O Rápido de Bouzas asinou unha das grandes remontadas da tempada ao derrotar por 3-2 ao Atlántida de Matamá, líder da categoría, nun encontro no que chegou a ir perdendo por 0-2 ao descanso. O capitán do conxunto vigués, Nando Sánchez, foi decisivo cun dobrete nunha segunda metade para lembrar.
Con doce goles xa no seu haber nesta liga, o dianteiro analiza o seu gran momento persoal, a situación actual dun Rápido en proceso de reconstrución e repasa unha extensa traxectoria no fútbol galego, marcada por ascensos, títulos e experiencias inesquecibles.
Futbolingalicia: O Rápido de Bouzas derrotou esta fin de semana ao líder da categoría, o Atlántida de Matamá, por 3-2. Como se viviu esa remontada tras ir perdendo 0-2?
Nando Sánchez: «Foi un partido moi difícil contra un dos mellores equipos da categoría, se non o mellor. Na primeira parte foron moi superiores a nós, pero tras o descanso, cambiando un par de cousas, soubemos reaccionar rápido. Tivemos a sorte de poder darlle a volta ao marcador en vinte minutos cun gran traballo de todo o equipo, no que eu tamén tiven a fortuna de marcar dous goles. É unha gran vitoria ante un gran rival e ten que darnos confianza para mellorar na segunda volta da tempada».
FIG: Anotaches dous goles e xa sumas 12 na liga. Como te estás a sentir esta tempada?
NS: «A verdade é que me estou sentindo moi ben. Atópome con moita confianza e, coa axuda dos meus compañeiros, estou marcando bastantes goles. Agardemos poder seguir así ata o final da tempada».

FIG: Confías en superar o teu récord persoal como sénior (15 goles)?
NS: «Oxalá que si. Ao final os dianteiros vivimos dos goles e cantos máis, mellor. Iso sería bo tanto para min como para o equipo».
FIG: O Rápido de Bouzas está situado na metade da táboa, lonxe da fase de ascenso e con marxe sobre o descenso. Cal é o obxectivo actual do club?

NS: «A estas alturas da tempada o obxectivo é intentar quedar o máis arriba posible. Non nos poñemos metas concretas, temos que competir cada fin de semana para mellorar o feito na primeira volta. Somos un equipo moi novo e con moita marxe de mellora».

FIG: Cal é a situación actual do Rápido de Bouzas en Primeira Galicia tras uns anos moi convulsos?
NS: «Despois de varias tempadas difíciles, este ano a nova directiva está a traballar moi duro para cambiar a situación do club e tentar que o Rápido volva algún día a onde se merece. Construíuse unha plantilla totalmente nova desde cero para competir en Primeira Galicia, unha plantilla moi nova e con pouca experiencia, con moitos xogadores no seu primeiro ano sénior. A idea é intentar poñer as bases para o futuro».
FIG: Que diferenzas hai entre o club actual e o club no que debutaches hai case quince anos?
NS: «A principal diferenza é que antes o club competía en Terceira División e en xuvenís estabamos en División de Honra, o que che daba un escaparate moi importante para que a xente te vise. Oxalá algún día o Rápido poida volver a onde se merece».

FIG: Que recordos gardas dos teus primeiros anos no Bouzas e das primeiras experiencias sénior en Atios, Domaio e Caselas?
NS: «Gardo moi bos recordos dos meus primeiros anos como sénior no Bouzas. Teño que agradecerlle a Juan Carlos Andrés e a Jorge Otero a oportunidade de xogar en Terceira División e vivir experiencias inesquecibles, como ir xogar contra o Burgos ao Plantío na Copa RFEF con só 17 anos. Despois saín do Rápido en busca de novos retos e de máis minutos, percorrendo a Preferente Sur por varios clubs, nos que sempre agradezo o trato recibido e onde tiven a sorte de coincidir con moi bos compañeiros, dos que levo grandes amizades».
FIG: Tras iso fichas polo Pontellas, onde completas catro tempadas espectaculares cun ascenso a Terceira incluído. Que significaron eses cursos para ti?
NS: «Si, chamoume Curiel para ir para alí, acababan de ascender a Preferente. Foron os mellores anos da miña carreira. Nun club humilde e sen grandes orzamentos conseguimos chegar desde Primeira Rexional ata Terceira División. Foi algo espectacular para todos. Tiñamos un grupo de xogadores e corpo técnico incrible, eramos como unha familia. Conseguimos quedar campións de liga e ser o mellor equipo de Preferente en Galicia. Foron anos moi bonitos nos que gocei moitísimo».
FIG: Outra das túas mellores campañas chega no Ribadumia, cun gran primeiro ano e un segundo máis complicado. Que valoración fas desas dúas tempadas?
NS: «O Ribadumia sorprendeume para ben. Quedei abraiado coas instalacións, cos dous campos, un sintético e outro de herba natural, nos que daba gusto xogar os domingos. O primeiro ano foi moi bo, marquei moitos goles e as sensacións foron moi positivas, cun gran grupo e moi bos recordos. O segundo ano foi distinto; aínda hoxe non me explico como puidemos descender co equipo que tiñamos. Foi unha mágoa para todos, porque o club non merecía ese descenso».
FIG: Tamén pasaches por Alondras e Arcade. Como viviches esas tempadas?
NS: «Despois do ano en Terceira co Pontellas, no que quedei entre os máximos goleadores, chamáronme varios equipos e decidín fichar polo Alondras, onde xa tiña amigos xogando. Ese ano conseguimos gañar a Copa Federación, o que nos levou a xogar unha fase previa da Copa do Rei, unha experiencia moi bonita. Xogar no Alondras, un dos clubs históricos de Galicia, foi un orgullo e un recordo que gardarei para sempre. Respecto ao do Arcade, nunca antes baixara de Preferente, pero as ofertas que tiña non me convencían, ben por cuestións económicas ou polos desprazamentos. Traballando, valoras outras cousas, e decidín quedar máis preto da casa e fichar polo Arcade. O club tratoume de dez e agora en Bouzas estou moi cómodo e preto do meu día a día».




















































































































































































































































































































































































































































































































































































