# Hashtag
#Categorías RFEF #Terceira RFEF

O novo Arteixo busca volver a ilusionar

O Atlético Arteixo foi un dos equipos máis destacados da Terceira RFEF a pasada tempada. Rematou terceiro na clasificación e chegou a superar ao Estradense no playoff, antes de plantarlle cara ao Compostela nunha eliminatoria que rematou levando ao conxunto santiagués de volta a Segunda RFEF.

Pero detrás dese éxito deportivo agochábase unha situación complicada fóra do campo, con impagos a futbolistas e traballadores do club, entre eles membros do corpo técnico. O Arteixo viuse obrigado a comezar de novo, cun novo adestrador e unha plantilla practicamente renovada. Fabio e Queijeiro son os únicos xogadores, polo que se confirmou polo de agora, que continúan do pasado curso e serán os encargados de guiar a un grupo con moitas caras novas.

Entre elas estarán tamén varios futbolistas que xa coñecen o Ponte dos Brozos. Os xuvenís Sergio Montes, Jairo Riveiro e Martín pasan a formar parte do primeiro equipo.



Doce caras novas

Noé López será o encargado de dirixir esta nova etapa, cun total de doce incorporacións na plantilla. Na portería estarán Anxo, procedente do Deportivo, e Sergio, formado tamén na canteira deportivista e con experiencia en equipos como o Montañeros, Órdenes e o propio Arteixo.

Na defensa, o conxunto branquiazul combina experiencia e xuventude. Antonio será un dos referentes da zaga. O veterano futbolista regresa á Terceira RFEF despois de dúas temporadas e conta cunha ampla traxectoria no fútbol galego, tras pasar por equipos como o Silva, Bergantiños, Laracha, Villalbés, Somozas, Racing de Ferrol, Compostela, Cerceda ou Deportivo, entre outros.

Xunto a el estará Quico, que deixa o Compostela para fortalecer a liña defensiva do Arteixo. O futbolista tamén coñece ben a categoría e achegará a súa experiencia a unha defensa na que estarán tamén perfís máis novos como Casariego, que chega dende o San Tirso e xa suma varias temporadas en Terceira, e Pablo Roibas, que cambia o Orillamar polo Arteixo para seguir medrando no seu primeiro ano na categoría.



No medio campo o equipo tamén incorporou a Xian Gesto, que afrontará o seu primeiro ano como sénior tras pasar polas canteiras do Xuventude Oroso, Deportivo e Compostela. Úbeda chega desde o Noia para continuar coa súa progresión na categoría, mentres que Óscar Varela regresa ao Arteixo despois de dúas temporadas fóra. O futbolista chega procedente do Somozas, onde xogou a pasada campaña tras pasar polo Arosa. Tamén se incorpora Álex Delgado, que tras as súas etapas no Montañeros e Estradense asentouse en Arteixo.

No ataque, o novo proxecto tamén aposta polo talento novo. Dani Suárez, formado no Choco, chega desde o conxunto redondelán despois de marcar 11 goles en Preferente a pasada tempada, mentres que Bruno Barbeito procede do Meicende, co que anotou catro tantos.

Onde continúan os protagonistas do pasado curso

A maioría dos xogadores que escribiron a historia do Arteixo a pasada tempada están agora noutras camisolas, aínda que practicamente todos continúan en categorías nacionais. Repasamos onde seguirán as súas carreiras.



Carlos García xa suma minutos no Bergantiños, onde o xoven porteiro dará o salto a Segunda Federación para seguir medrando baixo paus. O mesmo camiño seguiu o seu compañeiro o pasado curso, Manu Berrocal.

José Hevia, despois de once anos no club, defenderá esta tempada a portería do San Tirso.

O Silva será un dos destinos que máis xogadores do pasado Arteixo reúna, con Agulló, Fer Gordo, Hugo García e David Rojo incorporándose ao conxunto coruñés.

Hugo López ‘Chucas’, que tamén xogou no Arteixo antes de saír ao Unionistas B, regresará á Coruña para militar no Montañeros. No conxunto coruñés tamén estarán Pablo Martínez, Brais Pérez, Adri Otero, máximo goleador do Arteixo a pasada tempada, e Jorge Tomé.

Jota continuará a súa carreira fóra de España, no Atlètic Escaldes andorrano. Pola súa banda, Marcos Aller e Raúl Melo xogarán no Villalbés, mentres que Iker Castro recalará no Betanzos. Rubo defenderá a camisola do Somozas e Iván Vázquez xogará no Lalín.



Así, a maior parte do bloque que levou ao Arteixo a pelexar polo ascenso seguirá competindo en categorías nacionais, con varios futbolistas mantendo a súa presenza na Terceira RFEF e outros dando un paso adiante cara á Segunda Federación.



O novo Arteixo busca volver a ilusionar

Así se reforzaron os catro equipos ascendidos

O novo Arteixo busca volver a ilusionar

O novo Arteixo busca volver a ilusionar