# Hashtag
#Fútbol Feminino #Segunda RFEF Feminina

O fútbol feminino galego xa ten folla de ruta na Segunda Federación

Os tres equipos galegos que competirán na terceira categoría do fútbol feminino xa coñecen o seu itinerario para esta temporada. As Celtas e o Deportivo B afrontarán o seu segundo curso no Grupo 1 da Segunda Federación, ao que se incorpora tamén o Victoria CF despois de conseguir o ascenso o pasado ano.

A competición dará comezo o vindeiro 6 de setembro e rematará o 2 de maio. Nesta ocasión, os cinco primeiros clasificados terán a oportunidade de conseguir o ascenso, mentres que os dous últimos perderán a categoría.

O sistema de competición está condicionado pola reestruturación prevista para o fútbol feminino de cara á temporada 2027-28. A Primeira Federación pasará de contar cun grupo a dous, mentres que a Segunda Federación ampliará os seus grupos de tres a catro. Polo tanto, o resultado desta temporada terá especial importancia na configuración das categorías para o seguinte curso.



O Grupo 1 presenta ademais varias caras novas. Arratia, Osasuna B e Victoria CF chegan tras lograr o ascenso, mentres que o Real Oviedo regresa á categoría despois de descender desde Primeira Federación. A Fundación Rayo Vallecano, pola súa banda, cambia de grupo e pasa do 2 ao 1.

Oportunidade para As Celtas

O Celta abrirá e pechará a competición ante o mesmo rival, o Real Avilés. As celestes comezarán con dúas xornadas consecutivas como locais: na primeira recibirán ao conxunto asturiano e na segunda ao Osasuna, antes de visitar ao Madrid CFF B na terceira.

O primeiro derbi galego chegará na sexta xornada, o 11 de outubro, cando As Celtas reciban en Vigo ao Dépor B. A volta terá lugar o 17 de xaneiro, na decimoquinta, nesta ocasión en Abegondo.



O segundo duelo galego para o Celta chegará o 20 de decembro, na decimoterceira, cando As Celtas viaxen á Coruña para enfrontarse ao Victoria CF. Xa no tramo final da competición, o 4 de abril, na 23ª, será o conxunto coruñés o que visite A Madroa para medirse ás celestes.

Estes dous conxuntos xa se enfrontaron o pasado sábado nun amigable e as viguesas gañaron por 3-0. Foi o segundo amigable para As Celtas, que anteriormente empataran 2-2 co Famalicão. Este sábado afrontarán un novo compromiso ante o Braga B.

Comezar de cero para o Deportivo

O Dépor B sufriu máis a tempada pasada e tivo que agardar ata a recta final da competición para asegurar a permanencia. Agora, coas novas fichaxes e o inicio dun novo curso, terá a oportunidade de comezar de cero e mesmo aspirar a facer algo máis grande.

O equipo xa puxo en marcha a pretemporada e o pasado martes enfrontouse ao Victoria CF, cun triunfo por 3-2. Antes, tamén vencera ao Real Oviedo pola mínima. Os dous conxuntos coruñeses volverán verse as caras o 15 de novembro, na novena xornada, nun partido no que as branquiazuis xogarán como visitantes. O segundo encontro terá lugar en Abegondo o 7 de marzo, na xornada 20.

O Deportivo despois do encontro ante o Real Oviedo. Foto: RC Deportivo

O calendario levará ao Dépor B a comezar a temporada lonxe da casa. Desprazarase a Madrid para enfrontarse ao Rayo Vallecano na primeira xornada e, unha semana despois, volverá xogar como visitante ante o Eibar B. Debutará diante da súa afección chegará o 20 de setembro, coa visita do Racing de Santander.

Nova aventura para as cebras

Tras o ascenso, o Victoria CF afronta esta temporada o reto de competir nunha nova categoría. O equipo coruñés reforzou o cadro con oito incorporacións, mantendo tamén unha parte importante do bloque que conseguiu o salto.

Na portería continúa Ainhoa Pérez e incorpóranse Xiana Pardo, procedente do filial, e Sol Moreno, que chega desde As Celtas. Tamén hai cambios nos bancos, xa que Ana Rodríguez Coronilla deixa os terreos de xogo para iniciar unha nova etapa como adestradora. Esta temporada estará á fronte do Muxía na Primeira Galicia.



A defensa suma dúas caras novas. Laura Martínez chega despois de xogar a pasada campaña no Villalonga, mentres que Aída Samper, central, procede do Olímpico de León, que perdeu a categoría e competirá na Terceira RFEF. O resto da liña mantén a Carla Amado, Valeria Trashorras, Blanca Rodríguez, Marta Ponte, Albita e Carla Rio.

No centro do campo continúan Lau López, Andrea Díaz, Peque, Alma Reiriz e Ana Pereira. A elas súmanse Alba Suárez ‘Bita’, que regresa ao club tras pasar por Meicende, Atlético Villalonga e Getafe, e Lucía Mansilla ‘Lula’, que tamén chega do conxunto madrileño. Lula conta ademais con experiencia no Madrid CFF e no fútbol universitario estadounidense, tras pasar catro anos en Saint Peter’s University.



A terceira novidade nesta zona é Inés Villanueva, que regresa ao fútbol galego despois de varios anos en Norteamérica. A centrocampista xa coñece o fútbol da comunidade, pois anteriormente militou no Victoria de Santiago.

No ataque mantéñense Nuria Sánchez, Maca González, Candela Vázquez, Marta Cascón e Sofía Rodríguez. Laura Izard, procedente do Bergantiños, e as futbolistas Melissa Noivo e Giusy, que chegan do fútbol estranxeiro, completan as incorporacións do conxunto coruñés.

Folla de ruta

A aventura do Victoria CF na nova categoría comezará lonxe da Coruña. O conxunto coruñés desprazarase ata Biscaia na primeira xornada para enfrontarse ao Arratia, outro dos equipos recentemente ascendidos.

Na segunda xornada tocará viaxar ata Asturias para medirse ao Real Avilés. Do mesmo xeito que o Dépor B, o Victoria CF terá que agardar ata a terceira xornada para estrearse ante a súa afección. Será nese momento cando reciba ao Spoting de Gijón.

O fútbol feminino galego xa ten folla de ruta na Segunda Federación

Os Vintage: Umia CF 2014/2015

O fútbol feminino galego xa ten folla de ruta na Segunda Federación

O fútbol feminino galego xa ten folla