O Club Deportivo Arenteiro continúa asumindo as consecuencias da grave crise económica que derivou no descenso administrativo a Terceira RFEF por impagos aos xogadores. A entidade confirmou a saída de todos os futbolistas que formaron parte do primeiro equipo durante a pasada tempada. Desde o pasado 30 de xuño, todos eles quedaron oficialmente convertidos en axentes libres, poñendo fin a unha etapa marcada pola incerteza e os problemas económicos.
A través das súas redes sociais, o club quixo despedirse do vestiario cunha mensaxe de agradecemento. «Quixéramos brindar unha agarimosa despedida a todos eles e desexarlles a mellor das sortes nos seus futuros proxectos persoais e profesionais. Grazas pola vosa profesionalidade e compromiso». Un adeus inevitable despois de que o Arenteiro non puidese afrontar os pagos reclamados pola AFE e perdese a súa praza na Segunda RFEF.
Nos últimos días, esa despedida tamén tivo nomes propios. A entidade do Carballiño foi dicindo adeus a tres dos grandes símbolos da mellor etapa da súa historia: Diego García, Jordan Sánchez e David Ferreiro. Os tres capitáns recibiron unha emotiva homenaxe por parte do club. Defínennos como auténticas lendas tras converterse en protagonistas do espectacular crecemento deportivo vivido nos últimos anos. Tres futbolistas que xa forman parte da memoria do Carballiño e que marchan nun contexto moi distinto ao que todos desexaban.
Toda esta situación chega despois do extenso comunicado remitido polo club aos seus socios, no que a nova directiva expuxo o delicado escenario económico da entidade. O Arenteiro explicou que non puido facer fronte aos 247.000 euros reclamados pola AFE. A cantidade que podería elevarse ata arredor dos 327.000 euros ao sumarse tamén os salarios pendentes do mes de xuño.
Máis débedas pendentes
A maiores, o club deberá afrontar nos próximos días unha débeda próxima aos 230.000 euros con Facenda e a Seguridade Social, ademais dos compromisos económicos con acredores privados e do préstamo existente coa familia Arribas.
A directiva tamén avanzou que o novo presidente, Francisco Vázquez Rogel, avalará parte da débeda esixida para que o equipo poida competir en Terceira RFEF. Todo isto sempre segundo a versión publicada polo club na súa web.

O Arenteiro asegura ter pendente de cobrar preto de 450.000 euros, unha cantidade que podería aliviar algo a situación financeira. Ademais, a entidade puxo en marcha un plan de reconstrución dividido en diferentes áreas de traballo para recuperar a estabilidade económica, reforzar a relación coa masa social e preparar un novo proxecto deportivo.
























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































