O Compos pon a eliminatoria de cara ante o Badalona
Os picheleiros collen unha importante vantaxe de cara á volta da final nacional polo ascenso á Segunda RFEF tras superar por 3-0 ao Badalona no Vero Boquete. Os tantos de Antón Guisande e Carlos López, ‘Charly’, ademáis dun en propia meta permiten aos composteláns viaxar a Cataluña cunha renda considerable, aínda que os badaloneses xa demostraron na eliminatoria anterior que son capaces de remontar un resultado adverso.
O Compostela saíu mellor ao terreo de xogo e axiña comezou a acumular chegadas con perigo sobre a portería visitante. Aos cinco minutos chegou o premio, cando Valín protagonizou unha incursión pola banda dereita e o seu centro remate acabou no fondo da rede tras tocar nun defensor rival. O gol reforzou o dominio dos locais, que continuaron buscando a meta contraria con ocasións que marcharon desviadas por pouco ou se atoparon co longueiro.
Co paso dos minutos, e tras a pausa de hidratación, o Badalona conseguiu frear o ritmo ofensivo dos composteláns, que aínda así chegaron ao descanso cunha vantaxe mínima.
Nada máis regresar dos vestiarios, o Compos volveu golpear. No minuto 48, Charly gañoulle a partida ao central rival e deixou o balón perfecto para que Antón Guisande definise con acerto e ampliase a diferenza no marcador.

O propio Charly, un dos xogadores máis destacados do encontro, atoparía tamén o seu premio. No minuto 76, Unai Peón rompeu liñas cunha gran condución e asistiu ao dianteiro, que definiu entre as pernas do gardameta para establecer o definitivo 3-0.
O Badalona tentou reaccionar e dispuxo dalgún achegamento perigoso, pero non foi quen de reducir diferenzas. Deste xeito, o Compostela afrontará a volta cunha vantaxe de tres goles e coa oportunidade de culminar en Cataluña o soño do ascenso á Segunda RFEF.

O Montañeros segue liderando o mercado
O Atlético Montañeros continúa sendo o equipo máis activo neste inicio de mercado e xa acumula 20 movementos, sin contar o adestrador. Tras anunciar a continuidade de Jairo Arias á fronte do proxecto, o conxunto coruñés fixo oficiais varias incorporacións e baixas nos últimos días.
Entre as novas caras destacan os centrocampistas Mario Constenla e Axel Sánchez, ambos procedentes do Noia, que cambian de equipo pero continuarán competindo na Terceira Federación. No capítulo de saídas, non seguirán Pablo Rubio, Axel Delgado, Juan de Dora e Jorge Cano. Este último xogará a próxima temporada no Silva.
O Estradense segue perfilando o seu proxecto
O conxunto da Estrada suma xa dez movementos, con oito renovacións e dúas baixas. Nos últimos días confirmou a continuidade dos defensas Ángel Muñiz e Dani Varela, así como do centrocampista Raúl Gómez. Tamén seguirán formando parte do equipo dúas pezas importantes no ataque, Pablo Porrúa e Edu Taboada.

Pola contra, Isra Salgueiro non continuará na portería despois de tres temporadas no club e de disputar dous playoffs de ascenso. Tampouco seguirán Brais Vidal no medio do campo nin Ian na parcela ofensiva.
O Villalbés aposta pola continuidade
O Racing Villalbés acumula dez movementos, con nove renovacións e unha baixa. Despois das comentadas a semana pasada, o club chairego contará de novo con Santi Prado tras o seu período de cesión na UD Ourense. Na defensa continuará David Cadra, formado na canteira e no medio de campo permanecen Miguel Rego e Javi Varela, na súa decimocuarta temporada, ao igual que seu irmán José Varela, quen leva unha menos, aportando no ataque villalbés. Na lista de despedidas figura David Buyo, que pon fin á súa etapa na entidade tras nove campañas.
Primeiros anuncios no Somozas
O Somozas xa realizou seis movementos de cara á próxima campaña, con catro renovacións e unha baixa. Seguirán no equipo o porteiro Adrián Suárez, os defensas Joel López e Iván Guerrero, o centrocampista Bruno Bellas e o dianteiro Iván Dopico.
Polo momento, a única saída confirmada é a de Óscar Varela.
O Alondras, pola súa banda, tamén comezou a ensinar os cambios de cara a vindeira temporada despedindo a dous xogadores, Jorge Guimerans e Joel Rocha que seguirán o seu camiño noutros clubes.

O Silva sigue sumando novos xogadores máis alá da incerteza do seu futuro. Nesta última semana anunciaron que o lateral Bilal e o dianteiro Nico Mosquera continuarán outra temporada vestindo de branco. Chegan tamén tres novos xogadores, Martín Lagoa, porteiro, e Simón Cabanas, mediocentro, ambos procedentes do Victoria CF, e o xa comentado Cano.
Por outra banda, resto dos equipos da categoría aínda non anunciaron novidades destacadas nos últimos días. O Boiro, aínda que xa adiantara varios movementos anteriormente, non presentou cambios durante esta semana.
O Lalín aposta por a xuventude no seu plantel
Coa chegada de Iván Carril ao banco, o Lalín continúa dando forma ao seu proxecto para a estrea na Terceira Federación. O conxunto dezán está a apostar pola continuidade e pola mocidade, renovando a varios futbolistas que xa formaban parte do plantel.
Seguirán no club o porteiro Dani Sampayo; os defensas Aarón Soto, Pablo Couto e Josema Carballude; os centrocampistas Lois Varela e Berni; e o dianteiro Hugo Alvarellos. Pola contra, non continuarán Manu Fuentes, Brais Calvo, Emi Carril e Hugo García.
Polémica no Atlético Arteixo
O Atlético Arteixo vive un momento delicado tras quedar ás portas do ascenso. Despois da marcha do adestrador Posi, os xogadores do primeiro equipo fixeron público un comunicado nas redes sociais para denunciar unha situación de impagos por parte do club.
No escrito aseguran que a entidade lles adebeda tres mensualidades aos integrantes do primeiro equipo e dúas aos adestradores e traballadores do club. Os futbolistas explican que decidiron facer pública a situación coa intención de que se adopten as medidas necesarias para solucionar un problema que, segundo afirman, afecta gravemente ao presente e ao futuro da entidade.
Polo momento, o club non anunciou movementos no plantel máis alá da saída do técnico. Quen si se despediu da afección foi José Fernández, ‘Jota’, unha das referencias ofensivas do equipo nas últimas temporadas, que confirmou a súa marcha a través das redes sociais.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































