Se o desenlace na zona norte promete emoción e espectáculo, no sur non pode ser doutro xeito. Cada partido convértese nun campo de batalla onde ningún dos dous contrincantes está disposto a renunciar aos tres puntos. Para ese fin contan coa axuda dos seus xogadores máis Diferenciais, toda unha sensación de futbolistas que marabillan ao público da Primeira Futgal e, moitas veces, tamén ao de categorías superiores.
A solidez é chave nas aspiracións
Manter a portería a cero ou, cando menos, evitar encaixar moitos goles é un dos aspectos chave sexa cal sexa a meta que se pretende acadar. Pódenllo dicir aos seguintes conxuntos…
Aferrado ao liderado continúa o Verín, logo de vencer por dous goles a cero ao Allariz. A resistencia verde e negra mantivo no dique seco aos do José Arjiz ata que Júnior declinou a balanza ao seu favor anotando desde o punto fatídico. Trátase do décimo quinto tanto para o pichichi da competición, que volveu liderar á ofensiva do cadro do Támega unha vez máis. Mediada a segunda parte, o Verín aumentou a súa renda para selar os tres puntos e continuar así como líder do competido grupo ourensán.

A batalla do Entroido entre felos e pantallas caeu do lado do Maceda ao superar por 2 a 1 ao Antela B. Fran abriu a lata para os locais cando o reloxo pasaba da primeira media hora. O atacante macedao estreouse como goleador por todo o alto desatando a euforia da afección do Cardeal Quiroga. Iso si, nada máis volver da caseta recibiron unha boa xerra de auga fría ao encaixar un tanto. Pouco lles importou pois, en cuestión de minutos, repuxéronse cun segundo tanto que lles permite coller aire na clasificación.
Nas filas de La Purísima tampouco renuncian á permanencia e proba diso esta importante vitoria ante o Loñoá (2-0). A un minuto para o remate do primeiro tempo, Javi Suances conseguiu adiantar aos homes de David Valcárcel. O extremo esquerdo está a desenvolver un rol destacado no seu primeiro ano na máxima categoría do fútbol rexional galego, sumando 4 goles no que vai de temporada. A La Purísima sentoulle ben o descanso e tras o reinicio puxo terra de por medio cunha segunda anotación.
Rematar con boas sensacións
Co triunvirato á cabeza da clasificación e o descenso cada vez máis afastado, parece que os equipos da zona media non teñen nada polo que loitar. Nada máis lonxe da realidade, pois están decididos a rematar o ano practicando un bo xogo.

Non foi sen sufrimento, pero o Cordeiro logrou impoñerse por un gol a dous ao Arcade. Precisamente, o cadro do Salgueirón foi o primeiro en golpear ao transformar unha pena máxima nos 31’. Pero o cadro de Valga gardou un as baixo a manga e encomendouse e Moisés para remontar o encontro. O dianteiro asinou un dobrete no segundo tempo para darlle a volta ao electrónico e asegurar o triunfo do Cordeiro. Con esta, suma xa 18 dianas que o sitúan como o segundo máximo artilleiro da liga, só por detrás de Chuso, do Unión.
Nas Corticeiras tamén celebraron a vitoria do Caldas por 1 a 0 fronte ao Pontecaldelas. Logo dun inicio parello, Rubén Outeiral desfixo a igualdade a piques de finalizar os primeiros 45 minutos. Malia a súa demarcación defensiva, o lateral esquerdo tamén posúe un olfacto goleador que o leva acompañando desde o seu paso pola canteira do Céltiga. De feito, na súa primeira campaña como xogador senior acumula xa dous tantos. A partir de entón, o Caldas fíxose o control do esférico e diminuíu o ritmo de xogo para levarse os tres puntos.
Para malleira a do Campo Lameiro, que goleou de xeito claro e contundente ao Unión Dena (0-5). O conxunto dos petróglifos non espertou ata os trinta e cinco minutos, cando Adri fixo o primeiro tanto do choque e o cuarto na súa conta particular. Antes do tempo de lecer incrementaron a diferenza para, xa na segunda metade, rematar a faena con tres goles máis. Non deixaron ningunha oportunidade de remontada para o Unión Dena, cuxa tarde non puido ser peor.

Aínda non se dixo a última palabra
Semella complicado que o Atlántida Matamá deixe escapar a primeira praza pero, visto o visto, un podería esperar calquera cousa dun grupo olívico cuxo desenlace promete emocións fortes.
O Racing Castrelos derrotou por tres goles a cero a un Caselas incapaz de responder durante os 90 minutos. Aínda non rematara de asubiar o árbitro cando os vigueses converteron o primeiro tanto da tarde. Non cesaron no seu empeño e continuaron a atacar á meta salcedense ata que volveron ver porta nunha acción culminada por Toni. O devir do encontro non variou moito nos seguintes 45 minutos e o combinado de Monte da Mina puxo a sentencia a dez minutos para o remate do enfrontamento.
Por fin, logo de 5 xornadas sen coñecer o triunfo, o Vila do Corpus volveu gañar. Os ponteareáns deixaron na cuneta ao Tomiño (3-1) a pesar de comezar o choque por baixo. Iso si, a alegría vermella foi efémera, pois Rubén Varela encargouse de estragar a festa dos xogadores do Baixo Miño. Primeiramente devolveu a igualdade ao electrónico para, comezado o segundo tempo, poñer por diante aos seus cunha segunda diana. Finalmente, os de Angoares furaron as redes rivais novamente para botarlle a pechadura aos tres puntos.
Aos seus veciños tamén lles saíu a fin de semana redonda e non é para menos. Ademais de facerse coa terceira praza, o Xuvenil de Ponteareas desfíxose do Goián ao golealo por 0 a 6. A Óscar bastáronlle catro minutos para firmar o primeiro da tarde, ao que seguiu un segundo gol pouco despois. Os albivermellos non deixaron de pisar o pé do acelerador como tampouco o fixo Óscar, quen completou o seu hat trick antes de pasar pola caseta. Pese ao descenso no ritmo de xogo, o Xuvenil aínda tivo tempo para aumentar a súa diferenza e pechar un set en blanco ante o colista.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.




















































































































































































































































































































































































































































































































































































