# Hashtag

Ningún ascenso decidido: así está a pelexa en Segunda Futgal

O treito final da tempada en Segunda Futgal entra na súa fase máis decisiva e, a día deste sábado 28 de marzo, a loita polos ascensos á Primeira Futgal mantense aberta en practicamente todos os grupos, con diferenzas curtas e varios equipos en plena carreira por asegurar tanto as prazas directas como os postos de fase.

Na provincia de Pontevedra, onde ascenden dous equipos de maneira directa e tres acceden á promoción, a SD Monteporreiro mantense con firmeza no liderado con 54 puntos, abrindo unha pequena fenda respecto aos seus perseguidores. Por detrás, a SD Puente Arnelas ocupa a segunda posición con 47 puntos, aínda que sente a presión do Atlético Combarro, terceiro con 46, e do CD Soutomaior, que suma 44. A SD Romay, con 41 puntos, pecha os postos de fase nun grupo no que todo apunta a unha pelexa moi igualada ata o final.

Na zona de Vigo, o Erizana CF lidera con 49 puntos e consolídase como principal candidato ao ascenso directo. A segunda praza é para o AD Mosende con 42 puntos, seguido moi de preto polo Colegio Hogar SR, que suma 41. Máis atrás aparecen Tebra FC con 38 e CD Vincios con 35, aínda con opcións de loitar pola promoción nun grupo tamén moi competido.



En Ourense, onde soben dous equipos e outros dous xogan fase, o Rayo 21 CF destaca con claridade e lidera con 69 puntos, nunha posición moi favorable para certificar o ascenso. O Atlético Vilariño é segundo con 59 puntos, mentres que a loita pola promoción está especialmente apertada. O CD Seixalbo, con 55, e o CD Moreiras, con 54 tras xogar o seu partido este sábado, ocupan provisionalmente esas prazas, aínda que o SDC Paderne, con 52 puntos e un encontro pendente para este domingo, podería alterar a clasificación.

Na área de Ferrol, onde só ascende un equipo de forma directa e dous acceden á fase, o ADR Numancia de Ares encabeza a táboa con 54 puntos, seguido do CF San Sadurniño con 50 e do Narahío UD con 49, nunha das loitas máis axustadas pola primeira praza.

Máis igualdade

Na Coruña, no grupo da Costa, o CF Porteño lidera con 43 puntos, pero ten moi preto tanto ao Xallas FC como á SD San Lorenzo, ambos con 42, polo que a pelexa polo ascenso directo está completamente aberta. No grupo da Coruña, pola súa banda, hai un empate na cabeza entre Sada CF e UDJ Almeiras, ambos con 53 puntos, mentres que o Xuventude Dorneda, con 51, mantense á expectativa. Suevos CF con 48 e Atlético Castros con 44 completan os postos de promoción.



Na zona de Santiago, dividida en dous grupos, tamén se mantén a igualdade. No grupo 1, a SD Luaña lidera con 49 puntos, seguida do Atlético Oleiros con 44 e do CCD Taragoña con 43. No grupo 2, o Lamela CF ocupa a primeira posición tamén con 49 puntos, mentres que Rodeiro CF, con 43, e UD Val do Ulla, con 41, completan os primeiros postos. Neste caso, ademais dos líderes que ascenden directamente, os segundos e o mellor terceiro dos dous grupos terán opción de promoción.

Finalmente, na provincia de Lugo, a xornada deste sábado xa deixou movementos na parte alta. No grupo 1, a UD Folgueiro impúxose no seu partido e suma 53 puntos, colocándose provisionalmente no liderado aínda que con un encontro máis que o Guitiriz SD, que comezou a xornada como líder con 51 e xogará este domingo. No grupo 2, situación semellante, co Club Lemos B alcanzando tamén os 53 puntos tras gañar o seu partido, superando momentaneamente ao SD Becerreá, que conta con 51 e ten pendente o seu encontro dominical.

Así, a falta de poucas xornadas para o remate, a Segunda Futgal presenta un escenario de máxima igualdade en moitos grupos, con varios equipos separados por poucos puntos e co ascenso, tanto directo como a través da promoción, aínda por decidir. O desenlace promete emoción ata o final en todo o fútbol galego.



Ningún ascenso decidido: así está a pelexa en Segunda Futgal

Aínda queda moita tea que cortar na

Ningún ascenso decidido: así está a pelexa en Segunda Futgal

Ningún ascenso decidido: así está a pelexa