Xa están definidos os dous equipos que pelexarán pola fase autonómica da Copa RFEF. O Arosa SC e o Ourense CF selaron este mércores o seu pase á gran final despois de superar as semifinais con dous guións ben distintos: sufrimento ata o último instante en Vilagarcía e eficacia fulgurante en Oira. Esta fin de semana, na Lomba ás 19.00 horas, ambos medirán forzas por un título que, ademais do prestixio, outorga praza na fase estatal do torneo.
O Arosa impón a súa pegada no derbi conxeleiro
Na Lomba, o Arosa fixo valer o seu maior oficio ante un Boiro valente e atrevido. O encontro tivo de todo: goles, expulsión, lesións e emoción ata o último minuto. O primeiro golpe chegou aos 33 minutos, cando Gabri Palmás recibiu un balón ao espazo e, tras unha diagonal cara a dentro, conectou un disparo seco que entrou raso, imposible para Borja Rey. Ese tanto deu tranquilidade aos locais, que puideron ampliar a vantaxe antes do descanso cun cabezazo de Iñaki que saíu rozando o pau.
Na reanudación, o equipo de Gonza comezou forte e axiña chegou o 2-0, cunha acción de Lombao pola esquerda que serviu un pase perfecto para a chegada de Martín Diz, quen non perdoou. Todo parecía encarrilado, mais o Boiro non se deu por vencido. O cadro de José Tizón buscou con insistencia a portería rival, aínda que as súas opcións complicáronse cando Prol foi expulsado por dobre amarela a falta dun cuarto de hora.
O tramo final foi de auténtico sufrimento para os locais. Tapha, un dos máis destacados, caeu lesionado do xeonllo esquerdo e abandonou o campo visiblemente abatido. Xa no desconto, Juanma recurtou distancias cun gol que puxo emoción e, no minuto 97, o mesmo xogador tivo na súa cabeza o empate, mais o seu remate marchou a escasos centímetros do poste. O Arosa acabou pedindo a hora, pero certificou a súa presenza na final.
O Ourense CF sentencia ao Arenteiro en trece minutos
Na outra semifinal, disputada en Oira, o Ourense CF non deu opcións ao Arenteiro e resolveu o derbi por 2-0 nun abrir e pechar de ollos. Os de Dani Llácer saíron moi enchufados e atoparon premio moi cedo: unha falta lateral derivou nun penalti sobre Marco Camus, que el mesmo transformou para facer o 1-0. Apenas dez minutos despois, unha acción rápida pola dereita rematou con centro de Nacho Castillo para Hugo Sanz, que definiu cun tiro cruzado impecable.
O Arenteiro quedou moi tocado tras ese inicio demoledor e, malia tentar reaccionar a través de homes como David Ferreiro ou Alpha, non atopou vías de perigo real. O Ourense, apoiado polo seu público, soubo controlar os tempos, protexendo a vantaxe e buscando saídas rápidas que incluso puideron ampliar a conta. A ocasión máis clara chegou co remate de Kensly Vázquez ao poste. A única mala nova foi a lesión de Fran Carmona, retirado en padiola tras un golpe.

Deste xeito, Arosa e Ourense CF medirán as súas forzas o domingo na Lomba nun partido que promete intensidade e ambiente das grandes citas. Os vilagarciáns chegan coa moral alta tras eliminar a dous rivais moi competitivos, mentres que os ourensáns confirmaron o seu papel de favoritos con dous partidos solventes.
A final non só suporá o título de campión galego, senón tamén o pase á fase nacional da Copa RFEF, onde se cruzarán cos mellores doutros territorios e pelexarán, ademais, por unha praza na vindeira edición da Copa do Rei. O premio é suculento e ambos equipos teñen motivos para soñar: o Arosa, por disputar a final ante a súa afección, e o Ourense CF, por demostrar que o proxecto segue a medrar e que aspira a todo.
