Negreira prepárase para un día histórico, o da visita dun Primeira División, a Real Sociedade, que ten en vilo a todo o municipio. É un dos partidos que seguiremos con atención este martes, na primeira xornada dunha apaixoante rolda da Copa do Rei que deixará outros duelos de interese, como o derbi UD Ourense – Pontevedra, con Rufo medíndose aos granates o mércores.
Por suposto, cita destacada será tamén a visita do Oviedo á cidade das Burgas e os partidos de Celta, Dépor e Racing ante rivais de inferior categoría.
Negreira – Real Sociedad
Todo preparado en Negreira para un dos días chave da historia da SD. A Real Sociedad viaxa á localidade con todas as súas estrelas, pois o adestrador do cadro donostiarra, Sergio Francisco, quere evitar a sorpresa que agardan dar os de Adri Vázquez. O técnico do Negreira, en rolda de prensa este luns, dixo que «ser competitivos pasa pola nosa fase defensiva, estar xuntos e moitas axudas. Se temos algunha pequena oportunidade, aproveitarémola«.
Vázquez asegura que chegar ata aquí xa é todo un premio para a SD Negreira. Un premio que agardan compartir cos arredor de 3.000 afeccionados que se darán cita nun García Calvo que presenta un aspecto moi diferente ó habitual, pola instalación das bancadas supletorias. «Todo o mundo está deseando que chegue o día, que sexa unha festa para todos. Chegar e ver o campo cheo é o que máis ilusión nos vai facer«, apuntou Vázquez.
Sobre o rival, o capitán do Negreira, Juan Diego, engadiu que viron algúns vídeos, «pero estabamos centrados na liga e non tivemos aínda preparación expresa«. No vestiario teñen moita ilusión co partido. «Imposible non hai nada, pero a diferenza de categoría está aí, son profesionais, algúns internacionais«, sinalou o futbolista.
UD Ourense – Pontevedra CF
Outro equipo das categorías que seguimos acotío (entre Segunda RFEF e Primeira Futgal) é a UD Ourense, que será protagonista xunto co Pontevedra CF do derbi galego da semana. O outro protagonista será Rufo, o dianteiro agora nas filas ourensanistas tras defender seis temporadas a camiseta granate.

Horarios
| DÍA | HORA | PARTIDO |
| Martes 28 | 19:00 | Ourense CF – Oviedo |
| Martes 28 | 19:30 | Langreo – Racing Club Ferrol |
| Martes 28 | 21:00 | Negreira – Real Sociedad |
| Mércores 29 | 20:30 | UD Ourense – Pontevedra |
| Xoves 30 | 19:00 | Puerto de Vega – Celta |
| Xoves 30 | 21:00 | Sámano – Deportivo |























































































































































































































































































































































































































































































