As Copas da Deputación de Ourense e Lugo tínguense de azul
Tras coñecer ás campioas da Copa Coruña, o Atlético San Pedro; da Copa da Costa, o Xallas; da Copa do Sar, o Calo; da Copa de Ferrol, O Val B; e da Copa Deputación de Pontevedra, o Valladares, quedaban por decidir dúas Copas da Deputación: a de Ourense e a de Lugo.
O Rosalía gaña dende o punto de penalti
As dúas se resolveron o pasado domingo. A media mañá comezou o encontro na Regueiriña, en Barbantes. O Rosalía, que viña de disputar o playoff de ascenso ante o Atlético San Pedro, medíase ao Arenteiro, décimo clasificado na Primeira Galicia. A pesar da diferenza na competición ligueira, nunha final sempre hai un clima especial, e máis se hai unha Copa en xogo.
De feito, as gañadoras tiveron que remontar o partido, xa que no minuto 2 Sara Fernández puxo o primeiro gol do encontro para o Arenteiro. As do Carballiño mantiveron a vantaxe durante 21 minutos, ata que Silvia Sampayo puxo o empate para o Rosalía. As actuais campioas foron ao descanso cun 1-3 a favor e, nos primeiros minutos da segunda metade, anotaron o cuarto.
Podía parecer que o partido xa estaba resolto, pero un penalti volveu meter ao Arenteiro no encontro. No minuto 72, Letizia Hermida fixo o 3-4, e máis tarde encargouse tamén de marcar o tanto que levou a final aos penaltis. Na tanda, curiosamente, dúas das xogadoras que marcaran durante o partido para o conxunto do Carballiño erraron os seus lanzamentos.
Foi só por un acerto, por un penalti, pero finalmente o Rosalía sumou unha nova Copa da Deputación de Ourense, a segunda consecutiva.

O Antas impónse na Medela
No caso da final lucense, o equipo campión tamén tivo que remontar para levar o trofeo. Foi a Milagrosa quen abriu a lata no minuto 6 por medio de Gabriela Mouriz. Ás do Antas custoulles entrar no partido e tivo que pasar case toda a primeira metade para que Rebeca Quiñoy puxese o empate e levase o encontro igualado ao descanso.

Na segunda parte, as da Ulloa saíron cun ritmo diferente e acabaron por impoñerse. A pesar de que a Milagrosa tivo a oportunidade de adiantarse cun penalti, o Antas non quería deixar escapar a súa segunda Copa consecutiva. Nuria Louzao, histórica xogadora do equipo, puxo por diante ás campioas e Melanie Vázquez encargouse de pechar a vitoria das que, neste caso, actuaban como visitantes.
O Antas conquista así o seu segundo trofeo copeiro seguido tras unha gran tempada na que rozou o playoff de ascenso a Terceira Federación. A Milagrosa, pola súa banda, volve quedar subcampioa, aínda que tamén pecha o curso cun gran sabor de boca tras conseguir o ascenso a Primeira Galicia. Deste xeito, ambos conxuntos volverán verse as caras a próxima tempada na liga.

















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































