En FutbolinGalicia non nos olvidamos dos equipos que lograron fitos históricos que aínda perduran na memoria dos seus afeccionados. Os siareiros do Sporting Carballiño de seguro que non esquecen o curso futbolístico 2018/2019 do seu equipo. Ese ano lograron o ascenso a Primeira Rexional despois de 27 tempadas. Case nada!
Borja Rodríguez, Iago Bugallo, Samu Vázquez, Brais Pérez, Javi Trindade, Juampe Alonso, Adrián Marquina, Román Arias, Dilan Tomás, Miguel Valeiras, Álex Santiago, Rubén Chivas, Franki Fernández, Iván González, Juanjo Cancela, Rubén Vázquez, Amancio Sanjurjo, Alejandro Lugo, Iván Champi, Cristian Arón, Julio Rodríguez, Manu Otero, Martín Pérez e José Pampín conformaban o cadro de xogadores que logrou o salto de categoría. Dende o banco dirixían José Hermido González e Manuel Rodríguez Fernández.
O Sporting Carballiño ocupaba a segunda praza trala finalización da fase regular do grupo 8 da Segunda Rexional de Ourense na campaña 2018/2019. Nas trinta xornadas, os pupilos de José Hermido e Manuel Rodríguez lograron 67 puntos grazas as vinte vitorias, sete empates e unicamente 3 derrotas. Foron o segundo equipo máis goleador do grupo (90 tantos), soamente superados polo CDC Santa Teresita, que logrou o ascenso directo ao saír campión da fase regular.
O Sporting Carballiño tivo a mellor defensa, encaixando 28 tantos e sendo o equipo con mellores números neste apartado. Mención especial para Iván González Decabo, autor de 32 goles en 28 partidos xogados, o que arroxa unha media de 1,14 tantos por partido. Un auténtico killer que tivo, sen dúbida, un gran peso no ascenso do seu equipo. Manu Otero, con 17, e Rubén Riande, con 8, completan o top-3 goleadores do Sporting Carballiño durante a liga.
O ascenso atopábase a dúas eliminatorias a ida e volta, ou o que é o mesmo, a 360 minutos. Aveciñábase un mes intenso e cheo de ilusión para os afeccionados do equipo. O primeiro partido do play-off foi contra o quinto clasificado, o Amoeiro CF. Javi Rodríguez dirixiu o partido no campo Penafita, que se saldou cunha contundente vitoria do Sporting Carballiño por 0-3. Iván González Decabo non faltou a súa habitual cita co gol, anotando o tanto inaugural. Cheik Tidiane e Antonio Conde anotaron os outros dous goles en propia porta.
No partido de volta o Amoeiro saíu con todo e pasada a media hora de xogo púxose cun 0-2 por diante que poñía a eliminatoria nun momento de máxima tensión. Mais os locais recurtaron distancias por medio de Miguel Valeiras antes do tempo de lecer para acto seguido remontar no primeiro cuarto de hora da segunda metade por medio de Juan Cancela e Manu Otero. 3-2 na volta e 6-2 no global para entrar na final do play-off.

O rival na final sería o CD Rúa, que eliminou na semifinal ao Leiro CF, tras remontar no partido de volta (1-3) a derrota sufrida na ida na súa casa (2-3). O 19 de maio, en Vicente Solarat (A Rúa), e co colexiado Óscar Lista dirixindo o encontro, arrincaba a gran final. Un solitario gol do sempre efectivo Iván González Decabo daba medio ascenso ao Sporting Carballiño. O CD Rúa víase obrigado a gañar na Uceira (Carballiño) se quería ascender.
O partido de volta comezou de inmellorable maneira para os locais, que se adiantaban no 1´ por medio de Manu Otero. No 75´ e de novo Manu Otero, sentenciaba dende o punto de penalti. As bancadas da Uceira celebraban o ascenso cando aínda faltaba un cuarto de hora de eliminatoria. Iván Gónzalez Decabo, o killer do equipo durante toda a tempada, pechou o partido e o ascenso co 3-0 no 77´.
Foto portada: Martiño Pinal


































































































































































































































































































































































































































































































































































































































