# Hashtag
#Fútbol Feminino #Terceira Galicia Feminina

Segundo capítulo dos ascensos na Terceira Galicia

A Terceira Galicia feminina xa ten definidos os seus 16 equipos ascendidos a Segunda para a próxima tempada. Entre eles hai proxectos de recente creación e outros que levaban anos perseguindo este obxectivo. Falamos con xogadoras do Teis, Cented, Caldas e Taragoña para coñecer como viviron unha campaña que rematou co premio do ascenso.

O Teis fai pleno e lidera o grupo 6

O conxunto vigués estreou sección feminina esta tempada e xa conquistou a súa primeira liga, o seu primeiro ascenso e a Copa Vigo. Rematou a competición con 60 puntos, sen ceder ningún polo camiño e asinando un pleno de vitorias.

A pesar de dar os seus primeiros pasos esta tempada, o Teis conta cun plantel con experiencia. Parte das súas xogadoras xa conseguiran dous ascensos co San Roque Casablanca, conxunto que a pasada campaña tamén conquistara a Segunda Galicia, pero que acabou desaparecendo por desacordos coa directiva.



Unha desas futbolistas é Sofía Caride, que explica como viviu esta tempada: «O noso principal obxectivo era ascender e gañar a liga. A medida que iamos gañando partidos fómonos marcando novos retos, como conquistar a Copa Deputación —que finalmente gañou o Valladares— ou rematar a liga invictas».

A xogadora asegura que a súa principal motivación era volver conseguir un ascenso e contribuír a facer medrar un equipo que comezaba desde cero. «Iso, xunto coas ganas e o compromiso que poñiamos en todos os partidos, foi a chave para conseguilo».

Caride recoñece que, ao principio, sentía que daba un paso atrás, xa que o San Roque Casablanca acababa de ascender á Primeira Galicia. Porén, co paso da competición, o bo ambiente que se foi creando no vestiario e os bos resultados fixeron que a motivación e as ganas fosen medrando cada vez máis.



O Cented impulsa o fútbol feminino ourensán

No caso do Cented, o conxunto ourensán, que afrontaba a súa segunda tempada en competición, conseguiu o ascenso tras rematar segundo no grupo 6 con 49 puntos. Perdeu tres partidos e empatou un, mentres que o resto dos encontros rematáronse con vitoria.

Nas súas filas destaca Andrea Calvo, máxima goleadora do grupo con 35 tantos e unha das xogadoras encargadas de tirar do equipo durante esta campaña.

O Cented celebra o seu ascenso. Foto: Auriense CA

«Este ascenso marca un antes y un después en el progreso que ha tenido el equipo estos dos últimos años y, bajo mi punto de vista, también resulta muy importante para el fútbol femenino en Ourense«, explica Andrea. O próximo curso, a provincia contará con dous equipos en Primeira Galicia e outro en Segunda.



O ascenso era un obxectivo que o club se marcara xa desde a pretempada. «Con el paso de los partidos y las reiteradas victorias en las primeras jornadas lo vimos cada vez más cerca».

Para a futbolista, a clave para conseguir o ascenso foi o ambiente que se creou arredor do equipo: «Para mí, lo más importante ha sido el ambiente familiar que había en el vestuario, en el campo y fuera de lo deportivo. Eso fue lo que más ayudó a conseguir todo lo que nos propusimos».

Andrea tamén recoñece que viviu a tempada con felicidade pero tamén con responsabilidade: «Esta temporada la he vivido con mucha alegría, pero también con la presión del principio, ya que era una de las que tenía que tirar del carro para intentar que el equipo consiguiera cumplir los objetivos. Fue una temporada muy bonita, que recordaré siempre«.

O Caldas conquista o grupo pola mínima

No grupo 5, a loita polo ascenso estivo moi igualada. O primeiro posto decidiuse por un único punto, o que separou o Caldas do Taragoña, segundo clasificado, e do Chispa, terceiro.

O conxunto de Caldas de Reis conseguiu o ascenso no seu regreso á competición tras dúas tempadas sen competir. Unha das pezas clave foi a súa capitá, Estela Regueiro, que destaca que o éxito foi o premio ao traballo realizado polo club.



O equipo festexando que xa é de Segunda Galicia. Foto: Caldas CF

«Conseguir o ascenso é un gran premio ao esforzo colectivo de todo o equipo e ao traballo de base que leva facendo o club estes anos. Dende o primeiro momento en que se formou o sénior, creo que todas tiñamos o ascenso entre cella e cella. Sabiamos que non ía ser doado e que había moito que traballar para conseguilo, pero confiabamos plenamente no grupo que estabamos formando e na capacidade das nosas xogadoras».

A capitá considera que o ascenso foi posible grazas á suma de varios factores. «Creo que houbo varios factores clave ao longo da tempada que fixeron posible gañar a liga e conseguir o ascenso a Segunda. O primeiro foi a aposta do club por crear un proxecto feminino con proxección e converterse nun referente na zona; ese apoio foi fundamental en todo momento. Tamén foi moi importante a confianza do noso adestrador no equipo e no traballo diario. E, pola nosa parte, dende o principio conseguimos formar un grupo moi unido, combinando xogadoras da base con moita proxección e outras con máis experiencia na categoría. Esa mestura foi clave para acadar o obxectivo».



Regueiro tamén recoñece que esta foi unha das campañas máis especiais da súa traxectoria. «Para min, persoalmente, esta foi unha das tempadas máis bonitas que vivín. Cando chegas a un equipo no que todos reman na mesma dirección, nótase. Disfrutamos moito dentro do campo e tamén fóra del, e iso acabou reflectíndose nos resultados. Agora xa temos a cabeza posta na próxima tempada. Afrontarémola con moita ilusión e con ganas de seguir medrando».

O Taragoña tamén se sube ao carro de ascensos a Segunda

Tras tres tempadas, o conxunto de Rianxo conseguiu o ascenso a Segunda Galicia despois de rematar na segunda posición do grupo 5. Unha das súas referencias foi Laura Gómez Abuín, máxima goleadora do equipo con 30 tantos, que explica o que supuxo este logro. «É a recompensa ao esforzo realizado. Non só durante esta tempada, senón que tamén é o froito de moito traballo previo».

O Taragoña festexa o ascenso. Foto: Taragoña Fem

A futbolista asegura que os obxectivos do equipo estiveron claros desde o inicio. «Os obxectivos iniciais sempre foron os mesmos: desfrutar, pasalo ben e facer piña. Para o noso equipo, ser como unha gran familia é o fundamental e, sen dúbida, poder materializar o ascenso ao tempo que desfrutabamos do camiño foi a clave».

A nivel persoal, recoñece que non foi un curso doado para ela. «Para min foi unha tempada complicada. Non puiden estar tanto como me gustaría, pero sempre intentei dalo todo e aportar o que podía na medida do posible».

Segundo capítulo dos ascensos na Terceira Galicia

Os Vintage: SP Pontenova 2016/2017

Segundo capítulo dos ascensos na Terceira Galicia

Segundo capítulo dos ascensos na Terceira Galicia