A diferenza doutras delegacións como a lucense, onde se disputou a primeira rolda da Copa durante a primeira fin de semana do novo ano, na provincia de Pontevedra tivo lugar a cuarta rolda desta competición. A Real Federación Galega de Fútbol fixou os partidos de dezaseisavos de final para este sábado 4 de xaneiro de 2025, aínda que moitos dos encontros quedaron aprazados para datas máis avanzadas.
Último partido da terceira rolda
A pesar de que a rolda de dezaseisavos de final era a que estaba fixada para esta primeira fin de semana do ano, a SD Chispa (3ª Futgal) e o Juventud Cambados abriron o ano e pecharon a terceira rolda disputando o seu encontro o venres 3 de xaneiro en Monte Redondo.
O conxunto de Preferente logrou avanzar de rolda cun avultado 0-7 aínda que o tarro abriuse tras o descanso, ao que se foron os equipos cun escaso 0-1 no marcador. Un triplete de Paco Reigosa, dous goles de Diego Iglesias, un tanto de Pablo Baúlde e outro de Gonzalo Fariña decidiron un partido que tivo vida durante corenta e cinco minutos.
Primeiros choques de dezaseisavos
A clasificación do Juventud Cambados pechou a terceira rolda e os amarelos mediranse ao Amanecer (2ª Futgal) nunha rolda de dezaseisavos onde xa se disputaron seis partidos. No lado do cadro correspondente á delegación de Pontevedra avanzaron o Céltiga e o Caldas, que partían como favoritos nas súas eliminatorias. O cadro da Illa pasou por encima do Domaio e venceu na Granxa por 1-5 grazas aos goles de Gregor, Migui Sayar, Lezcano e Adrián Rodríguez por partida dobre. Para o equipo moañés recortou distancias Hamza.
Doutra banda, no Monte da Lomba medíronse a UDSM Deiro (2ª Futgal) e o Caldas, que logrou vencer e pasar de rolda. O conxunto que dirixe Borja González adiantouse cun temperán gol de José Pérez e sentenciou a falta de dez minutos cun tanto de Carlos González. David Dacosta, ao facer o 1-2 no 90, meteu no partido ao Deiro, que non foi capaz de forzar os penaltis e despediuse da competición despois de facer un gran papel eliminando ao Sanxenxo e ao Marcón Atlético.
Lado vigués
No cadro vigués da Copa Deputación rozáronse as sorpresas pero finalmente non ocorreron, posto que os tres equipos da Preferente Sur (Cultural Areas, Atios e Xuvenil de Ponteareas) acabaron clasificando. O Cultural Areas e o Xuvenil de Ponteareas fixérono na quenda de penaltis e o Atios gañou pola mínima en Vigo.
Comezando por este último, o conxunto dirixido por Javi Fernández, que está a ser unha das revelacións na liga, derrotou por 3-4 a un San Esteban (3ª Futgal) que loitou ata o final pola clasificación. Os tantos de Manu Vilán, Rubén Domínguez, Edu Otero e Xoel Piñeiro neutralizaron os anotados por Abu Musa, en dúas ocasións, e Diego Lamas para os locais.
Máis sufridas foron as clasificacións de Cultural Areas e Xuvenil de Ponteareas, que tiveron que esperar aos penaltis para eliminar a Val Miñor e Sporting Guardés, respectivamente. Os pupilos de Yago Yao forzaron a quenda de penas máximas cun gol de Nico Cuevas a falta de 20 minutos para o final, que empataba o tanto inicial para os de Nigrán de Iago Carrera, e venceron por 5-3 desde os once metros. Pola súa banda, no partido disputado na Sangriña non houbo goles ata chegar a unha quenda onde se impuxo o conxunto de Preferente por 6-5 despois de oito penaltis por cada equipo.
O outro partido de dezaseisavos enfrontaba ao Louro Tameiga (3ª Futgal) e ao Mos. O club local fixo valer a súa condición e logrou dar a sorpresa ao gañar por 2-1 en Cototorrón. Os goles de Eider Leiro e de Miguel Ángel García puxeron en vantaxe ao conxunto que xa eliminara ao Rápido de Bouzas na eliminatoria anterior. A pesar de xogar cun home menos durante media hora e de recibir o tanto de Carlos Cora, que recurtaba distancias para os visitantes, o Louro Tameiga venceu no derbi mosense e avanzou unha nova rolda.
Partidos aprazados
Os dez partidos restantes foron aprazados de mutuo acordo entre clubs e terán lugar en datas posteriores. O mércores 15 abrirase de novo a veda coa disputa do Gondomar-Porriño Industrial, mentres que o xoves 16 celebrarase a eliminatoria entre Pontecaldelas e Campo Lameiro.
A seguinte semana tamén terá encontros desta rolda de dezaseisavos de final, posto que o Terra de Montes recibirá ao Lalín o mércores 22, mesma data na que disputará o Tomiño-Choco. Antes de abandonar xaneiro (o mércores 29) tamén se xogarán as eliminatorias entre Ribadumia e Pontevedra B, Guillarei e Atlántida de Matamá e Santa Mariña e Racing Castrelos.
Xa no mes de febreiro pecharase esta rolda coa disputa do partido que enfrontará ao Vea co Beluso (mércores 5) e do choque entre Pontearnelas e Arcade (mércores 26). A clasificación tardía do Juventud Cambados provoca que o seu enfrontamento contra o Amanecer aínda non teña data definida.