda parte para facer o primeiro da tarde. Uxío fixo entrar a Dani Pampín e o ariete melidao non o defraudou, convertindo en gol o primeiro balón que tocou. Xa amosou as súas habilidades no Cire e agora quere facer o propio no Carballal, onde asinou a súa primeira diana coa camisola vermella. Pouco despois chegou o segundo e o Boimorto certificou así o seu primeiro +3 neste mes de outubro.



Fin ao mal momento

Cando se está a atravesar un mal momento é necesario coller folgos para reverter a dinámica. Como fixeron estas entidades do grupo 3…

Nada como levarte os tres puntos nun derbi. É o caso dun Foz que bateu por cero goles a dous ao Folgueiro. Ningún dos dous conxuntos quixo ceder ante o seu rival, pero os do Vicedo foron os primeiros en ser golpeados. Íase cumprir a primeira media hora cando Asier inaugurou o electrónico de Boa Vista. O focense volveu ser decisivo para os seus anotando unha pena máxima para poñelos en vantaxe. Tras o reinicio, os de Pelayo Barrera sumáronse ao ataque e novo e puideron pechar o encontro cunha anotación máis.



O Foz celebra o penalti convertido pola súa referencia en ataque, Asier. FOTO: CD FOZ

A sorpresa da xornada viviuse nas terras da Ulloa, onde o Taboada noqueou ao Residencia (2-1). Aínda non rematara de asubiar o colexiado e os pupilos de Francis Sixto xa tomaran a iniciativa. Para os branquiazuis, a opción de relaxarse non entraba nos seus plans e por iso foron á procura dun segundo gol que chegou nas botas de Moski. Aos seus trinta e nove anos, o dianteiro segue a demostrar a súa capacidade para perforar as redes rivais. Sen ir máis lonxe, leva xa catro tantos neste arrinque ligueiro.

Quen non puido acabar co seu mal momento foi o Becerreá. Os ancareses caeron por un axustado 1 a 2 ante un Brollón que atravesa unha xeira totalmente contraria aos do Municipal. Sen un claro dominador, o choque estivo marcado polas idas e vidas ata a primeira e única diana do Becerreá. Isto fixo reaccionar aos xogadores de Diego Rey, cuxas prestacións subiron na segunda parte. En apenas tres minutos, Sergio deulle á volta á tortilla e anotou un dobrete para acabar coas esperanzas dos locais.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Nin o frío fai tremer aos Diferenciais

O Arteixo remonta ante o Arenteiro cun

Nin o frío fai tremer aos Diferenciais

Nin o frío fai tremer aos Diferenciais