# Hashtag

Adri Campos, Tomiño FC: «Defender o escudo do equipo do meu pobo é unha honra»

Adri Campos comezou a tempada asinando unha actuación para o recordo: un hat-trick na vitoria do Tomiño fronte ao Racing Castrelos, nun dos campos máis esixentes da categoría.

Nunha entrevista concedida tras o encontro, Campos amosouse satisfeito tanto polo rendemento colectivo coma polo seu inicio de liga a nivel individual. O tomiñés, que ten moi clara a importancia da permanencia, non agocha que volver levar ao seu equipo á Preferente sería un soño persoal.

Futbolingalicia: Esta fin de semana arrincou a Primeira Futgal e, por encima de todo, destacou a túa actuación fronte ao Racing Castrelos cun hat-trick para gañar 2-3. Como foi o partido?



Adri Campos: «Non puidemos facer o fútbol que nos gustaría, pero o equipo fixo un partido moi serio nun campo complicado. Metemos as ocasións que tivemos e conseguimos levarnos os tres puntos nun campo no que creo que poucos equipos van conseguilo».

FIG: ⁠⁠Que significa para ti empezar o curso desta forma?

AC: «No colectivo é unha vitoria moi importante, xa que empezar gañando, e sobre todo nun campo complicado como é A Mina, dános un extra de confianza para afrontar o que vén por diante. Penso que vai ser unha liga moi competida e que calquera lle pode gañar a calquera. No individual estou moi contento por empezar a liga con tres goles e agardemos poder seguir na mesma liña».



FIG: A que aspira o Tomiño esta tempada?

AC: «O obxectivo principal é conseguir a permanencia o antes posible. Unha vez conseguida, intentaremos quedar o máis arriba posible, aínda que teño que recoñecer que levar o Tomiño á Preferente de novo é un soño para min.».

FIG: Que esperas do partido desta fin de semana fronte ao Gondomar?



AC: «O Gondomar, para min, é un dos candidatos ao ascenso sen ningunha dúbida. Creo que será un partido moi disputado, como veñen sendo os últimos anos nos que nos enfrontamos a eles. Sempre son partidos moi bonitos para o afeccionado e estou seguro de que esta vez non será diferente. Creo que a clave estará en quen defenda mellor a súa portería, porque goles haberá seguro. Agardemos deixar os tres puntos na casa».

FIG: O ano pasado anotaches 24 goles e, desde a pandemia, son máis de 80 tantos. Recibiches ofertas este verán?

AC: «Si, algunha oferta houbo. Unha delas, en especial, púxome nunha decisión complicada, pero decidín continuar aquí un ano máis».

FIG: Que che levou a seguir no Tomiño?

AC: «Gustoume o proxecto do club para esta tempada e cheguei á conclusión de que o mellor para min este ano era seguir aquí».



FIG: Levas desde 2020 no Alivio, a excepción de seis meses no Atios. Que significa o club para ti?

AC: «Teño un sentimento de pertenza moi grande cara ao club. Son de Tomiño, xogo con parte dos meus amigos e síntome moi valorado polo club e polos meus compañeiros. Para min defender o escudo do meu pobo é unha honra».



FIG: ⁠⁠Como foi esa experiencia en Preferente co Atios?

AC: «Foi unha etapa un pouco difícil. No deportivo non me deron a confianza que a min me gustaría, e iso ás veces é complicado de xestionar. Aínda así, teño moi bo recordo do club e da súa xente.».

FIG: Durante a túa etapa basee xogaches en categorías altas con Val Miñor ou Choco e fuches convocado coa selección galega. Como lembras esa etapa?

AC: «⁠Lembro esa etapa con moita nostalxia: ir xogar fóra de Galicia, facelo en campos como Mareo, O Requexón e moitos outros son experiencias que nunca esquecerei. Teño moi bo recordo deses anos. Coa selección é verdade que non cheguei a ir convocado a ningún partido oficial, pero si que fixen, se non lembro mal, catro ou cinco adestramentos coa sub-18, e sempre é un orgullo vestir a camiseta da túa comunidade. Da primeira chamada lembro que foi unha alegría enorme para min». 

FIG: Alí coincidiches con xogadores asentados no fútbol profesional como Lautaro de León, Iker Losada ou Brais Martínez. Como xestiona un xogador ver como algún dos seus compañeiros chegan pero outros moitos quedan polo camiño do fútbol?

AC: «É un tema un pouco complicado para min. A xente pensa que eu non quixen, e é moi fácil dicir as cousas desde fóra, pero a realidade é outra. A xente que me coñece de verdade sabe o que significou o fútbol sempre para min e que a miña ilusión sempre foi chegar alto. Simplemente as cousas non se deron como se tiñan que dar, e hoxe en día xa o teño asimilado e lévoo moito mellor».

Adri Campos, Tomiño FC: «Defender o escudo do equipo do meu pobo é unha honra»

A quenda dos 164 equipos da Segunda

Adri Campos, Tomiño FC: «Defender o escudo do equipo do meu pobo é unha honra»

João Teixeira debuta co Barbadás tras a