Roberto Carracelas, goleador contrastado e peza importante na salvación do Domaio, fala con nós sobre a pasada e a próxima tempada. A continuación as súas verbas:
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Que ten o proxecto do Domaio de atractivo para renovar e cumprir a terceira tempada consecutiva no club?
Roberto Carracelas Nieto (en adiante RCN): «Especialmente é un tema a nivel persoal e social. Teño bastante amizade cun grupo de oito compañeiros que quedamos habitualmente despois dos adestramentos do venres e inclusive imos xuntos a torneos. Nestes últimos anos de carreira quero disfrutar e con eles teño moi boa relación a pesar da diferenza de idade que teño con algúns. Tamén teño boa sintonía coa directiva e quédame bastante preto da casa.»
As grandes cifras goleadoras de Roberto Carracelas
FIG: Anotaches 40 goles nas dúas últimas tempadas. Contento con estes números?
RCN: «Estou moi contento. A primeira tempada foi na Segunda Futgal. Eu viña de ascender o curso pasado a Preferente co Moaña. Montamos un bo equipo, de parte alta da clasificación, o que axudou a ter moitas ocasións e meter moitos goles. Esta última tempada cheguei a 15 goles, perdéndome algún partido por mor dunha lesión.»
«Nas divisións máis altas que xoguei, que son Preferente e Primeira Futgal, fixen algún ano de máis de 20 goles, especialmente ao principio da miña carreira. Estou tamén moi contento co curso pasado, xa que a pesar de ter 38 anos o feito de estar entre os oito máximos goleadores e nun equipo que ao final loitou por non descender está moi ben. Moi feliz con eses números.»

FIG: Algunha cifra que te poñas como obxectivo neste apartado para a nova campaña?
RCN: «Todo o que sexa superar ou polo menos acercarse aos 15 goles da tempada pasada xa sería unha gran tempada. Máis ou menos ao longo da miña carreira a media de gol por ano soe estar polos 12-15 goles, con picos de máis de 20 e tamén algunha tempada máis frouxa de 6-7. Todo o que sexa manter esa media sería sinónimo de boa campaña.»
FIG: Como describirías a tempada 24-25 con moitos equipos inmersos na pelexa pola salvación?

RCN: «Quitando catro equipos; Alertanavia, Tyde, Gondomar e Guardés; no resto houbo moita igualdade. Nós temos unha estadística curiosa da que falabamos o ano pasado. Soamente perdemos os dous partidos contra dous equipos, curiosamente contra un equipo que acabou descendendo, Santa Mariña, e contra outro que estivo na parte baixa, o Goián. Ao resto de equipos mínimo lles empatamos ou gañamos un partido. Isto fai ver a igualdade e que a nós ao mellor nos era máis doado competir contra os equipos de arriba que cos da parte baixa. Foi unha tempada moi intensa, estando aí na pelexa pola salvación ata o final.»
«A forza que nos deu o grupo foi vital, ao non ter carácteres demasiado «divos» nin individualidades. Somos un grupo bastante plano e uniforme no sentido de que non hai grandes figuras, e as que poden estar nese grupo, se me podo incluir nel un pouco por traxectoria, tampouco somos estridente en canto a xestos ou querer sobresaír máis alá de axudar ao equipo. Houbo moito filosofía de grupo, con moita xente adestrando e iso foi o que nos deu a forza para non entrar en barrena.»
«Empezamos moi mal na primeira volta e con moitas baixas. Logo fomos recuperando xente e crendo en que co traballo ían chegar os resultados e así foi.»
FIG: Que esperas do novo curso? Cales son os obxectivos?
RCN: «Intentar afianzar ao equipo na categoría. Esta tempada pasada sufriuse moito para salvar a categoría. Este ano houbo un par de ascensos de equipos que eran top mais tamén houbo os descensos do Rápido de Bouzas, do Matamá e do Juvenil de Ponteareas, que son tres equipos que se reforzarán e que teñen xogadores de calidade acostumados a xogar noutras categorías.»

«Meteron tamén ao Vilaboa na nosa liga, na Primeira Futgal Grupo 6, que é un equipo bastante potente. Penso que a nivel xeral terá máis nivel que con respecto á tempada pasada, polo que para nós é un reto intentar manter un posto tranquilo. O obxectivo é estar en tranquilos en media táboa, non sufrir en exceso e o antes posible acadar a salvación. Penso que por equipo, o ano pasado, deberiamos estar algo máis arriba. De feito na segunda volta estivemos entre os sete mellores equipos. A meta será estar entre os dez primeiros, máis se cabe para non ter problemas polo tema dos posibles arrastres.»
Test rápido con Roberto Carracelas Nieto
Campo favorito: «O Iago Aspas Juncal, o campo do Moaña. É onde pasei os mellores momentos da miña carreira.»
Un compañeiro: «Despois de tantos anos, hai moitos importantes! Gustariame citar, pola parte futbolística, a Andrés Giráldez do Moaña. Foi o xogador co que máis disfrutei xogando na dianteira.»
«A nivel persoal teño moitísimos. Agora no Domaio podo quedarme con Pedro López, un dos capitáns, co que teño unha gran relación.»
Un xogador rival que ficharías para o teu equipo: «Non sei se seguirá este ano mais ficharía a Adrián Cidrás do Vilaboa, un bo amigo meu e é top na categoría.»
Un adestrador que te marcase: «Esta é bastante fácil! Miguel Fernández, o meu adestrador no Moaña. É un pouco o que me fixo dar un paso adiante na miña carreira cando eu xa pensaba en estar chegando ao fin. Deume un empurrón, facendo subir o meu nivel en anos nos que non se supoñía que isto puidese pasar. Apostou por min neses momentos e estoulle moi agradecido.»