# Hashtag

Os Diferenciais despídense con ascensos (II)

Toca baixar o pano do escenario. A tempada do fútbol autonómico chegou á súa fin e, dez meses despois, nós tamén nos vemos na obriga de poñer o punto e a parte. Para nós foi un orgullo acompañarvos cada luns e cada martes co noso particular resumo da xornada, onde vos presentamos aos xogadores máis Diferenciais de cada fin de semana. Salvacións agónicas, historias emotivas e, tal e como vimos nesta última xornada de competición, ledicias en forma de ascenso. Houbo de todo neste curso, e que ledicia poder contárvolo a través desta web! Os Diferenciais volverán en setembro, pero nós seguiremos aquí durante todo o verán… Agardámosvos!

Que pasou na zona norte da Segunda Futgal?

Ningún dos equipos locais errou na súa misión e os tres acadaron o obxectivo, remontando ou ben mantendo o bo resultado da ida.

Pese a non subir a Terceira Federación, o Lemos recibiu onte unha alegría coa vitoria do seu filial por dous goles a cero fronte ao Xuventude Dorneda. Os pupilos de Yesi Vázquez saíron enchufadísimos ao terreo de xogo e puxéronse por diante aos dez minutos. Unha vez tomaron a vantaxe, seguiron a atacar a meta rival con insistencia ata lograr o segundo da tarde nas botas de David Díaz. Fundamental nestes play-off, o extremo monfortino encargouse de asestar o golpe de graza antes sequera de chegar ao tempo de lecer. Os de Oleiros intentaron reaccionar á volta da caseta, pero os seus esforzos foron completamente anulados pola zaga do Lemos B, que culmina da mellor maneira unha magnífica tempada.



Por outra banda, o San Sadurniño apoiouse na forza do campo da Piscina para empatar fronte ao Agrón-Barcala (1-1) e selar a suba de categoría. Poucos se lembrarán da primeira metade do encontro, onde o xogo foi máis ben gris e trabado. As cousas mudaron no reinicio cando a entidade de Ames converteu a primeira gran oportunidade do duelo, meténdollo o medo no corpo ao seu rival. Así e todo, o San Sadurniño non baixou os brazos e conseguiu unha pena máxima ao pouco de encaixar o gol. Fer anotou o 1-1 desde o punto fatídico e o resto é historia, porque os seus aguantaron o marcador ata o asubío final, facendo valer o triunfo da ida e acadando así o ascenso.

Que pasou na zona sur da Segunda Futgal?

As goleadas tamén se deixaron ver nesta postemporada, especialmente no enfrontamento entre o Colegio Hogar e o San Miguel.

Tras a derrota sufrida no primeiro encontro, os xogadores adestrados por Eloy deron un golpe de autoridade e derrotaron ao seu rival por 4 a 0 nun derbi vigués un tanto peculiar, pois ambos equipos comparten o estadio da Pirucha, onde se desputaron os dous enfrontamentos correspondentes a esta eliminatoria. Xa en materia deportiva, o cadro branco non tardou en golpear e fixo o primeiro aos 60 segundos de ter comezado. O gol deixou completamente descolocado ao San Miguel, incapaz de conter o torrente ofensivo dos de San Roque, que non dubidaron en volver á carga. Antes de chegar ao tempo de lecer, Pablo Blanco sentenciou aos pupilos de Bruno, asinando un dobrete chave para certificar o ascenso dos seus.



Afección, corpo técnico e xogadores do Colegio Hogar celebran o ascenso a Primeira Futgal. FOTO: Antiguos Jugadores del Club Colegio Hogar «San Roque»

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os Diferenciais despídense con ascensos (II)

Os Diferenciais despídense con ascensos

Os Diferenciais despídense con ascensos (II)

Os Diferenciais despídense con ascensos (II)