# Hashtag

Os Diferenciais despídense con ascensos

Toca baixar o pano do escenario. A tempada do fútbol autonómico chegou á súa fin e, dez meses despois, nós tamén nos vemos na obriga de poñer o punto e a parte. Para nós foi un orgullo acompañarvos cada luns e cada martes co noso particular resumo da xornada, onde vos presentamos aos xogadores máis Diferenciais da fin de semana. Salvacións agónicas, historias emotivas e, tal e como vimos nesta última xornada de competición, ledicias en forma de ascenso. Houbo de todo neste curso, e que ledicia poder contárvolo a través desta web! Os Diferenciais volverán en setembro, pero nós seguiremos aquí durante todo o verán… Agardámosvos!

Que pasou na Preferente Futgal?

Faltaron goles, si, pero o fútbol estivo moi presente en calquera das finais por subir a Terceira Federación…

Un premio que acadou o Antela por primeira vez na súa historia. Os xogadores adestrados por Bruno Gómez mantiveron a súa porta a cero durante toda a eliminatoria e impuxéronse ao San Tirso na quenda de penaltis (4-5). A pesar de non ver porta, ningún dos dous equipos renunciou ao ataque e contaron con oportunidades para adiantarse. Pero o balón non quixo entrar e o partido tivo que decidirse desde o punto fatídico. Foi entón cando Bruno Pío apareceu en escena, detendo a primeira pena máxima dos de Abegondo. O cadro limián non errou ningún dos seus lanzamentos e aproveitou esa diferenza para regresar á Moreira co ascenso baixo o brazo.



Pedro Castro (Antela) e Carlos Díaz (San Tirso) posan co trío arbitral. FOTO: ANTELA FC

Acompañarao o Portonovo, despois de vencer ao Lemos pola mínima en ámbolos dous encontros da final. Os arlequinados defendéronse con unllas e dentes dos ataques rivais, logrando manter a súa porta a cero durante todo o duelo. Co paso dos minutos, a escuadra monfortina comezou a fraquear e os de Minso Vidal aproveitaron a situación para sentenciar as cousas. Boa parte de culpa tivo Keko Ventín, quen entrou na segunda metade para facer o que mellor se lle dá: ver porta. Co seu tanto, Baltar veuse abaixo. E non é para menos, pois esa diana significou o regreso do Portonovo á Terceira Federación quince anos despois.

Que pasou na Primeira Futgal?

Ascender fóra da casa non é tarefa doada, pero estes conxuntos fixeron caso omiso ao tópico e cumpriron coa súa meta a domicilio.

Ao Galicia de Mugardos non lle tremeu o pulso e, ademais de manter a súa vantaxe, goleou por 1 a 4 ao Gondomar. Decididos a asaltar as Gaiandas, os homes de Moisés Pereiro encargáronse de golpear primeiro. A reacción da escuadra do Val Miñor non chegou ata o segundo tempo, cando puxeron o empate no electrónico. Unha alegría efémera xa que, en cuestión de cinco minutos, os ferroláns déronlle a volta á tortilla con dúas anotacións. Tombado sobre a lona, o Gondomar viu como as súas esperanzas de remontada se esfumaban co cuarto dos verdes, obra de Noel. Ben sexa como titular ou desde o banco, como neste caso, o atacante sempre atopa a forma de enviar a pelota entre os tres paus.



Tampouco fallo o Xuvenil de Ponteareas, que derrotou por dous goles a catro ao Monterroso selando así a súa volta a Preferente Futgal. Con todo, os da Ulloa non llelo puxeron fácil ao adiantarse nos primeiros compases de xogo. A reacción albivermella foi instantánea e furaron as redes rivais ata en dúas ocasións, antes de recibir o empate do conxunto de Cerdeiriños. Conscientes da necesidade de reverter a dinámica, os de Fer Sánchez envorcáronse con todo e descoidaron a parcela defensiva. Isto non pasou desapercibido para Candi, quen completou o seu hat-trick con outros dous goles.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Os Diferenciais despídense con ascensos

O Compos resiste en Badalona e volve

Os Diferenciais despídense con ascensos

Os Diferenciais despídense con ascensos