O baile de posicións non é só cousa dos grupos 1, 2 e 3 da Primeira Futgal, senón que tamén se dá ao sur. De aquí ao final da temporada, cada batalla vólvese unha danza onde a constancia permitiralles aos diferentes equipos achegarse á consecución das súas metas. Por iso contan coa axuda dos seus xogadores máis Diferenciais, cuxas actuacións permitiranlles seguir o ritmo acorde coas súas respectivas misións.
Á procura do terceiro posto
Co Verín e o Córgomo como candidatos ao ascenso directo, a terceira praza do grupo ourensán vólvese moi pretendida e, como se fose un tesouro, xa hai varios participantes detrás dela.
Por exemplo, o Velle non renuncia a ela e menos despois de superar ao Monterrei por dous goles a un. Precisamente, o cadro do Monte da Aira foi o primeiro en golpear e logrou adiantarse por mediación de Javito. Despois de saír do Raio 21, o killer de Covadonga recalou nas filas brancas e xa leva dous goles co seu novo conxunto. Con todo, os visitantes non tiraron a toalla e igualaron o partido na segunda metade. Alentado pola súa afección, o Velle repúxose nun santiamén e fixo o segundo e definitivo tanto para poñer fin a unha xeira de tres fins de semana sen gañar.

Polo momento, o Sporting Carballiño segue aferrado a esa posición. Os homes de Aitor Neira fixeron os deberes esta fin de semana ao derrotar por 1 a 3 ao Loñoá. Iso si, non lles foi nada doado, pois deberon remontar o tanto inicial do conxunto da cerámica. Os branquiazuis melloraron tras o paso polos vestiarios e declinaron a balanza ao seu favor cun dobrete de Isra. Líder na medular e o ataque dos seus, o mediocampista carballiñés leva xa 13 dianas nesta campaña e estase a revelar como un dos xogadores máis determinantes de toda a competición.

Preto deles atópase o Nogueira de Ramuín, que goleou de xeito claro e contundente ao Melias (4-0). Decididos a facerse cos tres puntos, a escuadra da Tella saíu enchufada ao terreo de xogo e aproveitou unha pena máxima para tomar vantaxe. Nada máis regresar da caseta, atopáronse cun agasallo do seu rival en forma de autogol e, minutos despois, puxeron terra de por medio cunha dupla de Imrane. O atacante levaba no dique seco desde comezos de xaneiro e puido reencontrarse co gol da mellor forma: por partida dobre.
Selar a permanencia
Se ben o ascenso semella ser cousa de tres, a competitividade no grupo 5 non vai baixar nas vindeiras xornadas. E é que hai moitos equipos cuxo obxectivo é garantir a súa permanencia na categoría canto antes…

Vista Alegre viviu unha auténtica exhibición de fútbol coa vitoria do Pontecaldelas a mans do Abanqueiro (2-4). Os verdes comezaron o choque co pé esquerdo e, en cuestión de media hora, encaixaron dous tantos. Apoiados no seu ‘10’, Berto, reduciron a diferenza e mesmo chegaron a poñer a igualada no engadido da primeira metade. Lonxe de cortarlle o ritmo, o tempo de lecer sentoulle ben tanto ao Pontecaldelas como a Berto, quen asinou dous golazos máis para completar o seu hat trick e certificar o triunfo dos seus. De falta directa, de volea, desde a frontal… Un nunca sabe por onde pode chegar o próximo disparo do atacante caldelense.
Por outra banda, o Valiño venceu por cero goles a un ao Agolada e colle aire e distancia respecto á liña vermella do descenso. Apertado como poucos, o duelo non gozou de moitas oportunidades de gol ata que Balo abriu a lata para os de Cabo de Cruz. Ben sexa desde o banco ou ben como titular, o dianteiro sempre atopa a maneira coa que furar a portería rival. Unha vez por diante, os pupilos de Iván González xestionaron o ritmo de xogo para alzarse finalmente cos tres puntos.
Quen ten a salvación practicamente na man é o Flavia. Os celestes endosáronlle un 4 a 1 ao Caldas e logran afianzarse na zona nobre da clasificación. Boa parte de culpa tivo a súa boa posta en escena, convertendo tres anotacións en apenas vinte e cinco minutos. David Triñanes asinou unha delas probando que, a pesar de actuar como defensa central, tamén se pode sumar á parcela ofensiva e axudar co seu olfacto goleador. O Flavia sentenciou o devir do encontro e puxo o 4-0 no treito final, onde o seu rival puido anotar tamén o tanto da honra.

Diferentes miras
Pasan as xornadas e os combinados olívicos non deixan de pisar o acelerador, enfocados na consecución das súas diferentes metas. Non lles queda outra, pois están a comezar a fase decisiva do campionato e non poden permitirse ningunha relaxación.
Ao Progresista bastoulle un único tanto para levarse o triunfo ante o Rápido de Bouzas (1-0). No Oural viviuse un duelo pechado, con poucas opcións para adiantarse e onde as defensas de ambos equipos realizaron grandes actuacións tal e como reflicte o baixo marcador. De feito, a única diana do partido chegou ao bordo do tempo de lecer cando Bruninho culminou unha boa xogada tecida polos de Salvaterra. Chegado desde a Cultural Areas, o brasileiro continúa a dar mostras da súa calidade con goles de todas as formas e cores posibles. A partir de entón, o Progresista pechou as súas liñas e contivo as ofensivas rivais para asegurar o +3.
Un resultado radicalmente diferente ao das Baloutas, onde o Mos acabaou coa súa partcicular fochanca ao golear ao Vilaboa por 6 a 1. Se ben a primeira metade estivo máis igualada, todo mudou na segunda. Liderados por un Kevin en estado de graza, os xogadores de amarelo e negro dominaron por completo aos de Cobres, incapaces de reaccionar ante tal exhibición de fútbol. O ariete deixou unha actuación para o recordo cun póquer que lle serve para situarse como un dos máximos goleadores deste grupo 6.
O Xuvenil de Ponteareas gañou o seu duelo ante o Chaín por cinco goles a cero e mantén o seu status de invicto neste 2026. Alentados pola bancada de Pardellas, os xogadores de Álex Martínez saíron dispostos a someter ao seu rival e vaia se o conseguiron. Bastoulles unha hora para encarrilar as cousas e acabar con toda esperanza visitante. Boa parte de culpa tivo Cándido, quen rematou ao Chaín cun sensacional dobrete. O atacante estase a destapara na súa primeira experiencia na Primeira Futgal e suma xa 17 dianas no que vai de campaña.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.




































































































































































































































































































































































































































































































































































































































