Emocionante penúltima xornada na Primeira Futgal, que vén cunha loita de xigantes no grupo 5 entre o Ribadumia e o Marín. Mediranse no campo da Senra este domingo ás 18:30 nun duelo a vida ou morte no que se agarda un ambiente de superior categoría.
O Marín lidera nestes momentos a clasificación con 83 puntos, mentres que os de negro e amarelo son segundos con 81. Deste xeito, o Marín pode acadar o ascenso se gana no campo do equipo co que vén mantendo unha importante pelexa durante toda a temporada.
Pola contra, se a vitoria cae do lado do Ribadumia, os da Senra chegarán á derradeira xornada dependendo de seu para levar o título de liga e selar o ascenso a Preferente.
Outras loitas de xigante
No grupo 1, o Carral logrará o ascenso a Preferente se consegue a vitoria esta xornada. O Carral é líder con 67 puntos, seguido do Mugardos e o Meicende, ambos os dous con 63 puntos. Precisamente, o segundo e terceiro clasifiacdo mídense este domingo en Meicende Grande.
Máis igualdade aínda presente o grupo 2. Arzúa e Club do Mar de Caión son colíderes, empatados a 63 puntos. O Queixo Mecánico recibe ao Quixas no Viso nesta penúltima xornada, na que o Club do Mar actuará como local ante o Vizoño.
No grupo 6 tamén é máxima a emoción e só haberá ascenso esta xornada se o Juvenil de Ponteareas logra a vitoria, o Matamá perde e o Gondomar non gana. Estes equipos son, nesta orde, os tres primeiros clasificados, con 76, 75 e 74 puntos, respectivamente.

O grupo 3 xa se resolveu co ascenso da SD Chantada e só queda por confirmar que equipos xogarán o play-off. Hai tres aspirantes (Monterroso, Residencia e Ribadeo) para dúas prazas. En Ourense, en cambio, xa está todo o peixe vendido. Ascendeu o Verín e Córgomo e Carballiño xogarán a promoción.






































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































