# Hashtag

Xabi Ares, Umia CF: «Temos que darlle continuidade ao que estamos a facer e manter a calma»

Segundo os prognósticos, o Umia CF partía ao inicio da competición como un dos equipos con máis papeletas para non manter a categoría na Preferente Sur ao ser un recentemente ascendido desde a Primeira Galicia. Porén, o club de Barrantes está dando a cara e se atopa a tan só un punto da salvación, que marca o Verín con 15 puntos.

Esta fin de semana, os pupilos de Hugo Sanmartín venceron por 3-0 a un colista Rápido de Bouzas e este domingo visitarán ao seus veciños do CJ Cambados nun derbi que se disputará en horario matinal en Burgáns. Con ganas de xogar ese partido tras meter un gol e dar unha asistencia o pasado domingo na Bouza, Xabi Ares atende a Futbolingalicia para falar sobre a súa actualidade e a do seu equipo.

Futbolingalicia: Victoria 3-0 ante o Rápido de Bouzas esta fin de semana que vos mantén preto dos postos de permanencia. Que sensacións quedaron no vestiario despois do partido?



Xabi Ares: «Pois quedou unha sensación de satisfacción, xa que o deber era gañar o partido e logrouse, dando resultado ao traballo que levamos facendo as últimas semanas. Levar os tres puntos, e máis se o fas na casa, sempre é unha alegría».

FIG: No apartado individual, anotaches un gol e deches unha asistencia a Rubén Gullón. Como te estás a sentir neste inicio de tempada?

XA: «Foi un inicio de tempada complicado e, individualmente, estou a ir de menos a máis. Agora estou nun bo momento e estanme saíndo as cousas, pero só penso en seguir axudando ao equipo no que poida e seguir traballando, que aínda hai moito no que mellorar».



FIG: ⁠Levas catro goles no teu primeiro ano na Preferente despois de tres cursos en Primeira Galicia. Que diferencias estás a notar entre categorías?

XA: «Nótase un aumento da calidade dos equipos respecto á Primeira Galicia. Na miña opinión, os equipos están mellor preparados e o nivel físico é máis esixente. Ademais, os rivais penalízante ante os erros con maior facilidade, entón o nivel de concentración que hai que manter é maior».

FIG: É unha realidade que xa es un dos fixos no ataque do once do Umia despois de sete titularidades consecutivas. Como é esa conexión con outras pezas importantes do equipo como Álex Guillán ou Eloy Fariña?



XA: «En canto a Alex, non é nada novo, xa fixemos boas migas a tempada pasada e esta non ía ser menos. É un xogador que sempre está e que sempre suma e axuda a que as cousas sexan mais fáciles. Con Eloy é a primeira tempada que xogo con el, pero a adaptación foi rápida, xa que é un xogador dunha calidade diferencial na categoría».

FIG: ⁠Logo dun mal comezo como local, o Umia acumula 7 puntos dos últimos 9 na Bouza. Que vos ocorría nos primeiros partidos e que mudou para mellorar esa dinámica?

XA: «⁠O comezo foi complicado. Tivemos dúbidas ao encaixar cinco goles no primeiro partido na casa, pero soubemos darlle unha volta e tomar a situación con tranquilidade, xa que aínda estaba a comezar a liga e só necesitabamos tempo e confianza no traballo. Por outro lado, incorporacións como as de Rubén Gullón e Emilio sumaron moito nalgunhas facetas que nos estaban a custar».

FIG: O estado do céspede e as dimensións do campo fan da Bouza un contexto especial dentro da liga. De que maneira cres que inflúe isto en vós e nos rivais?

XA: «As dimensións da Bouza fan que sexa un campo complicado para o rival e para nós mesmos tamén. Nunca podes dar un partido por pechado, xa que é un campo no que en calquera momento hai ocasións, goles e calquera acción pode ser crucial para o resultado».



FIG: Cales serán as claves para loitar pola permanencia na categoría?

XA: «Creo que as claves están agora en darlle continuidade ao que estamos a facer e manter a calma necesaria, xa que a frustración nos xogadores non axuda en nada. Queda moita liga por diante e cada partido é diferente, así que hai que seguir afrontando as semanas como o estamos a facer e seguir competindo nos partidos».

FIG: Despois de trece xornadas estades a só un punto do Verín, cre o vestiario en gañar esa pelexa e lograr o obxectivo da salvación en Preferente?

XA: «Sen dúbida. Agora estamos nun bo momento e algún xogador nótase que gañou confianza, eu incluído. Así que esperamos saír do descenso o antes posible e esperemos que as cousas estean do noso lado».

FIG: O club sorprendeu coa fichaxe de Hugo Sanmartín desde o CD Grove de Terceira Galicia para ser o encargado de dirixir ao equipo. Como definirías o seu estilo de xogo?

XA: «⁠Penso que lle gusta un fútbol alegre e dinámico, de moito ataque cara adiante. Creo que nos representa ben ese estilo de xogo agora mesmo polo tipo de xogadores que temos e seguimos traballando nese aspecto».

FIG: Esta fin de semana afrontades un bonito derbi ante o CJ Cambados en Burgáns. Que esperas do partido?

XA: «Para algúns de nós será unha nova experiencia xogar en Burgáns, pero todos sabemos que vai ser un partido difícil e de moito traballo grupal. Sabemos tamén que vai ser un derbi bonito e imos con ganas de levarnos os 3 puntos».

Xabi Ares, Umia CF: «Temos que darlle continuidade ao que estamos a facer e manter a calma»

Os Diferenciais da Primeira Futgal no comezo

Xabi Ares, Umia CF: «Temos que darlle continuidade ao que estamos a facer e manter a calma»

Estela Castro, Sárdoma CF: «Temos motivación por

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *