O Boxing Day na Premier League é unha das datas máis emblemáticas do fútbol inglés. Celébrase o 26 de decembro e conta cunha xornada completa de partidos, mantendo unha tradición centenaria. Os encontros disputados neste día adoitan ter un gran seguimento. Ademais, nos seguintes días, as xornadas non paran e é moi habitual ter algún partido durante todos os días das vacacións de Nadal.
Algo parecido ocorrerá nesta Semana Santa en Galicia, aínda que neste caso, motivado pola suspensión polo temporal da xornada do 26 de xaneiro. Entre o mércores e o domingo terán lugar dúas xornadas da Preferente Norte, da Preferente Sur e da Terceira RFEF, con moitas cousas en xogo pola proximidade do fin dos campionatos.
En total haberá 52 partidos, a excepción do Galicia Mugardos-Miño, disputado na data orixinal (2-2), e do Moaña-Portonovo, que se xogou o pasado mércores con vitoria local (5-1). Se sumamos os partidos de Primeira Galicia (95 en total), a cifra ascende a 147 encontros, e se incluímos os de Segunda e Terceira Futgal (45 máis), haberá case 200 choques nesta Semana Santa, 192.
Mércores 16 de abril
Os primeiros en abrir a función serán seis equipos da Preferente Sur, que se enfrontarán en horario nocturno nuns partidos onde, sobre todo, estará en xogo o descenso e a fase de ascenso. En Santa Mariña xogarase ás 20.30 un Choco-Pontevedra B, onde os locais buscarán coller aire e os visitantes, certificar a salvación. O cadro de Redondela atópase a un punto da permanencia, mentres que o filial granate sácalle sete puntos ao seu rival.
Á mesma hora no Baltasar Pujales disputarase un Rápido de Bouzas-Cented Academy con moi poucas cousas en xogo. Os vigueses, xa descendidos, queren ter unha pequena alegrías, mentres que o cadro ourensán pecharía a permanencia de forma definitiva cun triunfo. Ás 21.30 na Bouza de Barrantes, o Umia tentará durmir fóra do descenso se gaña a un Beluso que necesita vencer se quere ir pechando a súa clasificación á fase de ascenso.
Xoves 17 de abril
Na xornada do xoves teremos o primeiro gran prato da semana con ata 22 partidos. Na Terceira RFEF disputarase a xornada 19 ao completo. Pola mañá xogaranse tres partidos nos que a permanencia será a protagonista. Por un lado, o Somozas recibirá no Candocia ao Estradense, mentres que o Atlético Arteixo enfrontarase ao Noia e polos Carrís pasará o Gran Peña para medirse ao Barbadás.

Xa na quenda de tarde, o Betanzos-Polvorín abrirá a veda ás 17.00 no García Hermanos, para dar paso unha hora máis tarde ao Boiro-Silva e ao sobranceiro da xornada, o encontro entre a UD Ourense e o Racing Vilalbés que pode acabar de decidir o ascenso a Segunda RFEF. O Valladares-Sarriana das 18.30, o Arosa-Viveiro e o Vilalonga-Alondras (ambos ás 19.00) pecharán a xornada de xoves na categoría.
Pola súa banda, na Preferente Norte, haberá oito partidos durante o xoves. Cinco deles terán lugar ás 12.00 e neles haberá moitas cousas en xogo (Arzúa-At. Escairón, Órdenes-Sigüeiro, Montañeros-Pol, Lalín-Ribeira e Ribadeo-O Val). Xa pola tarde disputaranse os tres partidos restantes. Na Porta Santa celebrarase un Paiosaco-San Tirso ás 17.00, ás 17.30 haberá un Lemos-Sofán na Pinguela e ás 18.30 será a quenda do Dubra-Negreira no Juan Baleato.
A xornada do xoves pecharase coa disputa de cinco partidos da Preferente Sur. O máis destacado será ás 12.00 en Burgáns, posto que enfronta a dous veciños como o Cambados e o Céltiga, dous dos favoritos a loitar polo ascenso. A partir das 16.00 terán lugar os outros partidos, que medirán ao Atlético Arnoia co Porriño Industrial, ao Juvenil de Ponteareas coa Atlántida de Matamá, ao Cultural Areas co Verín e ao líder co terceiro. O partido do Carballo pode ser decisivo no ascenso directo, polo que Atios e Barco brindarán un duelo de moitas emocións.

Domingo 20 de abril
Tras un descanso durante o Venres Santo e o sábado, o domingo volve a acción cun total de 27 partidos correspondentes ás xornadas 31 destas tres categorías.
Na Terceira RFEF, a tarde abrirase con intensidade na Grela, onde ás 12:15 o Silva recibe á UD Ourense nun choque de intereses cruzados entre dous equipos que non poden permitirse fallar, especialmente o segundo. Xa pola tarde, ás 17:30, o Viveiro buscará sorprender ao Racing Club Villalbés en Cantarrana, nun duelo lucense de rivalidade provincial que promete fútbol de altura.
Un total de catro partidos están programados para as 18:00, unha franxa horaria que concentra boa parte da xornada. Nos Carrís, o Barbadás xogará contra o Noia, mentres que en noMorrazo, o Alondras recibe ao Betanzos, pechacancelas do grupo. Ao mesmo tempo, no Municipal de Barreiro, o Gran Peña tentará aproveitar a mala xeira do Arosa e, en Barraña, o Boiro buscará puntos valiosos ante o Villalonga F.C., nun encontro con implicacións directas na zona baixa da táboa.
A partir das 19:00, dous encontros poñerán o broche á xornada: o Estradense recibirá ao Atlético Arteixo no Novo Municipal da Estrada e a Sarriana enfrontarase ao Polvorín na Ribela, noutro novo derbi provincial. Finalmente, o Somozas e o Valladares terán un choque directo no Alcalde Manuel Candocia, aínda que a hora está pendente de confirmación oficial.
Preferente
A Preferente Norte vivirá encontros moi igualados ao longo da tarde do domingo, con partidos repartidos por toda a xeografía galega. Destaca o derbi lucense entre o Lemos e o Pol, que se disputará ás 19:00 na Pinguela, un duelo con moita rivalidade comarcal. Antes, ás 17:00, o San Tirso recibe no campo do Monte ao Atlético Escairón, mentres que ás 18:00 haberá tres encontros: o Negreira mide forzas co Sigüeiro no Municipal Jesús García Calvo; o Cidade de Ribeira xogará contra o Órdenes na Fieiteira; e no Pepe Barrera, o Ribadeo enfróntase ao Lalín.

O día comezará forte xa pola mañá, cun dobre enfrontamento ás 12:00: O Val recibe ao Arzúa en Sinde, mentres que o Miño xogará contra o Atlético Coruña Montañeros en Gallamonde. Completan a xornada dous encontros que prometen intensidade: ás 18:30, o Sofán enfrontarase á Paiosaco-Hierros no Carral e. ás 18:00. o Galicia de Mugardos xogará contra o Dubra na Pedreira.
Na zona sur, o Grupo 2 tamén vivirá unha tarde de fútbol vibrante. Ás 17:30 haberá unha concentración de partidos: o Verín recibe ao Pontevedra B no José Arjiz; o Cented Academy medirá forzas co Atlántida Matamá en Oira; o Céltiga F.C. xogará contra o Juvenil de Ponteareas no Salvador Otero da Illa de Arousa; o Porriño Industrial recibe ao Choco no Lourambal; e o Cultural Areas xogará contra o Moaña no campo da Lomba.
Xa ás 18:00, seguirán tres encontros máis: o Portonovo S.D. mídese ao C.D. Barco en Baltar, o Beluso recibe ao Atios nas Laxes, e o Atlético Arnoia xogará contra o Rápido de Bouzas no Xestal. Por último, o Umia e o Cambadas vivirán un derbi emocionante en horario matinal (12.00) no campo da Bouza, abrindo a xornada deste grupo.