Achégase o final e as calculadoras da Primeira Futgal xa ameazan con toupar! Os afeccionados, xogadores, adestradores e demais compoñentes das entidades futbolísticas da categoría xa están fartos de facer cábalas e de calcular as probabilidades que teñen para lograr –ou non –os seus obxectivos. Mais, os números non valen de nada cando o árbitro fai soar o seu chifre e os Diferenciais comezan a facer das súas…
Dar o callo
Polas terras ourensáns están a comprobar que o esforzo non se negocia, nin sequera cando os obxectivos están cumpridos. Basta con botar unha ollada ao rendemento dos seguintes equipos…
Nin A Peroxa nin Maceda pasaron do empate a tres goles, polo que deberon conformarse co reparto de puntos. As idas e voltas foron unha constante no primeiro treito do partido, onde os locais foron os primeiros en golpear. Fran devolveu a igualdade ao electrónico, pero a alegría non puido ser máis efémera para o cadro vermello, pois o seu rival volveu tomar a iniciativa e, ademais, fíxoo por partida dobre. Lonxe de renderse, os homes de Xoel Docampo subiron as súas prestacións na segunda metade e conseguiron arrincar un punto da súa visita ao Marco.
Quen non tivo problema nesta fin de semana foi o Polígono San Cibrao, xa que o ‘submarino amarelo’ lle endosou un 5 a 1 ao Melias. Así e todo, os primeiros compases do xogo non estiveron marcados precisamente polas ocasións. Os industriais puideron adiantarse antes do descanso, pero o seu rival reequilibrou a balanza á volta da pausa. Foi entón cando se encomendaron á figura de Juan Suárez para poñer terra de por medio. Cun dobrete, o atacante ourensán contribuíu de forma significativa á consecución dos tres puntos por parte do Polígono.
Máis axustado foi o Nogueira de Ramuín – Córgomo, resolto en favor dos de Valdeorras (1-2). Logo dun primeiro tempo máis gris e trabado, o guión do encontro mudou por completo e ambas ofensivas comezaron a ter oportunidades para mover o marcador. Os xogadores adestrados por Iván González puxéronse por diante desde o punto fatídico, malia que a súa vantaxe non lles durou moito. Co duelo no seu treito final, Perrini fixo acto de presenza e anotou a súa sexta diana na temporada, selando o triunfo do Córgomo nun campo onde gañar é un reto para calquera equipo.
Acariñando o cinto de campión
A estas alturas, unha vitoria pode resultar decisiva para o devir do curso futbolístico. E é que non é cuestión de facerse co +3 unicamente, senón de levarse todo…

Por exemplo, o Ribadumia derrotou por dous goles a un ao Marín, converténdose no novo líder do grupo 5. A Senra vibrou nesta final anticipada polo título de liga e na que os do Salnés conseguiron adiantarse por mediación de Cristian. Pouco despois encaixaron o empate e os vinte e dous protagonistas marcharon aos vestiarios co 1-1 no electrónico. O entretempo sentoulle ben a un Ribadumia que non tardou en volver á carga, conseguindo o premio nas botas de Cristian, novamente. Quen se non? Como se fose un súper heroe, o vilanovés acudiu á chamada dos seus para darlles a vitoria e o liderado a falta dunha xornada para o final.

A zona baixa tamén se atopa patas arriba, xa que o Amanecer tombou por 3 a 0 ao Caldas para saír dos postos de descenso. Conscientes da necesidade de sumar, os do Grove saíron enchufados e co coitelo entre os dentes. Froito desa intensidade, chegaron en varias ocasións á meta rival e non tardaron en celebrar o primeiro tanto da tarde. O dominio da escuadra de Lampáns continuou durante os primeiros 45 minutos, onde Dani Caneda liderou a súa ofensiva unha vez máis. Nun visto e non visto, furou as redes do Caldas ata en dúas ocasións, sentenciado o enfrontamento antes do tempo de lecer.
Alegría nas filas do Unión, pois o combinado de Asados superou ao Flavia (2-1) para asegurar o terceiro posto no grupo. Non pasara nin un cuarto de hora cando Chuso, como case sempre, abriu a lata. Os celestes non tiraron a toalla e regresaron dos vestiarios coas pilas cargas, dispostos a reverter a situación. Pouco a pouco, o Flavia recuperou o terreo perdido, aproveitando unha pena máxima para empatar. A falta de dez minutos para rematar o duelo, os pupilos de Luisito lanzáronse a por todas e conseguiron un lanzamento desde os 11 metros que Chuso non errou.

Festival de goles
Cando a temporada está a piques de rematar, os enfrontamentos apértanse máis e máis polo que resulta habitual ver resultados con poucos goles. Pero tamén hai excepcións.
O Caselas goleou ao Candeán (0-4) e sae así dos postos da queima. A pesar de facerse cunha renda de dous tantos, os visitantes non foron quen de poñerlle o peche definitivo ao encontro. Co paso do tempo, os vigueses sumáronse ao ataque para reducir a fenda e o seu rival aproveitou a situación para acabar coas súas esperanzas. En apenas dous minutos, Borja Pena asinou un dobrete co que completou a goleada dos seus, deixando practicamente atada a salvación do Caselas.
Pero para goleada a vivida no Foxo, onde o Caldelas se impuxo por seis goles a cero ao Vilaboa. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Mario Fernández inaugurou o marcador e, non contento con iso, volveu facer das súas, anotando desde o punto fatídico o segundo. Tombado sobre a lona, o cadro de Cobres non foi capaz de repeler os incesantes ataques dos tudenses, que ampliaron a súa distancia ata chegar ao set en ‘branco’.
Por outro lado, o Gondomar mantén vivas as súas opcións de conseguir o ascenso directo e o título, pois derrotaron por 0 a 2 ao Progresista. Aos do Val Miñor non lles custou ver porta e tomaron a iniciativa nun bo remate de Hugo Gil. Ben sexa como titular ou cando entra desde o banco, o mediocentro vigués ten o gol entre cella e cella. Unha vez por diante, os de Iago González fixéronse co dominio do balón, gozando dun bo número de oportunidades para selar o seu triunfo. Cousa que fixeron cunha segunda anotación pouco antes da prolongación.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.








































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































