Atlético San Pedro, Milagrosa e Touro conseguen o ascenso
Xa hai gañadores dos playoff, dous equipos coruñeses e un lucense. O Atlético San Pedro volve gañar unha cita importante nos penaltis e xa é equipo de Liga Nacional. No playoff de ascenso a Primeira, a Milagrosa marca dous goles máis para certificar o ascenso. O Touro dálle a volta á eliminatoria e tamén consegue subir de categoría.
Todo aos once metros
O Atlético San Pedro, que vén de gañar a Copa Coruña desde o punto de penalti, tamén consegue desta forma o outro premio que buscaban esta tempada: o ascenso a Terceira RFEF.
Para conseguilo tiveron que viaxar o pasado domingo a Ourense para medirse ao Rosalía. As de Oleiros chegaban cunha pequena vantaxe tras o gol de Alba Martínez na ida, polo que aínda estaba todo por decidir.

Ás ourensás só lles fixo falta media hora para darlle a volta ao encontro, impoñéndose na súa casa por 2-0. As coruñesas precisaban anotar un gol para, polo menos, poder optar aos penaltis. E así foi: pouco despois da hora de partido, Joana Montouto puxo o punto, en principio e final, á súa traxectoria, facendo soñar ás súas compañeiras.
Foi ela a encargada de poñer as táboas no marcador e tamén a que pechou a tanda de penaltis, na que o Atlético San Pedro acabou gañando por 3-5.
Son así o segundo equipo da Primeira que estará a vindeira tempada na Terceira RFEF, xunto ao Victoria CF B.

A Milagrosa repite fazaña
Na segunda eliminatoria, a Milagrosa tiña que viaxar ata Carballo para medirse ao Bergan B, un rival que a máxima goleadora das lucenses xa consideraba superable, tal e como confirmou Irene Sante nunha fai uns meses.
En Lugo xa conseguiran vencer por 2-0, na primeira parte, con goles de Candela Otero e Leire Jauregui. Un resultado que lles daba certa marxe na súa visita ás Eiroas.

Neste partido, todo se decidiu no segundo tempo. Candela Gallego puxo o primeiro gol do encontro, e o Bergan B recortou distancias once minutos despois, no minuto 74. Pero o ascenso xa tiña nome propio.

No 76, Candela Otero marcou de novo para sentenciar a eliminatoria e pechar un global de 4-1, certificando así o ascenso da Milagrosa a Primeira Galicia.
A cousa non é como empeza, senón como acaba
O Touro, que chegaba á eliminatoria despois de perder por terceiro ano consecutivo a Copa Sar, esta vez ante o Calo, tamén se atopou cun inicio adverso no duelo ante o Pontecaldelas.
Un gol en propia porta e outro das pontevedresas fixeron que as de Touro tivesen que comezar o partido de ida a contracorrente.
No primeiro tempo conseguiron igualar o marcador cun dobrete de Helena Campos, que acabaría sendo protagonista con catro dos cinco goles do equipo da comarca de Arzúa.
A segunda parte comezou co 2-2 no marcador e así se mantivo durante o primeiro cuarto de hora, ata que tres goles case consecutivos, dous de Helena e un de Zaira Fernández, acabaron por confirmar a remontada e selar o ascenso.

Deste xeito, complétanse os ascensos: Muxía, Tordoia e Milagrosa no grupo 1; e Valladares, Atlético Arousana e Touro no grupo 2.
As Copas da Deputación de Lugo e Ourense decídense esta fin de semana
Primeiro coñeceranse as campioas da cuarta edición da Copa da Deputación de Ourense. Ambos equipos teñen xa un trofeo nas súas vitrinas, unha situación que buscarán desempatar este ano. Os dous conxuntos militan na Primeira Galicia e, aínda que na competición ligueira foron as do Rosalía as que quedaron mellor situadas con 32 puntos de diferenza, case o dobre, nunha final a partido único todo pode pasar.
Na liga, as actuais campioas gañaron o primeiro encontro por 3-1 na casa, pero no campo do Arenteiro empataron 1-1. Unha igualdade que tamén se deu na edición pasada da Copa, na que o título se decidiu nos penaltis. Haberá que agardar ao domingo para saber que equipo se converte no máis laureado da provincia de Ourense.
Pola outra banda, dous equipos que xa saben o que é disputar unha final veranse as caras por primeira vez na loita polo título. Ambos buscarán conquistar a súa segunda Copa. O actual campión, o Antas, parte cunha pequena vantaxe de categoría, aínda que o vindeiro ano volverán coincidir na competición ligueira. O encontro, que se xoga na Medela, en Taboada, espérase moi apaixonante, pero só pode gañar un. Veremos quen consegue finalmente facerse co título copeiro.










































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































