# Hashtag
#Categorías RFEF #Terceira RFEF

A Copa Federación abre a temporada mentres continúa o mercado na Terceira RFEF

Co inicio dos primeiros amigables e a Copa Federación en marcha, os equipos da Terceira RFEF comezan a poñerse a punto sobre o terreo de xogo. Mentres algúns xa teñen practicamente pechado o seu plantel, outros continúan inmersos no mercado buscando as últimas pezas para completar os seus proxectos. Ademais, o vindeiro luns coñecerán o calendario da competición, que marcará o camiño da temporada.

Portonovo segue sumando

O Portonovo continúa perfilando o seu proxecto no regreso á Terceira RFEF. O conxunto de Sanxenxo, que esta fin de semana tamén entrou en escena na Copa Federación e pasou de fase ante o Alondras, anunciou ata seis incorporacións para afrontar a nova campaña.

Martín Lago, lateral esquerdo, chega dende o Gran Peña, mentres que o central Pedro Arufe incorpórase procedente do Noia e o lateral dereito Iván Varela faino desde o Sigüeiro. Na parcela ofensiva chegan Pedro Rey, tamén do Sigüeiro tras unha destacada campaña en Preferente, e Yoel Crespo, mediapunta procedente do Arosa. No centro do campo reforzará o equipo Bruno García, que chega do Beluso, onde foi unha peza clave nas dúas últimas temporadas. Ademais, o club confirmou a renovación de Timo.



Reforzos na portería

O Gran Peña viuse obrigado a reconstruír a súa portería tras as saídas de Andrés, que fichou polo Marín, e Asier, que puxo rumbo ao Coruxo. Para cubrir esas baixas, o conxunto vigués incorporou a Roi Graumann e Iago Domínguez.

Graumann chega procedente do Compostela, onde apenas contou con minutos, aínda que anteriormente tamén pasou polo Pontevedra B e o Val Miñor. Pola súa banda, Domínguez chega desde o Somozas, onde foi un dos porteiros menos goleados da categoría. Formado na canteira do Celta, tamén defendeu as cores do Compostela, Arenteiro e Mirandés.

Ademais, o Gran Peña reforzou a súa defensa coa incorporación de Covelo, procedente do Céltiga.



Tamén reforza a portería o Lalín coa chegada de Brais Crende. O gardameta procede do Noia, despois de pasar polo Betanzos e o Polvorín, e formouse nas categorías inferiores do Lugo.

A Sarriana tamén anunciou novidades baixo paus coa incorporación de Diego Domínguez. O porteiro andaluz chega tras o seu paso polo Sporting Atlético e o Xerez sénior. Xunto a esta fichaxe, o club renovou ao defensa Javi Piay, incorporou ao mediapunta Andoni Pérez, recentemente ascendido co Portugalete, e reforzou o ataque con Álex Pérez, procedente do Bergantiños.

Regresos con experiencia

Manu Núñez regresa ao Somozas catro temporadas despois. O coruñés volve ao Manuel Candocia tras o seu paso pola UD Ourense e o Bergantiños, equipos cos que conseguiu dous ascensos nos últimos anos.



O conxunto verdibranco tamén incorpora ao mediapunta Lucas Camba, que realizará a pretemporada co Racing de Ferrol pero xogará no Somozas grazas ao convenio de colaboración entre ambas entidades. Procede do Arosa, club do que tamén chega José Goitia, novo futbolista do Alondras no seu primeiro ano como sénior.

Outro dos regresos destacados é o de David Rojo ao Silva. O futbolista volve ao club coruñés sete temporadas despois, tras pasar por Atlético Arteixo, UD Ourense, Polvorín, Somozas e Paiosaco.

Mercado aberto

O Barco continúa configurando o seu plantel e segue anunciando fichaxes. Na última semana chegaron a Calabagueiros tres incorporacións. Diego Souto reforzará o medio do campo. O futbolista chega dende o Valladares, onde desenvolveu toda a súa carreira ata o de agora. Por outra banda, Hugo Parra defenderá os tres paus xunto a Imanol. O porteiro de 21 anos chega procedente do Atlético Bembibre e buscará seguir medrando no club. A terceira incorporación chega para o banco: Fran González regresa dez anos despois para formar parte do corpo técnico xunto a Agustín.

No Viveiro, que comezou esta semana a oficializar os movementos xa coñecidos, renovan Diego, Jacobo e Esquerdeiro na defensa, Ayoub na portería e Xoel Rodríguez no medio do campo.



Nas incorporacións, destacan os chegados do Racing de Ferrol, co central zurdo Aketza e o dianteiro Dani González. Tamén se incorporan Hugo Pérez e Bruno Graña, procedentes do Xove Lago, así como Peli e Raúl Ferreiros, ambos desde o Lugo. Ademais, regresan dous xogadores con pasado no club: Elías, que chega desde As Pontes, e Hugo Rodríguez, procedente do Burela.

Os xogadores do desaparecido Lugo B continúan atopando destino. Esta semana coñeceuse que Fran Blas, un dos máximos goleadores do equipo a pasada campaña, xogará no Céltiga. Pola súa banda, o Pontevedra B reforza o ataque coa incorporación de Fer Iglesias, que o pasado curso xogou tanto no Arenteiro como na UD Ourense.



O Boiro tamén confirmou unha saída importante: Yago García xogará a vindeira temporada na Preferente co Negreira.

Equipos que reconstruen o seu proxecto

O Atlético Arteixo continúa dando forma ao novo proxecto liderado por Noé López. Esta semana anunciou a chegada do porteiro Anxo, un dos capitáns do xuvenil do Deportivo, así como a incorporación do atacante Dani Suárez, procedente do Choco. Ademais, promociona ao primeiro equipo ao canteirán Jairo.

O Arenteiro tamén segue recuperando a normalidade tras os meses de incerteza institucional. O conxunto do Carballiño confirmou a incorporación de Alejandro Oca, que regresa sete temporadas despois tras o seu paso por UD Ourense, Barbadás, Barco e Cented, actualmente Auriense. Esteban Ruíz chega dende Argentina para reforzar a portería. Xa ten experiencia no Alondras e no Coruxo

Loita pola Copa Federación

A Copa Federación entra na súa primeira semana de competición. O Portonovo xa selou o pase aos cuartos de final tras superar ao Alondras, mentres que o Racing Villalbés tamén avanzou de rolda. Ademais, o Boiro aparece xa emparellado nos cuartos de final no cadro publicado pola RFGF, aínda que polo momento non transcenderon detalles sobre o encontro previsto fronte ao Céltiga. O Ourense CF e o Arenteiro disputarán a súa eliminatoria este domingo.

Entre os partidos pendentes desta fin de semana figuran o Lalín-Estradense, que se disputará o sábado ás 11.00 horas, e o Montañeros-Bergantiños, previsto para as 12.00.

No caso do Silva-Atlético Arteixo, o encontro continúa sen data oficial publicada pola Federación. Pola súa banda, o Antela-Gran Peña pechará a fin de semana o domingo.

A Copa Federación abre a temporada mentres continúa o mercado na Terceira RFEF

O Marín non baixa o listón: Gegunde

A Copa Federación abre a temporada mentres continúa o mercado na Terceira RFEF

A Copa Federación abre a temporada mentres