O Arzúa foi un dos grandes protagonistas da última xornada ao impoñerse por 6-0 ao Cacheiras no Viso. Con esa vitoria, o equipo do Viso aséntase na zona alta da Primeira Galicia despois de varios anos difíciles, e boa parte dese impulso chega da man de Brais Pedreira, un dos goleadores máis en forma da categoría.
O atacante cruceño repasa neste diálogo con FutbolinGalicia o rendemento do equipo, a súa volta ao club e a súa traxectoria no fútbol galego.
Futbolingalicia: O Arzúa protagonizou unha das grandes goleadas da xornada ao vencer por 6-0 ao Cacheiras no Viso. Como está a ser este inicio de tempada para o equipo?
Brais Pedreira: «Eu penso que este inicio de liga é bastante bo para o equipo. Poñeríalle un notable. O equipo é totalmente novo, cun corpo técnico novo e con moita xente que se estrea na categoría, a excepción duns cantos que vimos de categorías superiores. Hai que asentar unhas bases, e iso leva tempo. Os resultados non son malos, aínda que si me gustaría ter algún punto máis. Imos pouco a pouco e sabemos que, contra nós, todos saen ao 200%. No Viso somos máis fortes polas dimensións do campo, por estar coa nosa xente e por todo. Cando somos visitantes, hai factores que fan que sexa diferente. O inicio non é malo e esperamos seguir mellorando porque temos moita marxe de mellora».
FIG: O club vén de varios anos duros con sucesivos descensos pero este ano as cousas marchan mellor. Hai un cambio na afección?
BP: «O club vén de dous descensos consecutivos e de anos nos que as cousas non saíron ben. A verdade é que este ano a cousa non pinta mal. Hai un cambio no sentido de que a maioría dos xogadores son da casa. Eu non o son, pero síntome parte dela. Coñezo o club e o club coñéceme a min. A xente da casa foi quen deu o primeiro paso adiante, e a partir de aí sumámonos todos os demais. A afección está conectada porque ve que o equipo está traballando ben, quizais dunha maneira diferente, cos pés un pouco máis na terra. Temos ganas e cada fin de semana vese nas bancadas. Esperamos seguir enganchando á afección e poder darlle alegrías ata o final da tempada».

FIG: Ocupades o segundo lugar da táboa só por detrás do Bertamiráns. Cal é o obxectivo do Arzúa para esta tempada en Primeira?
BP: «O obxectivo do Arzúa está claro: consolidarse na categoría. Como dixen antes, hai moita xente nova e moitas cousas novas. Necesitamos tempo para coñecernos e para situarnos no terreo de xogo. Imos mellorando pouco a pouco. Temos boas pezas, pero hai que consolidar unha boa base e, despois, xa veremos onde nos pon a clasificación. A xente que vimos doutras categorías temos que dar un plus e iso ten que notarse, pero, ao final, todo se acaba igualando. O importante é manter un paso firme e os pés na terra».
FIG: Estás entre os máximos goleadores da categoría con 6 goles en 7 partidos. Que sensacións estás a ter neste inicio de liga?

BP: «Pois, independentemente de que estea a ver porta con facilidade, o importante é axudar ao equipo. Teño que aportar experiencia e axudar aos compañeiros para que todo vaia o mellor posible. Cando vés de categorías superiores, traes outro ritmo e outras cousas, pero todo se acaba igualando. Esta é unha categoría esixente: os campos son complicados, o estilo de xogo é diferente, con máis contacto… Hai que adaptarse o antes posible».
FIG: Destaca o teu partido contra o Tordoia, cuarto clasificado, no que anotaches un hat-trick. Cres que tes que ser diferencial neses enfrontamentos directos?
BP: «Bueno, son casualidades. Coincide que nese partido metín un hat-trick, pero como che dixen antes, os xogadores que vimos doutras categorías temos que dar un plus. Como dis, ten que notarse, sobre todo neses momentos concretos e nos enfrontamentos directos, cando o equipo necesita un extra e esa experiencia. Non só depende de min, porque hai xente no equipo capaz de aportar moito».
FIG: Por que decidiches baixar a Primeira Futgal desde Terceira RFEF?
BP: «A verdade é que coincidiu así. Non tiña as ideas moi claras este ano e non me apetecía andar de aquí para alá. Quería estar cómodo e preto da casa. Tiven algunhas opcións e ofertas, pero non me motivaban. A miña cabeza pedíame un ano de máis tranquilidade. Non era a miña intención baixar tantas categorías, pero tras estudar a proposta do Arzúa decidín asinar aquí. Ademais, sentía que lle debía algo ao club: foron eles quen apostaron por min cando ninguén confiaba. Cando tiña 20 anos e xogaba no Lalín, o Arzúa foi o primeiro en darme esa oportunidade».

FIG: No Arzúa probablemente mostraches a túa mellor versión con catro tempadas moi boas. Por que te sintes tan cómodo no Viso?
BP: «Pois non o sei. Hai unha conexión especial coa xente, co entorno, coa directiva e cos compañeiros. Algo ten Arzúa que me fai sentir mellor que noutros lados. O aprecio que teño pola xente do club e o que eles teñen por min fai que nos entendamos e que as cousas saian. Cando un se sente importante e querido, sempre dá un plus máis».
FIG: O Lalín é outros dos clubes que marcan a túa carreira pero o ano pasado decides marchar ao Racing Vilalbés. Por que tomas esa decisión?
BP: «Tanto no Lalín como no Arzúa vivín anos moi bonitos e intensos. Decidín marchar porque era o momento. Non me sentía ben comigo mesmo nin dentro do entorno do equipo; non vía as cousas claras. Eu son unha persoa á que lle gusta moito o fútbol e adestrar, son serio e competitivo, e gústame o traballo. Iso, quizais, non se estaba facendo alí e a xente non era consciente de que hai que traballar día a día para que as cousas saian. Non sei se tamén influíu que as cousas non se fixeran ben desde arriba. Xurdiu a oportunidade do Racing e tíveno claro polo ambiente que se respiraba alí. O equipo estaba arriba en Terceira e sabía que ía ter minutos. Necesitaba coller ese tren e cambiar de aires. Non me arrepinto, aínda que a alguén lle parecese mal. A xente do fútbol sabe que non ten sentido reter a ninguén se hai a oportunidade de mellorar. Se alguén quere cambiar de aires por progresar, non se lle deben poñer trabas».
FIG: Como recordas os teus pasos por Ourense CF e Arosa?
BP: «Foron os meus mellores anos. En Ourense empecei como sénior con 19 anos e necesitaba vivir experiencias no mundo do fútbol. Saíra do Pabellón e tiña opcións entre Lalín e Ourense, e decidín quedar alí. Estiven case tres anos, dous deles en Preferente, conseguindo o ascenso a Terceira. Logo decidín volver a Lalín por circunstancias da vida e, tras pasar polo Arzúa, recibín a chamada de Luisito. Sempre lle estarei agradecido por contar comigo. Formar parte dun club con tanta historia como o Arosa é incrible. Pasei dous anos alí e foron dos mellores da miña vida, tanto persoal como deportivamente. Desfrutei moito desa etapa, aínda que sempre che queda algún resquemor. En todo caso, síntome moi satisfeito coas decisións que tomei na miña carreira».
FIG: Esta fin de semana enfrontádesvos contra o líder, o Bertamiráns, na súa casa. Que importancia ten o partido e que esperas del?
BP: «Temos unha das saídas máis duras da tempada. Está claro que o Bertamiráns é un dos equipos destacados deste inicio pola súa forma de competir e polos resultados. É un partido máis, pero imos ir a gañar e a competir sabendo que vai ser complicado. Eles están facendo as cousas ben e teñen moitos rapaces novos con moito ritmo. Nós imos ao noso e a seguir competindo».





















































































































































































































































































































































































































































































