Quenda para os xogadores máis Diferenciais ao sur da nosa comunidade, onde a competitividade tamén está a orde do día. Non importa o paso das xornadas, pois a emoción e, sobre todo, o fútbol, permanecen perennes no corazón destas ligas meridionais.
Ninguén quere quedarse atrás
O Verín segue sen fallar en terras dos afiadores e encabeza o grupo 4 como líder en solitario. Iso si, non poderán relaxarse en exceso, pois son varios os equipos que o axexan agardando o seu erro.
Un deses aspirantes a derrocalo é o Sporting Carballiño. O conxunto carballiñés venceu ao Allariz por cero goles a un e suma xa a súa terceira vitoria consecutiva. A Isra bastáronlle catro minutos para ver porta e poñer aos seus por diante. Chegado do Cented Academy, o mediocampista carballiñés fíxose co temón da medular e leva 5 dianas no que vai de curso. Os alaricanos buscaron a igualada pero non tiveron sorte á hora de definir entre os tres paus. Ante este escenario, os branquiazuis tan só tiveron que xestionar o ritmo de xogo para levarse o partido.
Gran partido o vivido na Carabina, onde o Loñoá conseguiu facerse coa vitoria ante un Velle que non ofreceu a súa mellor versión (2-1). Sen tantos nos primeiros 45 minutos, Benyi fixo mudar o guión do encontro tras o reinicio. O dianteiro ourensán, peza fundamental na ofensiva de David Rivo, furou as redes rivais ao volver dos vestiarios e, non contento con iso, anotou o segundo na súa conta particular para poñer terra de por medio. Aínda así, os brancos esgotaron as súas opcións e puideron recortar distancias na prolongación. Un esforzo baldío para os de Anxo Valcárcel, que volveron ao Monte da Aira de baleiro.
A Peroxa reverteu a súa mala dinámica goleando ao Córgomo por 4 a 1. A pesar de seren os primeiros en golpear, os valdeorreses non foron quen de frear ao seu rival. Boa parte de culpa tivo Édgar, que asinou dous tantos na segunda metade. O dominio da Peroxa foi a máis co paso dos minutos e sentenciaron o choque a cinco minutos para o final. Pola súa parte, o Córgomo non remata de carburar neste inicio de curso e ve minguar as súas opcións para acadar unha das prazas de play-off.
Á procura dos obxectivos
Panorama aberto no grupo pontevedrés, onde os equipos comezan a fixar os seus obxectivos logo de amosar do que son capaces.

Boas noticias para un Abanqueiro que deixa atrás case dous meses sen coñecer a vitoria. Os boirenses chegaron ao seu duelo fronte ao Caldas coa necesidade de gañar e non fallaron (2-0). Vista Alegre celebrou o primeiro tanto da tarde nun momento clave, xusto ao bordo do tempo de lecer. Tras encaixar, as cousas non melloraron para o cadro das Corticeiras que viu como o seu rival ampliou a diferenza grazas a Dani Lustres. O atacante devolveu a ledicia a un Abanqueiro ao que lle sentou a vitoria como auga de maio.
Reparto de puntos no Municipal do Souto entre Flavia e San Martín. Ambos conxuntos empataron a un gol nun choque onde tivo lugar un reencontro fóra do usual. O atacante dos de Vilaxoán, Carlo, regresou ao feudo onde comezou a tempada e fíxoo por todo o alto. Foi el quen converteu o primeiro da tarde, desfacendo a igualdade no marcador arredor do minuto 15. Porén, a alegría vermella esfumouse nada máis comezar a segunda parte, cando o Flavia devolveu a igualdade ao marcador. Un empate que lles vale para afianzarse na metade da táboa clasificatoria.

Idéntico resultado no encontro que enfrontou ao Sport Team Estrada contra o Arcade. O conxunto ostreiro fíxose coa iniciativa na primeira media hora e conseguiu irse ao descanso por riba. Pouco a pouco, os de amarelo e verde comezaron a chegar con perigo á meta do Arcade ata que Juanín aproveitou unha pena máxima para poñer o 1-1 final. O extremo esquerdo suma xa a súa sexta anotación e promete dar de que falar nesta nova andadura no fútbol estradense. Polo momento, leva demostrado que está a ser un xogador diferencial na categoría.

A continuidade é vital para seguir na pugna
Logo dunha xornada na que un sae vitorioso, é importante seguir con esa dinámica na medida do posible. Disto saben moito os equipos vigueses do grupo 6.
O Progresista segue ao seu e acada a cuarta vitoria consecutiva logo de endosarlle ao Candeán unha boa malleira (1-7). Pese a aguantar coa portería a cero nos primeiros 25 minutos, o cadro olívico sufriu unha desconexión total que lles costou o partido. E é que o furacán albivermello acabou con toda a esperanza do Candeán, incapaz de conter o torrente ofensivo do seu rival. As cousas non cambiaron tras o reinicio e Bruninho ampliou a renda do equipo de Salvaterra cun dobrete. Tras abandonar a disciplina do Cultural Areas, o ‘killer’ brasileiro está a demostrar que aínda ten moito fútbol nas súas botas.
Outros que tamén prolongaron a súa boa xeira foron os xogadores do Rápido de Bouzas. Os vigueses leváronse o choque ante o Tomiño, ao que se impuxeron por un gol a dous. Logo de varias idas e vidas no electrónico, Nando sentenciou as cousas para os vigueses. Home-gol do combinado do Baltasar Pujales, o dianteiro conseguiu a súa quinta diana nun partido clave para as aspiracións do Rápido. Con esta nova vitoria, os de amarelo e negro poden respirar algo máis tranquilos ao abandonar as últimas posicións.
No Monte da Mina viviuse unha tarde plácida e con moito fútbol, onde o Racing Castrelos afundiu aínda máis a un Goián ao que goleou por 4 a 1. Rematada a primeira parte, o marcador non mentía, pois a superioridade dos locais fíxose notar desde os primeiros intres. Dous goles de Diego Sanromán abriron o camiño para o Racing Castrelos, que viu reducida a diferenza respecto ao seu rival no reinicio. Unha alegría efémera para o combinado de Juan Francisco Rodríguez, pois a reacción non se fixo agardar e os albivermellos conseguiron ver porta novamente e de xeito definitivo.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.








































































































































































































































































































































































































































































































































































































