Xa queda pouco para que o balón comece a rodar e desde FutbolinGalicia non podemos agardar con maior expectación o inicio desta nova temporada! Seis grupos, dezaoito conxuntos en cada un deles e trinta e catro xornadas de pura emoción deleitarán aos seareiros máis incondicionais do noso fútbol. O espectáculo está a piques de comezar, pero, primeiramente, cómpre debullar a realidade de cada división e así coñecer de primeira man que podemos agardar de cada grupo da Primeira Futgal.
Uns veñen e outros marchan
A redistribución dos equipos tamén afectou ao grupo 2 da Primeira Futgal, no cal se encadran agora algúns equipos procedentes do fútbol coruñés. É o caso do Sporting Cambre e dun Sporting Meicende que chegou a desputar o play-off de ascenso da Preferente na pasada campaña. Pero esta non é a única novidade na lista de participantes, pois o Cire de Melide figurará a partir de agora no grupo lucense onde se enfrontará a antigos rivais da histórica Liga da Montaña.
Alén destes criterios xeográficos, tamén houbo varias altas e baixas en relación cos representantes do fútbol da Costa. Esteirana, Fisterra e Camariñas foron incapaces de salvar a categoría, pero tamén houbo boas noticias para este recuncho do noso país. Ademais do San Lorenzo, campión da pasada Liga da Costa, o Xallas logrou tamén ascender a Primeira Futgal e recupera así o seu derbi local co Castriz.
Trátase, polo tanto, dun grupo moi diferente ao do ano pasado e conformado polos seguintes clubs: Bastavales, Bertamiráns, Boimorto, Queixas, Club do Mar, Muxía, Praíña, Racing San Lorenzo, San Lorenzo, Cacheiras, Castriz, Luaña, Tordoia, Calo, Sporting Cambre, Sporting Meicende, Vizoño e Xallas.
Quen liderará a táboa?
Coa chegada de novos equipos e a permanencia doutros moitos igual de competitivos, o reto do ascenso vólvese unha misión de gran dificultade. Nesa listaxe de favoritos atópase o Sporting Meicende. O cuadro dirixido por Maikel volverá ser un dos candidatos a facerse co título de liga, desta vez nun grupo diferente ao dos últimos anos. Xogadores como Charly ou Franco na liña defensiva, únense a Teo, Jon ou Block na nómina de renovacións da entidade arteixán, que tamén se reforzou con grandes nomes como os de Roberto Suárez, David Bandera ou Vituco configurando un plantel de calidade con futbolistas mozos e veteráns.
Ao igual que o Meicende, o Club do Mar quedou ás portas de ascender. Os de Caión pelexarán unha vez máis por lograr esta meta e para iso contarán con ata 25 futbolistas. Totó, Tiago, Rama ou Ashier, entre outros, regresan ao Municipal da Laracha da man de Dani Sánchez, e xunto a eles chegan caras novas como Mario Suárez, quen anotou 11 goles co Camariñas a temporada pasada. Pero a batalla polo liderado non se reduce unicamente a estes equipazos, senón que tamén estará amenizada por outros protagonistas.


Por exemplo, o Calo confía un ano máis na xente da casa e consegue reforzar o seu proxecto con Paco Allo, lateral procedente do Noia. Xunto ao Bertamiráns, o Cacheiras ou o Muxía, debuxan un ‘big-six‘ dun elevado nivel de competitividade.

Doro, historia do Xallas
Ademais dos ascensos, o fútbol tamén garda outras historias ben bonitas. Historias que nacen do amor a unhas cores, a un campo, … A unha vila, en definitiva, como Santa Comba. O Xallas volverá competir na Primeira Futgal e nas súas filas estará, un ano máis, Doro. Presidente e xogador, o atacante xalleiro vestirase de curto para desputar a súa décimo segunda campaña consecutiva no cadro da Fontenla.
Sergio Prego -como así se chama- cumprirá 49 anos neste curso futbolístico e, malia recibir unha homenaxe á súa traxectoria con partido incluído cos veteráns do Real Madrid, aínda non quere colgar as botas. Desde FutbolinGalicia non podemos estar máis contentos con esta decisión, porque ter a Doro en activo é un premio para calquera afeccionado ao noso fútbol.

Co 6 de setembro marcado en vermello, só resta agardar polo asubío inicial e desfrutar dunha xornada inaugural para o recordo! Velaí vai unha relación dos partidos que terán lugar nesta primeira data de competición:
Muxía – Bertamiráns; Bastavales – Xallas; Queixas – Tordoia; Calo – San Lorenzo; Praíña – Castriz; Sporting Cambre – Cacheiras; Vizoño – Racing San Lorenzo; Club do Mar – Luaña; Boimorto – Sporting Meicende.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.





























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































