En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal.
Yahvé Prieto Rodríguez é o protagonista da nova sección de Os Vintage. O seu currículo como xogador é extenso: Pontevedra, Arteixo, Celta B, Pájara Playas de Jandía, Universidad de las Palmas, Cultural Leonesa, Benidorm, Burgos, Rápido de Bouzas, Compos, Eldense, Boiro, Talavera, Alondras e Juvenil de Ponteareas. Case nada! A continuación as verbas dun referente do noso fútbol:
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Cales foron os teus inicios no mundo do fútbol?
Yahvé Prieto Rodríguez (en adiante YPR): «Empecei, como moitos nenos, no fútbol sala. Xoguei no AAVV Calvario ata que firmei en alevíns no Areosa, onde estiven ata División de Honor en categoría xuvenil.»
FIG: De que equipos formaches parte?
YPR: «Pontevedra, Arteixo, Celta B, Pájara Playas de Jandía, Universidad de las Palmas, Cultural Leonesa, Benidorm, Burgos, Rápido de Bouzas, Compos, Eldense, Boiro, Talavera, Alondras e Juvenil de Ponteareas.»

FIG: Despois de tantos anos de carreira, seguro que as anécdotas son numerosas. Anímaste a contar unha?
YPR: «Estaba no Compos. Tivemos un xoves unha cea de equipo e os xoves en Santiago xa sabemos que invitan a tomar unha copiña. Saín con Joselu e Peláez a tomar algo. Ao entrar no primeiro local, ao lado da Catedral, atopámonos de frente co presidente do Compos, Antonio Quinteiro. Unha vez alí, el invitounos a unha copa. Cando saímos de alí continuamos a noite e máis tarde cando estabamos camiñando por Santiago para coller un taxi e voltar a casa atopámonos de novo con Antonio Quinteiro. Esa fin de semana xogamos ante o Celta B e empatamos. Eu ese día fallei unha ocasión moi clara. O luns seguinte o míster Fredi colleunos aos tres un a un e contounos que o presidente advertíralle de que nos vira de noite. E a historia terminou con Joselu, Pélaez e eu perdendo o 15% do salario dese mes. Foi a copa máis cara da miña carreira.»
FIG: Hai diferenzas entre o fútbol galego e o fútbol doutras comunidades do país?

YPR: «Non hai moita diferenza con outros grupos. Ao final é fútbol. Pode que haxa equipos máis fortes fisicamente mais non sabería dicirche algo concreto.»
FIG: Cales son os tres mellores momentos da túa carreira deportiva?
YPR: «O meu debut en Segunda División B co Pontevedra cando tiña 19 anos, calquera dos tres ascensos a 2ªB (Compos, Boiro e Talavera) e a eliminatoria da Copa do Rei contra o Barcelona coa Cultural Leonesa.»
FIG: Cres que as nosas competicións tiñan máis nivel antes ca agora?
YPR: «Sinceramente creo que si. Pode ser que antes era máis mozo e vía ao resto moi superior, mais considero que o nivel en xeral baixou.»

FIG: Cal é o xogador con máis calidade ao que te enfrontaches?
YPR: «Se conta a eliminatoria da Copa do Rei contra o Barcelona, diría que Busquets.»
FIG: Un adestrador que te marcase especialmente.
YPR: «Guillermo Troncoso, o meu adestrador no Areosa en División de Honor xuvenil.»
FIG: Se soamente puideses quedarte cun campo no que xogaras, cal sería?
YPR: «O Camp Nou.»































































































































































































































































































































































































































































































