# Hashtag

O Bergantiños xa agarda rival para a final da Copa Federación tras unha goleada histórica

O Bergantiños converteuse este venres no primeiro finalista da fase autonómica galega da Copa Federación tras impoñerse con contundencia por 0-8 ao Racing Villalbés en A Magdalena. O conxunto dirixido por Simón Lamas fixo valer a diferenza de categoría e asinou unha goleada que lle permite acceder á final, na que buscará o título autonómico e o pase á fase nacional da Copa RFEF.

O conxunto carballés resolveu o encontro con autoridade. Despois de vinte minutos sen goles, Joseda Álvarez abriu o marcador cunha gran definición tras unha espectacular asistencia de Iago Novo. Cinco minutos máis tarde, David Iglesias aproveitou un pase de Pachón para facer o segundo, mentres que o propio Pachón ampliou a vantaxe xusto antes do descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o Bergantiños non levantou o pé do acelerador. Iago Novo fixo o 0-4 desde o punto de penalti e, pouco despois, Pachón asinou o seu dobrete tras unha asistencia de Adri Álvarez. Hugo Villaverde, cun gran lanzamento de falta, colocou o 0-6 no marcador e Ankudinov pechou a goleada con dous tantos no tramo final.



Camiños distintos

O Bergantiños agarda agora polo vencedor da outra semifinal, que enfrontará este domingo ao Antela e ao Boiro en Xinzo de Limia. A particularidade do duelo é que ambos os equipos chegarán á cita por camiños moi diferentes. O Antela disputa por primeira vez a Copa Federación, pero xa deixou unha importante pegada nesta edición ao eliminar o Gran Peña e, posteriormente, o Ourense CF, un rival de categoría superior que milita na Segunda Federación. O conxunto ourensán chega así á semifinal despois de superar dous obstáculos de entidade na súa estrea no torneo.

O Boiro, pola súa banda, entrará directamente en escena nas semifinais. A súa presenza nesta rolda produciuse despois de que Céltiga e Portonovo declinasen participar na competición, deixando ao conxunto boirense como representante nesta eliminatoria. A pesar de debutar esta tempada no torneo, o Boiro conta cun precedente de peso: xa sabe o que é proclamarse campión da fase galega da Copa Federación, un éxito que conseguiu na campaña 2014/15.

O vencedor do encontro de Xinzo terá, polo tanto, unha dobre motivación para afrontar a final. O Antela buscará prolongar unha estrea histórica despois de eliminar dous equipos e deixar polo camiño un rival de Segunda Federación, mentres que o Boiro terá a oportunidade de regresar á loita por un título que xa conquistou hai máis dunha década. O premio será enfrontarse a un Bergantiños que chega lanzado tras o seu 0-8 en Vilalba.



O conxunto de Simón Lamas xa fixo os deberes e agarda rival para unha final na que buscará repetir o éxito que xa acadou nesta competición. O Bergantiños proclamouse campión galego na edición 2018/19 fronte ao Ribadumia, nunha final decidida desde o punto de penalti, e agora terá unha nova oportunidade de levantar o trofeo e representar novamente o fútbol galego na fase nacional da Copa RFEF.

Fotografía: @RNXfoto



O Bergantiños xa agarda rival para a final da Copa Federación tras unha goleada histórica

O fútbol feminino galego xa ten folla

O Bergantiños xa agarda rival para a final da Copa Federación tras unha goleada histórica

O Bergantiños xa agarda rival para a