# Hashtag

Non hai relaxación posible cos Diferenciais da Primeira Futgal

Se os equipos da Primeira Futgal queren conseguir os seus obxectivos, non poden relaxarse neste treito do ano. Como seareiros do fútbol galego podemos asegurar que están a cumprir co mantra de cada domingo, ofrecendo competitividade e espectáculo en cada xornada. Non é para menos pois, axudados dos Diferenciais, enfocan un mes decisivo nas súas aspiracións. Ben sexa coa meta de acadar o ascenso ou, polo contrario, garantir a permanencia.

Aquí hai pólvora

A tromba de auga desta fin de semana tamén deixou goles a moreas no grupo herculino, onde houbo desde partidos igualadísimos e moi disputados ata malleiras avultadas.

Por exemplo, o Orillamar non tivo problema no seu duelo e endosoulle un claro 3 a 0 ao As Pontes. Os coruñeses adiantáronse nada máis comezar o choque para, chegados ao minuto 20, aumentar a súa renda por mediación de Gonzalo Piñeiro. Co paso dos minutos, o conxunto dirixido por Joaquín Breijo baixou as súas prestacións e o Orillamar aproveitou esa situación para volver ver porta grazas a Gonzalo, quen asinou un dobrete chave para asegurar os tres puntos.



Tamén sorrí o Perlío e non é para menos, pois os dos Pinares superaron con claridade ao Imperator (3-1). Así e todo, o comezo non puido ser peor para a escuadra de Fene, que encaixou un tanto do seu rival mediada a primeira parte. Iván San Emeterio transformou unha pena máxima para igualar a contenda e, non contento con iso, furou as redes do Imperator ata dúas veces máis. Líder na ofensiva dos seus, o killer naronés suma xa catorces dianas no que vai de curso futbolístico, mantendo viva a esperanza dos seus por chegar aos postos de play-off.

Mesmo resultado que no Sporting CambreMarte, onde os primeiros venceron por tres goles a un. Os brancos non tardaron moito en facer o primeiro e, tras o paso polos vestiarios, Álex Fernández dobrou a diferenza cunha segunda anotación. Pero para derrotar ao combinado de Montealto fai falta tombalo de todo. No minuto 76 reduciron a fenda, aínda que o esforzou revelouse baldío. Cando mellor estaba o Marte, Álex Fernández anotou o segundo na súa conta particular para selar unha gran actuación individual na vitoria do seu equipo.

O líder sempre rexorde

Poucos escenarios son tan parellos como o grupo 2, onde só hai tres puntos de diferenza entre os cinco primeiros clasificados. Collede flocos de millo, porque de o final de temporada promete emoción e fútbol a partes iguais.



Logo de catro xornadas sen sumar de 3, o Bertamiráns volveu á senda de vitoria a costa do Praíña (1-2). Debido ao mal estado do céspede no Juan Amado, o choque tivo que desputarse na Cañoteira, en Cacheiras. Porén, os de Teo non acusaron xogar fóra do seu feudo e foron os primeiros en golpear cando só pasaran tres minutos. A reacción do ‘Berta’ fíxose de rogar e os de amarelo e negro reequilibraron a balanza grazas ao bo facer de Anxo. Trátase do seu sexto gol nesta campaña, onde se está a desvelar como un gran xogador tanto se entra desde o banco como se o fai de titular. O empate motivou ao conxunto de Manolo Levi, que puido levarse os tres puntos sobre a bucina.

Preto do líder atópase o Calo, ocupando o segundo posto despois de impoñerse á Esteirana por cero goles a catro. Os de Rebordelo tomaron a iniciativa pouco antes da media hora e continuaron a desenvolver un bo xogo ata o descanso. Non mudou o guión no reinicio e seguiron a dominar á Esteirana, incapaz de repeler os continuos ataques branquiazuis. Foi entón cando Cristian Vieites fixo acto de presenza no Xosé Luís Vara, pechando o encontro cun dobrete en apenas un cuarto de hora.

Queixas e Racing San Lorenzo firmaron táboas logo de empatar 2 a 2 nun duelo disputado en Santa Cruz de Montaos, no canto da Revolta. Os picheleiros asentáronse no terreo de xogo antes que o seu rival, poñendo o 0-1 aos vinte minutos. Ao bordo do tempo de lecer, Mateo Viqueira encargouse de devolver a igualdade ao electrónico. Como se fose un súper heroe, o centrocampista volveu saír ao rescate dos seus e converteu un penalti na prolongación para salvar un valioso punto na loita pola permanencia.



Un paso decisivo

Polas terras amuralladas vívese unha expectación total tanto polo ascenso á Preferente Futgal como polo descenso á Segunda Futgal. E en calquera destas dúas pelexas hai varios conxuntos implicados.

Pola súa parte, o Outeiro de Rei rachou coa súa mala xeira ao derotar por cero goles a dous ao Lourenzá. Nun Santa Cruz enlamado e sen estar nas mellores condicións para a práctica deportiva, os homes de Fernando Corredoira apostaron polo xogo directo para facer dano ao seu rival. O plan de partido non puido saírlles mellor e á media hora xa ían gañando. Xa na segunda metade, Saúl puxo terra de por medio e o Outeiro de Rei tan só tivo que aguantar o resultado para facerse co triunfo.  

Ledicia nas filas do Castro tras saír victoriosos do derbi chairego ante o Santaballés (1-3). O gran inicio dos homes de ‘Dumi’ permitiulles dominar ao seu rival nos primeiros compases do encontro. Boa parte de culpa tivo Muíña quen, actuando novamente como dianteiro, volveu facer das súas. O lucense está a destapar a súa faceta máis goleadora e con este dobrete leva xa 4 tantos neste ano. A pesar de reducir a fenda desde o punto fatídico, o Santaballés non gozou do tempo necesario para obrar a remontada e rematou caendo diante dos seus afeccionados.

Boas noticias para a Milagrosa, que deixou ao Iberia en descenso ao superalo por 1 a 0 en Frigsa. Máis entoados que os de San Miguel de Reinante, o cadro de ‘Madriles’ gozou de boas ocasións nos primeiros minutos. Tanto vai o cántaro á fonte que rompe, e así sucedeu: Rafa fixo o único gol da tarde para asegurar os tres puntos no peto albivermello. Con todo, o duelo non estivo exento de polémica, pois o Iberia reclamoulle ao colexiado a decisión de anularlles un gol por fóra de xogo.  

Del Viso (Iberia) tenta regatear a Fran (Milagrosa). FOTO: RÓBER CARREIRA

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Non hai relaxación posible cos Diferenciais da Primeira Futgal

Aprazamentos na Terceira RFEF por mor das

Non hai relaxación posible cos Diferenciais da Primeira Futgal

Non hai relaxación posible cos Diferenciais da