Sen grupos nin calendarios oficiais os clubs xa planifican o futuro
Aínda non se coñece de forma definitiva a composición das ligas galegas nin das categorías nacionais nas que competirán os equipos da comunidade. Nin a Real Federación Española de Fútbol nin a Real Federación Galega de Fútbol publicaron aínda os grupos nin os calendarios da próxima tempada. De feito, a diferenza das competicións masculinas, nin a Primeira Federación —na que non haberá representación galega— nin a Segunda Federación feminina teñen pechada oficialmente a súa composición.
O que si está confirmado é que o fútbol feminino volverá experimentar unha nova reestruturación de cara á tempada 2027/2028. A Primeira Federación pasará de contar cun único grupo a dous, mentres que a Segunda Federación aumentará de tres a catro grupos. Estes cambios terán un efecto directo sobre as competicións autonómicas e, por extensión, sobre os clubs galegos.
A primeira consecuencia xa se deixou notar este verán. A ampliación da Terceira Federación, que pasa de 12 a 14 equipos, modificou a composición das categorías inferiores. O Rosalía competirá finalmente en Terceira Federación tras a renuncia do Sárdoma, mentres que o Domaio mantén a categoría. Ademais, o Bergantiños B e o Ponte Caldelas tamén ascenderán a Primeira Galicia despois de que a RFGF lles comunicase a existencia de vacantes, pese a non conseguir o ascenso no play-off.
Esta reestruturación tamén repercute na Terceira Galicia, xa que finalmente ascenderán tres equipos por cada grupo. Isto permitirá que todos os terceiros clasificados dean o salto de categoría, aínda que xa se coñece a renuncia do Escola Juan Cabrejo a competir a próxima tempada en Segunda Galicia.
Renovacións nas Celtas
A pesar de que aínda non se coñecen os grupos nin os desprazamentos que deberán afrontar a próxima tempada, As Celtas e o Deportivo B xa comezan a perfilar os seus cadros de persoal. Pola contra, o Victoria CF mantense, polo momento, sen anunciar novidades.

No caso das Celtas, o equipo que volverá estar dirixido por David Ferreiro, aos nomes que xa se coñecían súmanse agora as renovacións de Nai e Iria na portería; Pañu e Paula Rodríguez en defensa; Cuquejo, Tati e Celia no centro do campo; e Nogue, Toubes e Nara na dianteira. Ademais, Iria, Paula e Celia pasan a formar oficialmente parte do primeiro equipo.
En canto ás baixas, polo de agora só se coñece o destino de Tati Barcia. Tras unha tempada nas Celtas, a futbolista continuará a súa carreira no Elche, tamén da Segunda RFEF.
Novas fichaxes blanquiazuis
No Dépor B, que aínda non confirmou quen ocupará o banco a próxima tempada, xa é oficial que Lucía Rivas e Paula Novo pasarán a formar parte do primeiro equipo. Pola súa banda, Redru volverá ter protagonismo na dinámica do Dépor Abanca, como xa sucedeu durante a pasada campaña.
O filial branquiazul tamén confirmou tres incorporacións: Antía Mayo, Elsa Ayats e Sara Prego, ás que se suma a continuidade de Karla Bermejo. A futbolista chegou no mercado de inverno cedida polo Racing Power, da Primeira División portuguesa, e tivo un papel determinante na permanencia do equipo.
Bermejo disputou 11 partidos, dez deles como titular, e anotou nove goles, converténdose nunha das pezas clave do filial no tramo final da tempada.
A primeira das incorporacións é Antía Mayo. Segundo informou o club, xa formara parte da entidade en 2019. Formouse no Victoria FC antes de dar o salto ao Sporting de Gijón, onde militou nas tres últimas tempadas. Durante a súa estancia no conxunto asturiano tivo que pasar polo quirófano tras sufrir unha lesión no xeonllo esquerdo, aínda que regresou aos terreos de xogo o pasado mes de decembro. Agora inicia unha nova etapa na Coruña, onde buscará recuperar as mellores sensacións.
Outra das caras novas será Elsa Ayats. A centrocampista, de 16 anos, chega procedente do Espanyol C, co que competiu en Preferente. Ademais, é internacional española sub-16, unha mostra do talento e da proxección que atesoura.
A terceira incorporación é Sara Prego, tamén de 16 anos. A futbolista chega ao Dépor B tras dúas tempadas no CD Tenerife B, en Terceira Federación, onde a pasada campaña asinou nove goles desde o centro do campo.










































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































